DOMINGO DE ANDRADE

Día das Artes Galegas 2021

Domingo de Andrade no Día das Artes Galegas 2020 e 2021

A Real Academia Galega de Belas Artes determinou prorrogar no ano 2021 o Día das Artes Galegas dedicado ao grande arquitecto barroco Domingo de Andrade, ao que se lle dedicara o ano pasado. Andrade foi un dos creadores da historia galega con máis impacto e influencia nas artes do país.

Neste especial ofrecemos tres contidos que axudan a explorar a obra de Andrade.

O profesor da USC Alfredo Vigo Trasancos, na altura membro da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, explícanos en cinco obras de Andrade as claves da súa arquitectura.

E propoñemos dúas viaxes a través de Google Earth para coñecer os traballos de Domingo de Andrade en Compostela. Na primeira, podes coñecer as súas obras máis destacadas como arquitecto de edificios relixiosos, onde podemos apreciar con máis claridade a ambición e a visión da arquitectura. Pero tamén é moi interesante coñecer o seu papel, máis pragmático, como mestre de obras, no que conciliaba os seus conceptos estéticos coa funcionalidade dos edificios que debían ser habitados e vividos no corazón da cidade.

Obras máis destacadas en edificios relixiosos

Edificacións civís
Torre do Reloxo (1676)

1. Torre do Reloxo (1676)

A súa primeira obra como arquitecto da catedral é tamén a súa obra mestra e todo un fito do xacobeo, pois pon de manifesto a nova arquitectura barroca que estaba a xurdir en Compostela como unha invención cargada de intencións. Quere ser o símbolo do santuario, o seu teito vertical e a imaxe metafórica dunha Nova Xerusalén que, grazas á tutela apostólica, converte Galicia nunha especie de Paraíso. Manda sobre a cidade e o reino, sinalando o sepulcro do Apóstolo; aínda que tamén quere representar os dons derramados polo Ceo sobre todas as Españas, sobre as que Santiago era patrón e protector. Iso xustifica todas as súas arquitecturas e adornos, a súa desmaterialización e a súa elocuencia simbólica que está presidida polo escudo real.

Cuncha de praterías (1685)

2. Cuncha de praterías (1685)

Supuxo un exercicio de habilidade técnica pois tivo que agachar de maneira enxeñosa unha escaleira que subía desde o interior da catedral ás salas do Tesouro de Praterías. Como tiña que sobresaír sobre a fachada e non podía tampouco descansar sobre o chan da rúa, dispuxo pechala cun estoxo pendurado no aire que fica sustentado por unha gran trompa, nunca vista nas súas dimensións na arquitectura compostelá. Finalmente vestiuna cunha vieira e a cruz de Santiago, como se representase ao Apóstolo á maneira dun forte atlante e coa caixa alta imitando a arquitectura de Rodrigo Gil de Hontañón, autor da fachada do Tesouro. Deste xeito, Andrade converteu a súa arquitectura barroca nunha obra renacentista que rende homenaxe ao seu predecesor.

Foto: Otto Wunderlich (1929-1936). Fototeca del Patrimonio Histórico.

Escaleira de caracol de San Domingos de Bonaval (1695)

3. Escaleira de caracol de San Domingos de Bonaval (1695)

Aínda que é unha obra de carácter intimista pois une dous pavillóns privados do convento, foi unha realización de grande enxeño e foi considerada decontado unha ‘marabilla’ galega. Máis que o funcional domina nela a fantasía, ao dispor nun espazo breve e circular tres caracois que soben sinuosos cara ao alto e cada un a unha planta diferente. Permite ver e ser visto, converténdose así nunha especie de escenario. Á vez é tamén un prodixio técnico pois os seus chanzos son dunha estrema finura e susténtanse no muro e nos finos nervios espirais que ascenden ata a bóveda. Finalmente, Andrade non esqueceu incluír a metáfora, xa que os caracois de Bonaval, como se fosen unha enorme columna salomónica, son imaxe dunha sublime subida aos ceos.

Capela do Pilar (1696)

4. Capela do Pilar (1696)

En principio proxectouse como a nova sancristía que a catedral precisaba e, como non se dispuña de moito espazo, Andrade fixo da necesidade virtude, convertendo o recinto nun espazo ascensional cheo de contido triunfal, razón pola cal dominan na cúpula os motivos xacobeos. Asume formas clásicas e ‘góticas’, pero sobre todo converte a taracea marmórea nunha exhibición coa que ningún outro arquitecto galego se enfrontara. No seu día a sancristía estivo presidida por un Santiago ecuestre feito tamén de mármores. Por esa razón imperan nas pedras as cores negra e vermella, pois eran características do funerario e o martirial. Cando Fernando de Casas a converteu en capela da Virxe do Pilar, substituíu o Apóstolo polo retablo actual e fíxoo con cores e formas máis claras e preciosistas, dándolle ao espazo unha identidade máis feminina.

Pórtico Real da Quintana (1696)

5. Pórtico Real da Quintana (1696)

Á falta dunha gran fachada que Andrade nunca construíu na catedral, puido cando menos proxectar a composición do Pórtico Real da Quintana no esconce que forma a praza e na que tivo que aproveitar moitos elementos que xa existían dunha portada anterior, obra de Peña de Toro. É evidente que Andrade renunciou ás formas máis adornadas do barroco compostelán, por outras onde dominan as formas clásicas das pilastras e columnas que ritman a fronte con solemnidade. Se cadra débese a unha intención de irmandar o barroco compostelán co romano, tendo en conta que 1700, data da súa culminación, foi ano santo nas dúas cidades apostólicas. Iso xustificaría que o barroco galego se vexa máis na espadana, que estivo presidida por un Santiago ecuestre entendido como defensor das Españas, claramente representadas no escudo real.