1946: Bouza-Brey propón que o Museo Arqueolóxico Nacional adquira as esculturas

O pazo de Ximonde en 1945.
Fondo: Durán Loriga / Museo de Pontevedra
“Un buen amigo mío, el conde de Gimonde, Don Santiago Puga Sarmiento, ha recibido ofertas de ciertos negociantes catalanes acerca de unas hermosas piezas de escultura románica de la que es propietario y de las que dan idea las fotografías adjuntas”. Así comeza a carta que Fermín Bouza Brey lle enviou o 3 de xullo de 1946 a Blas Taracena y Aguirre, director do Museo Arqueolóxico Nacional, co propósito de conseguir que o Estado se interesase en adquirir “tales complementos del Pórtico de la Gloria [...] para que no se perdiesen para España”. Esta é a primeira misiva dun expediente de catorce cartas no que se relata o primeiro intento de venda das esculturas procedentes da desmantelada fachada mateana que, desde tempo “inmemorial”, se atopaban “en posesión del conde de Gimonde”.

Imaxes adxuntas por Bouza-Brey nas súas comunicacións co Museo Arqueolóxico Nacional.
Fondo: Museo Arqueolóxico Nacional
Como explica Bouza Brey a Taracena na seguinte misiva, dúas das figuras, sobre as que xa publicara un artigo en 1933 no Boletín da Real Academia Galega, atopábanse daquela no pazo de Ximonde en Vedra, namentres que as tres restantes estaban depositadas no Museo da Catedral de Santiago.
Fachada do pazo de Ximonde en 1945.
Fondo: Durán Loriga / Museo de Pontevedra
Contestan dende Madrid que “por parte del Museo es imposible adquirir objetos que se hallan depositados en Entidades o Centros no pertenecientes al Ministerio de Educación Nacional, puesto que para proceder a su pago los objetos tienen que haber ingresado en el Museo y éste dar una certificación de que se encuentran bajo su custodia y vigilancia”.
Os profetas Ezequiel e Xeremías no pazo de Ximonde
Fondo: Durán Loriga / Museo de Pontevedra
A seguinte misiva é do 26 de xullo. Nela Bouza dille a Blas Taracena y Aguirre que informou desa última oferta ao conde de Ximonde. É o derradeiro documento do expediente pois, como sabemos pola información contida no libro de actas do Concello de Santiago, o propietario, ao ver que a venda ao Museo Arqueolóxico Nacional se alongaba sen perspectivas de resolución, ofreceu os profetas que estaban no pazo ao seu curmán, Joaquín Sarmiento Garra, alcalde de Santiago.
Documentos
Carta de Fermín Bouza-Brey a Blas Taracena
Proposta de adquisición de cinco pezas escultóricas pertencentes ao Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, ofrecidas polo seu propietario D. Santiago Puga Sarmiento
Museo Arqueolóxico Nacional
Ver documento