1961: Fraude no catálogo da exposición do Románico

Portada do diario ABC recollendo a visita de Franco á Exposición do Románico en Santiago de Compostela. Ao seu carón, Manuel Chamoso Lamas.

O trinta de agosto de 1961, Franco, acompañado da súa esposa, as súas netas e o intendente da Casa Civil, Fernando Fuertes de Villavicencio, chegan a Santiago, procedentes do Pazo de Meirás, para visitar a Exposición Internacional de Arte Románica (NO-DO do once de setembro de 1961). Na páxina 490 do catálogo desta magna mostra, organizada polo Goberno de España co patrocinio do Consello de Europa, atópase a primeira mención pública dos profetas do Mestre Mateo como “Propiedad de S.E. el Jefe del Estado”.

As sospeitas de que tal inclusión foi unha fraude instigada polo contorno do ditador coa finalidade de suplir a carencia de contrato de compravenda ou de título de propiedade legal –os cales non podían existir xa que as esculturas pasaran a ter a condición de “bens de dominio público” tras a súa adquisición polo Concello de Santiago en 1948– vense confirmadas documentalmente pola correspondencia intercambiada entre o comisario adxunto da mostra, Manuel Chamoso Lamas, e o comisario xeral, Joan Ainaud de Lasarte.

O once de setembro, pouco máis dunha semana despois da visita do Caudillo, Chamoso escríbelle unha longa misiva a Gratiniano Prieto, director xeral de Belas Artes, que conclúe cun “asunto muy importante”. Cóntalle ao seu “querido jefe y amigo” que recibiu un requirimento directo do gobernador civil da Coruña, Evaristo Martín, a instancias do intendente da Casa Civil –o xa mencionado Fernando Fuertes– para asegurarse de que se cumpre “el deseo de Su Excelencia el Generalísimo de que figuren en el catálogo de la exposición las esculturas de Meirás”. “Me aterra un poco –confesa Chamoso– si mis telegramas seguidos de cartas descriptivas de las esculturas de Meirás, incluso sus medidas, enviadas a Ainaud no bastaron para que este las incluyese en el Catálogo, aun cuando bien se lo pedí y recomendé. No vayamos a tener un disgusto por este lado”.

Ese mesmo día, Chamoso escríbelle ao gobernador civil para tranquilizalo e dicirlle que o catálogo aínda non está publicado. Non estando satisfeito, catro días máis tarde, Evaristo Martín envíalle outra carta “pidiéndole aclaración de la existencia de algún catálogo ya editado que contenga referencias” ás esculturas. Chamoso contéstalle que aínda non o hai, pero reitéralle que no catálogo que está en fase de publicación “figurarán registradas las esculturas que existen en el pazo de Meirás como obra del taller del Maestro Mateo y procedentes de la zona exterior del Pórtico de la Gloria” e promételle o envío dos primeiros exemplares dispoñibles “para que los haga llegar a sus Excelencias”.

No arquivo do Museo Nacional de Arte de Cataluña atópase a carta que Gratiniano Nieto lle enviou a Ainaud presionando desde a Dirección Xeral de Belas Artes: “Me escribe Chamoso indicándome que te ha enviado las fotografías relativas a las esculturas de Meirás. Hay especial interés en que figuren en el Catálogo, por lo que te ruego las tengas en cuenta al hacer el ajuste definitivo del texto”. Canda esta misiva consérvanse outras cinco cartas nas que se revela a intrahistoria desa fraude perpetrada a instancias dos administradores de Franco, ofrecendo unha radiografía da impunidade coa que exercían o seu poder as autoridades do réxime, coaccionando a respectables profesionais a ser cómplices nas súas tramas ilícitas.

As presións para facer cumprir “el deseo del Caudillo” comezaron inmediatamente despois da inauguración da exposición, que tivo lugar o 25 de xullo coincidindo coa festa do Apóstolo. Tres días máis tarde, Chamoso escríbelle a Ainaud de Lasarte unha carta mecanografada informándoo do evento, á que lle engade unha nota manuscrita na que lle roga que inclúa as esculturas de Meirás no catálogo e di que aínda non ten fotografías delas, cometendo varios erros na súa descrición á vez que insire as palabras corrixidas “Propie/Expositario, nombre?”. A esta carta segue un telegrama e outra misiva manuscrita o 1 de agosto, que é reveladora do que Chamoso sabe das esculturas e daquilo que prefire calar:

“Desde luego son figuras magníficas barbadas y de notable fuerza expresiva a causa del fuerte modelado que aún resisten las inclemencias del clima de la región pues se hallan en Meirás lo mismo que habían estado en Gimonde a la intemperie. El Jefe del Estado manifestó su deseo de que figurasen en el catálogo por lo que le ruego las incluya ya que colocaré estas fotografías con las de Pontevedra en la sala primera de la planta segunda del Museo de piedra”
.

Non hai mención ás circunstancias de adquisición das pezas, como sería o normal. Faino, en cambio, cos outros dous profetas que el mesmo di ter adquirido para o Museo de Pontevedra. O que si revela é que son as mesmas figuras que estaban á intemperie no pazo de Ximonde.

Fotografías de dous capiteis do taller do Mestre Mateo cedidos por Blanco-Cicerón para a Exposición do Románico. Ao fondo fotografías dos profetas.
Procedencia: Arxiu Mas. Fundació Institut Amatller d'Art Hispànic

Tamén se demostra nesta carta que a idea de colocar as fotografías das esculturas na exposición foi unha decisión que xurdiu a posteriori, tras a inauguración, e ratifícase a sospeita de que o seu único fin era xustificar a súa inclusión no catálogo. Tentábase suplir a carencia de título de propiedade legal, que non podía existir nin falsificado, xa que adquiriran as condicións de bens de dominio público e, polo tanto, inalleables a un particular. A incredulidade de Ainaud de Lasarte ante ese requirimento de última hora, que crebaba todos os protocolos de organización dunha exposición de tal calibre e de catalogación das súas pezas, vese reflectida na carta que lle envía a Chamoso dous días máis tarde, onde pregunta de novo:

estatuas de Meirás? Proceden ambas del Pórtico de la Gloria?.... A nombre de quién se exponen en definitiva las fotografías de Meirás?”

A resposta a esta pregunta virá forzada polos recordatorios que recibirá nas semanas posteriores nos que se repite a frase “es el deseo del Caudillo”. Desexo que, como todos sabían no réxime, non se cuestionaba con minucias legais, senón que se acataba. Diso era consciente Ainaud, a quen as mencións do pazo puideron traer lembranzas tristes da súa mocidade, cando ao final da Guerra Civil estivo recluído no próximo campo de concentración franquista da Magdalena (Betanzos, A Coruña), xunto con outros prisioneiros cataláns procedentes das frontes do Ebro. De alí conseguiu saír grazas ao aval do célebre Eugenio d’Ors, amigo da familia e afín ao novo réxime.

Documentos
Carta de Manuel Chamoso Lamas a Joan Ainaud de Lasarte

Carta de Manuel Chamoso Lamas a Joan Ainaud de Lasarte

[Carta mecanografada e manuscrita]
Arxiu Museu Nacional d’Art de Catalunya
Ampliar información
Carta de Manuel Chamoso Lamas a Joan Ainaud de Lasarte

Carta de Manuel Chamoso Lamas a Joan Ainaud de Lasarte

[Carta manuscrita]
Arxiu Museu Nacional d’Art de Catalunya
Ampliar información
Carta de Joan Ainaud de Lasarte a Manuel Chamoso Lamas

Carta de Joan Ainaud de Lasarte a Manuel Chamoso Lamas

[Carta mecanografada]
Arxiu Museu Nacional d’Art de Catalunya
Ampliar información
Carta de Joan Ainaud de Lasarte a Manuel Chamoso Lamas

Carta de Joan Ainaud de Lasarte a Manuel Chamoso Lamas

[Carta mecanografada]
Arxiu Museu Nacional d’Art de Catalunya
Ampliar información

Carta de Manuel Chamoso Lamas a Gratiniano Nieto Gallo

[Carta mecanografada]

Ver ligazón

Carta de Manuel Chamoso Lamas a Evaristo Martín Freire

[Carta mecanografada]

Ver ligazón
Carta de Gratiniano Nieto Gallo a Joan Ainaud de Lasarte

Carta de Gratiniano Nieto Gallo a Joan Ainaud de Lasarte

[Carta mecanografada]
Arxiu Museu Nacional d’Art de Catalunya
Ampliar información
Carta de Manuel Chamoso Lamas a Joan Ainaud de Lasarte

Carta de Manuel Chamoso Lamas a Joan Ainaud de Lasarte

[Carta mecanografada]
Arxiu Museu Nacional d’Art de Catalunya
Ampliar información

Carta de Manuel Chamoso Lamas a Evaristo Martín Freire

[Carta mecanografada]

Ver ligazón
Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +