Colección: Os profetas do Pórtico e a cultura galega. Unha viaxe que non cesa

1909: As esculturas de Enoc, Elías e Santiago miles Christi na Exposición Rexional Galega



Fachada do Colexio de San Clemente, sede da Sección Arqueolóxica da Exposición Rexional de 1909.
Postal conmemorativa.


A Exposición Rexional Galega de 1909 constituíu un acontecemento transcendente para o país. De especial relevancia foron os traballos de preparación da Sección Arqueolóxica, que habería de abarcar “tanto los objetos propiamente artísticos, como todos aquellos que, sin ser artísticos, tengan razón de fuente histórica de Galicia”. A comisión organizadora, presidida polo insigne historiador Antonio López Ferreiro, coa participación de próceres do patrimonio como o coleccionista Ricardo Blanco-Cicerón, manifestaba: “Aspiramos a una completa resurrección de nuestra Tierra y de nuestra Gente; a una total objetivación de la historia del país galaico; y al conocimiento, en fin, del alma gallega”.

Tan importante como o resultado final foi a misión de “inventariar todos los viejos monumentos, jalones de nuestra vida antigua, que cada día desaparecen por la acción destructora del tiempo y la más destructora de los hombres”.



A "Sección Arqueolóxica" da Exposición Rexional nas postais da época

Creáronse para este fin comisións provinciais e locais, e enviáronse chamamentos a concellos, parroquias, coleccionistas e museos para que informasen da existencia de pezas de interese para a exposición. Pola súa persoal vinculación coas terras da Ulla, dende a súa época de párroco de Santa Eulalia de Vedra, e a adquisición dunha casa en Galegos (San Pedro de Vilanova, Vedra), López Ferreiro tiña coñecemento da rica colección atesourada no pazo de Ximonde (San Miguel de Sarandón, Vedra). A iso fai referencia unha carta na que un dos comisionados locais, Eduardo Rivadulla, informa do posible traslado de pezas á exposición (Museo do Pobo Galego, RBC/Caixa161-01). “Le incluyo la adjunta para don Vicente Paredes, responsable de la Casa de Gimonde en la Ulla, por si ustedes se deciden a mandar a recoger allí las antiguas esculturas que el señor Ferreiro conoce y consideró dignas de figurar en la Exposición. A lo menos un par de ellas, cada una en su carro, podría llevarse. Pero alguien que lo entienda tendrá que ir a escogerlas, y el Sr. Ferreiro podrá indicar a Usted como se hace el viaje, que no es difícil”.

Claustro do Colexio de San Clemente co profeta Enoc en primeiro plano.
Autor: Morelló i Nart, Joaquim. Centre Excursionista de Catalunya.
Fondo: Memòria Digital de Catalunya


Finalmente, viaxarían tres esculturas da fachada do Pórtico da Gloria; a ficha de rexistro destas pezas na exposición consérvase no Arquivo do Museo das Peregrinacións cunha descrición delas e a súa titularidade:

Expositor: D. M.[Manuel] Puga [conde de Ximonde] Dña. Carmen Sarmiento Lira [condesa de Ximonde] Representado en Santiago por: D. Ubaldo Sarmiento Lira [irmán da condesa de Ximonde] Número y clase de los objetos: “Dos estatuas de piedra del estilo de transición románico ojival procedentes del Palacio de Gimonde (Ulla). Una pequeña estatua mutilada sin cabeza, y brazos”



Ficha de préstamo das esculturas do conde de Ximonde para a exposición
Fondo: Museo das Peregrinacións


Tras a clausura da exposición, moitas das pezas arqueolóxicas e fragmentos escultóricos exhibidos no claustro do Colexio de San Clemente permaneceron alí custodiados pola Sociedade Económica de Amigos do País, que tiña a súa sede nese edificio, con fin de que pasasen a formar parte dos fondos dun proxectado Museo de Galicia. Nese lugar foron retratadas as impoñentes estatuas de Enoc e Elías en 1920 polo insigne medievalista de Harvard Arthur Kingsley Porter, amosando o seu estado de semiabandono cubertas de liques.


Os profetas Elías e Enoc no claustro de San Clemente.
Autor: A. Kinglsey Porter Fondo: Special Collections, Fine Arts Library, Harvard University, AKP 6109M, e AKP 6111M

Documentos
Xesús Carro: «La Exposición Regional Gallega de 1909»

Xesús Carro: «La Exposición Regional Gallega de 1909»

Fragmento de publicación impresa

Ver documento
Carta de Eduardo Rivadulla a ¿Salvador Cabeza de León?

Carta de Eduardo Rivadulla a ¿Salvador Cabeza de León?

[Carta manuscrita]
Museo do Pobo Galego
Ampliar información
Carta de Salvador Cabeza de León a Ángel del Castillo López (4 de abril de 1909)

Carta de Salvador Cabeza de León a Ángel del Castillo López (4 de abril de 1909)

[Carta manuscrita]
Real Academia Galega
Ampliar información
Carta de Salvador Cabeza de León a Ángel del Castillo López (8 de xullo de 1909)

Carta de Salvador Cabeza de León a Ángel del Castillo López (8 de xullo de 1909)

[Carta manuscrita]
Real Academia Galega
Ampliar información
Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +