Colección: Os profetas do Pórtico e a cultura galega. Unha viaxe que non cesa

1948: O concello de Santiago adquire as esculturas de Ezequiel e Xeremías

Ao longo de 1947, o Concello de Santiago embarcouse nunha frenética actividade para a preparación do Ano Santo de 1948 que incluía a captación de fondos e apoios do Goberno para proceder á modernización das infraestruturas urbanas, a restauración de monumentos e o embelecemento de prazas. A prensa local publica amplas entrevistas co alcalde Joaquín Sarmiento Garra relatando os seus plans e as súas xestións en Madrid e reportaxes dando conta do interese directo de Franco en promover o evento.



Retrato de Sarmiento Garra nunha entrevista de El Correo Gallego (2 de abril de 1947)

Neste contexto enmárcase a compra das esculturas do Mestre Mateo que tiña o conde de Ximonde, curmá do alcalde, no seu pazo da Ulla e que non conseguira vender ao Museo Arqueolóxico Nacional. Coa finalidade de estudar a idoneidade desta adquisición, a corporación municipal reuniuse por primeira vez o trinta de maio de 1947 e acordou a formación dunha comisión. O 23 de xullo, un mes despois da visita de Eva Perón á cidade, esta comisión emitiu un informe aconsellando “que se adquieran las referidas esculturas, en la cantidad de sesenta mil pesetas”.

Os trámites desta compra prolongáronse durante todo o ano. Seguiuse un estrito protocolo que implicou o traslado das esculturas ao concello, onde permaneceron en depósito para que dous expertos, Francisco Asorey e Manuel Chamoso Lamas, emitisen os seus ditames técnicos.



Fachada do pazo de Ximonde coas esculturas

Nunha entrevista a El Correo Gallego do 7 de marzo de 1948, Asorey congratúlase pola compra e polo baixo prezo pagado polas tres esculturas xa que un anticuario ou un norteamericano pagarían moito máis. Unha vez aboados os pagos e finalizada a compra, firmouse a escritura de compravenda ante o notario Gonzalo Rey Feijóo o 4 de xuño de 1948 e as tres esculturas pasaron a formar parte do patrimonio municipal. Son as dúas do Mestre Mateo e unha terceira procedente dunha tumba do século XIV que estaría instalada no paseo da Ferradura da Alameda ata que se trasladou ao Museo do Pobo Galego, onde se atopa hoxe.

Nunha entrevista a El Pueblo Gallego, o alcalde menciona a compra das esculturas entre os éxitos da súa xestión durante aquel Ano Santo de 1948. Adquiriron así as obras a condición de bens de dominio público segundo a lexislación vixente, inalleables a un particular.

Documentos

Oficio do Servizo de Defensa do Patrimonio informando ao Alcalde de Santiago sobre a valoración de tres esculturas

[Documento mecanografado]

Ver ligazón
Informes para a adquisición das esculturas, de Manuel Chamoso, Xesús Carro e Francisco Asorey

Informes para a adquisición das esculturas, de Manuel Chamoso, Xesús Carro e Francisco Asorey

[Conxunto de documentos mecanografados]
Concello de Santiago
Ver documento
Contrato de compravenda do concello de Santiago de tres esculturas pertencentes ao Conde de Ximonde

Contrato de compravenda do concello de Santiago de tres esculturas pertencentes ao Conde de Ximonde

[Documento mecanografado e autografado]
Arquivo Universitario. Universidade de Santiago de Compostela.
Ver documento
Informe solicitado pola alcaldía de Santiago sobre a adquisición de tres estatuas ao conde de Ximonde

Informe solicitado pola alcaldía de Santiago sobre a adquisición de tres estatuas ao conde de Ximonde

[Documento mecanografado en papel co membrete Excmo. Concello de Santiago de Compostela]

Ver documento
Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +