O GALEGO HOXE

Competencias lingüísticas

As competencias lingüísticas son as que miden a capacidade dos individuos para comprender e empregar un idioma tanto oralmente como por escrito. En Galicia, moitas persoas foron escolarizadas antes da introdución do galego como materia obrigatoria no ensino, polo que non recibiron clases regradas de lingua galega. Disto podería inferirse que as competencias lingüísticas da poboación neste idioma son deficientes, sobre todo as relativas á escrita. Con todo, en xeral, non son malas e semella que a súa evolución é positiva.

A xeneralidade da poboación entende, fala e le en lingua galega, mais case o 38% declara non saber escribila.

Case o total da poboación máis nova le correctamente en galego.

Na evolución das competencias en galego nos últimos anos, obsérvase un aumento en todas as destrezas lingüísticas.

1. Entender e falar

A seguinte figura mostra que unha porcentaxe moi elevada da poboación entende o galego falado (72,3%). Esta porcentaxe redúcese cando se trata de saber falalo (57,6%), entender o idioma escrito (52,9%) e, sobre todo, saber escribilo (29,5%), cunha alta incidencia das persoas que ou ben non saben (13,2%) ou ben teñen unha competencia escasa (24,7%).

A seguinte táboa recolle datos sobre as persoas que saben falar galego segundo a influencia de variables como a idade, o nivel educativo ou o tamaño do municipio en que viven. Segundo a idade, as persoas de entre 30 e 49 anos, franxa de idade que coincide coa xeración que recibiu ensino regrado en galego por vez primeira, posúen unha competencia elevada nesta destreza lingüística (61,1%), o mesmo que sucede coas persoas que posúen titulacións de educación superior (63,3%). Ao analizar as competencias segundo o tamaño do municipio, a maioría das persoas que declaran que saben falar moi ben o galego son as que habitan nun contorno rural, en poboacións de menos de 10.000 habitantes (67,2%) ou en vilas de tamaño medio, de entre 20.000 e 50.000 habitantes (64,4%). Pola contra, hai que salientar a alta porcentaxe de persoas que din que non saben falar o galego en poboacións de máis de 50.000 habitantes (20,4%).

Na análise dos medios a través dos cales as persoas aprenderon a falar galego, obsérvase que case a totalidade da poboación o fixo no seo familiar (83,4%), mentres que para o 48,5% das persoas a segunda fonte de aprendizaxe foi a escola, como amosa a seguinte gráfica.

O mapa de áreas xeográficas mostra que nas zonas da Costa da Morte, da Barbanza-Noia, de Lugo oriental e da Coruña suroriental case a totalidade da poboación considera que ten un bo dominio do galego falado, con taxas que se achegan ao 99%, 19 puntos porcentuais máis que nas áreas urbanas de Ferrol, A Coruña, Pontevedra e Vigo.

2. Ler e escribir

Respecto á comprensión lectora, é dicir, a capacidade de entender o idioma galego escrito, case o 60% da poboación declara que ten un alto grao de entendemento e tan só o 2,7% di que non o comprende, tal como mostra a seguinte gráfica.

Por provincias, obsérvanse diferenzas en canto ao grao de entendemento do idioma galego escrito. As do eixe atlántico, A Coruña e Pontevedra, son as que rexistran as taxas máis elevadas de persoas que entenden esta lingua escrita e superan nos dous casos o 50% da poboación. No outro extremo, as provincias de interior, Lugo e Ourense, revelan as porcentaxes máis altas de falta de comprensión da lectura en galego (19,5% e 22,2% respectivamente).

En xeral, a competencia lectora en galego é bastante elevada en todas as áreas xeográficas, tal como se pode comprobar no seguinte mapa, con porcentaxes que van desde o 63,6% na área do Carballiño-Ribeiro ata o 97,3% na de Pontevedra nororiental. Neste caso semella que o dominio desta destreza está máis estendido en áreas urbanas ou semiurbanas como as de Santiago, A Coruña ou Pontevedra, pero tamén noutras como A Barbanza-Noia, onde se rexistra unha porcentaxe do 87,8%.

Estes datos sobre a competencia na lectura en galego tamén están relacionados coa variable de idade. No conxunto de Galicia son as persoas máis novas as que mostran maior dominio da comprensión lectora en lingua galega, que acada un 67% entre a poboación de entre 30 e 49 anos.

Por último, no que se refire á competencia da escrita en lingua galega, unha alta porcentaxe de persoas (62%) posúe unha capacidade elevada. Un 13,2% da poboación declara que non sabe escribir neste idioma e un 24,7% ten unha competencia escasa.

Os medios principais a través dos cales a poboación aprendeu a escribir son a escola (59%) e a familia (49,5%). Outras vías de aprendizaxe como as amizades, o traballo ou a modalidade autodidacta teñen unha presenza moito máis reducida.

Saber escribir en galego está moi relacionado coa variable da idade, pois son as persoas máis novas as que dominan en xeral a competencia escrita neste idioma. Como se pode observar na seguinte gráfica, nos dous treitos de idade nos que se atopan as persoas máis novas as diferenzas son mínimas. Trátase daquelas que recibiron educación formal en lingua galega e, polo tanto, teñen certo dominio da competencia escrita. A fenda máis salientable prodúcese na franxa de idade das persoas de 50 anos ou máis, xa que un 59,3% delas declara unha competencia escasa ou nula na produción escrita nesta lingua.

3. Evolución das competencias

En canto á evolución das competencias lingüísticas no período 2003-2018, a única que mellora lixeiramente é a produción escrita de galego, mentres que a oral cae 10 puntos porcentuais.