1955: Franco, a tumba de Teodomiro e a conservación de Praterías

Os acontecementos de 1955 deitan luz sobre as contradicións do réxime franquista na xestión do patrimonio.


El Correo gallego : diario político de la mañana: Número 25495 - 1955 setembro 20. [ver]

1955 é un ano clave para explorar as contradicións do franquismo na súa instrumentalización do patrimonio de Galicia. Mentres que o réxime se presentaba publicamente como activo promotor do seu estudo e conservación, as autoridades locais, instigadas pola contorna do ditador, colaboraban no espolio de obras de arte para gañar favores. Comezou o ano co envío ao Pazo de Meirás dos profetas do Mestre Mateo, que pertencían ao Concello de Santiago -un feito que coñecemos pola a carta de Filgueira Valverde a Sánchez Cantón do 30 de xaneiro-, e culminou co espectacular descubrimento da tumba de Teodomiro nas escavacións da catedral, coincidindo coa estadía estival de Franco en Galicia.

Mentres que o traslado das esculturas a Meirás se mantivo en segredo e a súa presenza alí foi deliberadamente censurada na prensa, as outras actuacións sobre o patrimonio tiveron unha cobertura mediática constante e detallada con remates propagandísticos.

En setembro dese ano, as páxinas dos xornais e o NO-DO combinaban titulares recollendo o achado da famosa lauda sepulcral con reportaxes sobre a visita de Franco ao mosteiro de Sobrado para supervisar o avance na reconstrución “de este monumento de Galicia y joya incomparable del arte hispánico”.

Tal era a exaltación ao redor dos descubrimentos arqueolóxicos en Santiago que o comisario xeral do Patrimonio Artístico, Francisco Íñiguez Almech, se trasladou decontado a Santiago ao coñecer o descubrimento da lauda de Teodomiro e concedeulle unha ampla entrevista a Rey Alvite, quen, con preguntas incisivas, o apremou para continuar coa procura das tumbas de Xelmírez e o Mestre Mateo.

La Noche: único diario de la tarde en Galicia: Número 10777 - 28/09/1955). [ver]

Unha visión detallada do que ocorreu en xaneiro de 1955 en Santiago permite calibrar a dimensión do espolio das esculturas mateanas e como a legalidade vixente e o interese público se supeditaban aos “desexos do Caudillo”. Durante todo o mes sucedéronse as reunións dos responsables de patrimonio -o arquitecto Francisco Pons-Sorolla e o comisario Manuel Chamoso Lamas- coas autoridades locais, presididas polo alcalde Otero Aenlle, para tratar temas cruciais para a cidade, como o Plan Xeral de Urbanización de Compostela, que incluía a remodelación da praza do Obradoiro, o avance nas escavacións da catedral e as obras de acondicionamento do Pazo de Xelmírez.

O 26 de xaneiro, a corporación municipal publicou os gastos do Ano Santo de 1954, nos que se mostra unha partida de 300.000 ptas. para “la construcción del edificio del Museo”.

La Noche: único diario de la tarde en Galicia: Número 10777 - 25/01/1955). [ver]

Avanzaba así o tan desexado plan de dotar a cidade dun museo de nivel nacional, proxecto para o que se constituíu un padroado en 1952, presidido polo propio Otero Aenlle e integrado por Pons-Sorolla e Chamoso Lamas. Nas primeiras reunións dese organismo acordouse que todas as institucións de Santiago cedesen obras de arte para engrosar os seus fondos e mesmo se deseñaron medidas para “estimular a aquellas personas que estén en posesión de objetos que puedan figurar en el Museo los donen o entreguen en depósito al mismo”.

Neste contexto resulta aínda máis inxustificada a decisión de Otero Aenlle de ceder os profetas mateanos para decorar a residencia estival do ditador, privando desa forma ao Museo de Santiago do que sen dúbida serían as súas pezas sobranceiras. Explícase tamén o ton de Filgueira Valverde na célebre carta a Sánchez Cantón ao dicirlle que, ante a saída dos profetas de Santiago, “creo que estamos justificados al comprar todo lo compostelano que salga y que nos pete. Nunca podrán quejarse ya”. En efecto, os dous insignes pontevedreses procederon á adquisición das outras dúas esculturas do Mestre Mateo que ficaban en posesión do Conde de Ximonde e que, grazas a eles, se atopan hoxe no museo da súa cidade.

Pola súa banda, a carreira meteórica que tivo posteriormente Otero Aenlle dentro das estruturas político-administrativas do réxime son mostra de como se premiaba a lealdade a Franco e o cumprimento dos seus “desexos”. A recompensa máis inmediata que recibiu foi o seu ingreso na Orde de Afonso X en marzo de 1955, por proposta do Ministerio de Educación Nacional, unha distinción que, nas súas propias palabras, foi “sugerida principalmente por el Servicio de Patrimonio Artístico”.

Poucos anos máis tarde dáse outra confluencia de eventos que retratan a duplicidade de Franco ante o patrimonio. O 28 de setembro de 1960, Chamoso Lamas escríbelle ao director xeral de Belas Artes, Antonio Gallego Burín, para informalo sobre un feito alarmante: “la violenta y rápida acción destructora que afecta a las esculturas de la fachada de las Platerías”, un feito que tamén foi recollido na prensa.

Inspección do pórtico de Praterías. Foto: Barreiro. La Noche: único diario de la tarde en Galicia: Número 12088 - 11/06/1960). [ver]

Explícalle o comisario que: “El Sr. Cardenal llevó a ver la portada y le mostró la destrucción que sufre al Caudillo, quien quedó impresionado siendo tranquilizado por el propio Prelado al participarle que los andamios colocados en aquel momento era debido a que yo estaba enteramente dedicado a la defensa de tan importante obra de arte”. “Le expongo a Ud. esto", di tamén Chamoso, "por si el Jefe del Estado le hablase de este problema y pueda ya participarle que se ha dado con el procedimiento para contener la destrucción.” Mentres que os problemas da conservación das esculturas de Praterías preocupaban ao Caudillo, os profetas do Mestre Mateo permanecían á intemperie no xardín do seu pazo. E, lonxe de pensar en cedelos ao Museo da cidade para gozo da cidadanía, ao ano seguinte, como veremos no próximo episodio, os seus administradores, coñecedores da ilegalidade do seu traslado a Meirás, deseñaron a operación de forzar a súa inclusión fraudulenta no catálogo da Exposición do Románico como “Propiedad de su Excelencia el Jefe del Estado”.

Documentos
Carta de Manuel Chamoso Lamas a Antonio Gallego Burín, Director General de Bellas Artes

Carta de Manuel Chamoso Lamas a Antonio Gallego Burín, Director General de Bellas Artes


Arquivo de Galicia. Caixa G02703 003-17-11
Ampliar información
Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +