1954: O Ano Santo no que se decide o traslado das esculturas do Concello de Santiago ao Pazo de Meirás

Carmen Polo na apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago (24/07/1954).
Fondo: La Noche.
A carta de Chamoso Lamas a Sánchez Cantón do 5 de marzo de 1954 probaba que as esculturas de Ezequiel e Xeremías pertencían ao Concello de Santiago, tras a súa compra ao conde de Ximonde en 1948. A esta evidencia sumábase unha misiva de Filgueira Valverde a Sánchez Cantón do 30 de xaneiro de 1955, que incluía unha sucinta pero elocuente observación:
“Te supongo enterado del destino que piensa dar el Ayuntamiento de Santiago a las dos figuras del Pórtico que había adquirido. Creo que estamos justificados al comprar todo lo compostelano que salga y que nos pete. Nunca podrán quejarse ya. De manera que… nos favorecen”.
Este inciso demostraba que os profetas mateanos aínda permanecían en posesión do consistorio compostelán naquel momento, á vez que revela que se decidira dar a estas obras un novo destino que implicaba a súa saída de Santiago. Este novo destino non podía ser outro que o Pazo de Meirás.
A esta documentación epistolar engádese a evidencia gráfica contida nos materiais fílmicos sen montar que se conservan do NO-DO de setembro de 1954, onde o xardín do Pazo de Meirás aparece como un escenario privilexiado da relaxada vida familiar de Franco.
Fotogramas de metraxe sen montar pertencente aos veraneos dos Franco en Meirás.
Fondo: NO-DO / Filmoteca Española / RTVE.