Historias de ida e volta

Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba

Ningún visitante da Habana queda indiferente ante a visión do magnífico edificio do antigo Centro Gallego de La Habana, símbolo do poderío e da grandeza que acadou a colectividade galega na illa ao longo dos séculos XIX e XX. Pero a grandeza dos nosos emigrantes na illa non foi só a súa construción senón tamén as decisións que foron aprobadas polos seus socios.
Foi creado en 1879 e ata o ano da súa desaparición como asociación en 1960, o Centro Galego levou a cabo un intenso labor educativo, a prol da alfabetización e formación dos seus socios e despois de toda a poboación habaneira, coa creación do Plantel educativo Concepción Arenal. Tamén destacou no ámbito hospitalario e asistencial, sendo propietario dunha das máis importantes organizacións sanitarias da illa, La Benéfica. Que dicir de todas as medidas tomadas para mellorar a vida cotiá dos galegos residentes na illa caribeña.
Con este especial preténdese difundir eses logros e lembrar o seu pasado como máximo referente da colectividade galega residente en Cuba, sen esquecer aos galegos e descendentes que alí viven e manteñen a pegada da cultura galega na illa.


Galicia é un país no que a emigración é inherente ao devir da súa realidade social, económica, política e cultural. Trátase dun fenómeno que está moi imbricado na identidade dos galegos. Nestes especiais preténdese relatar o proceso migratorio. Difundir o noso pasado e presente como emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso, empregando todo tipo de documentación e fotografías que se custodian no arquivo, queremos dar a coñecer e poñer en valor o papel determinante que tiveron os emigrantes no desenvolvemento da nosa sociedade e da nosa cultura.

Arquivo da Emigración Galega (CCG)