1928: As esculturas do Mestre Mateo e o Seminario de Estudos Galegos

Membros do Seminario de Estudos Galegos. Entre eles: Xesús Carro e Filgueira Valverde.

Tras a clausura de Exposición Rexional Galega de 1909, moitos dos obxectos pétreos expostos dentro da Sección de Arqueoloxía permaneceron no patio do Colexio de San Clemente, edificio onde tiña a súa sede a Sociedade Económica de Amigos do País, da que formaban parte algúns dos organizadores desa sección da mostra. Nunha carta do 3 de maio de 1928, Xesús Carro e Filgueira Valverde escríbenlle ao historiador pontevedrés Francisco Javier Sánchez Cantón informando de que o cóengo fabriqueiro da Catedral, Robustiano Sández Otero, lles pediu asesoramento para a formación dun Museo Diocesano, para o cal trasladaron algunhas obras que quedaran no patio de San Clemente, coñecido entón como “el Museo de la Económica”. Entre esas pezas estaban as tres esculturas do Mestre Mateo que pertencían ao conde de Ximonde, sobre as cales Xesús Carro publicou ese mesmo ano un artigo na revista Nós. Carro sinala o perigo de que estas importantes obras se dispersen polo mercado da arte:

“Ben está que pezas de tanta valía tópense nun Museo como o da Catedral; mais tememos que o día de mañán non se namore algún rico estranxeiro d’ilas, pois co poder da sua prata levaraias, por enriba de tudos os entusiasmos e de tudas as ideoloxías dos homes que traballan pol-o bo nome de Galiza”.

Nas primeiras décadas do século XX, a arte medieval española era cobizada por coleccionistas estranxeiros, especialmente norteamericanos. Producíronse importantes perdas patrimoniais que levaron ás autoridades da II República a iniciar un impulso lexislador para frear o problema. Estes esforzos culminarán coa Lei do Tesouro Artístico Nacional de 1933 promovida polo director xeral de Belas Artes, Ricardo de Orueta. Ademais da súa actividade política, Orueta foi un recoñecido historiador da arte e fotógrafo, que pasou os derradeiros anos da súa vida no Madrid sitiado durante a Guerra Civil, tentando rematar o seu estudo de conxunto sobre “La escultura española de los siglos XI y XII”. Dedicou o último capítulo do libro a “la obra capital del románico europeo y una de las primeras del arte universal”, o Pórtico da Gloria, onde menciona as esculturas da fachada mateana recollidas no museo:

“En este museíto hay muchas esculturas que se consiguieron salvar cuando se reformó la fachada en el siglo XVIII, varias estatuas que irían al exterior, entre las que hay una magnífica, que tiene la barba trenzada, y otra, también, muy hermosa, a la que le falta la cabeza, que según se dice, representaba a Fernando II; y unos fragmentos de fustes decorados…”



Fotografías das esculturas no Museo Diocesano da Catedral.
Fotos: Gómez-Moreno/Orueta, ACCHS (CSIC).


Varias fotografías do fondo Gómez-Moreno/Orueta da Biblioteca Tomás Navarro Tomás do CSIC de Madrid amosan a disposición das esculturas, similar á retratada polos fotógrafos alemáns para o Arquivo Marburg, que visitaron Santiago ao redor de 1932.



Detalle do profeta Elías no Museo da Catedral. Ao fondo, unha das columnas de mármore da Porta Francíxena.
Fondo: Bildarchiv Foto Marburg - Philipps-Universität Marburg


Documentos
Carta de Xosé Filgueira Valverde e Jesús Carro a Francisco Sánchez Cantón

Carta de Xosé Filgueira Valverde e Jesús Carro a Francisco Sánchez Cantón

[Carta mecanografada]
Museo de Pontevedra
Ampliar información
Xesús Carro: «Unhas estatuas do Pórtico da Groria»

Xesús Carro: «Unhas estatuas do Pórtico da Groria»

Fragmento de publicación impresa
Museo do Pobo Galego
Ver documento
Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +