1961: Historia dunha familia: Os Blanco-Cicerón e o patrimonio

Tomás Blanco-Cicerón no seu xardín da casa da Retirosa (Cangas do Morrazo, Pontevedra).
Fondo: Colección Blanco-Cicerón.

“Al Pazo de Meirás llegan los niños de la Operación Plus Ultra, que son recibidos en audiencia especial por su Excelencia el Generalísimo” exclama o locutor do NO-DO do vinte e un de setembro de 1964 mentres vemos imaxes de Franco outorgando condecoracións a un grupo de nenos escollidos polos seus valores humanos.

Con voz engolada continúa o narrador relatando como “el Caudillo subrayó esta afirmación de espiritualidad en una época de materialismos y egoísmos universales”.

Logo as cámaras desprázanse ao xardín para amosarnos ao ditador a través da peneira da propaganda do réxime, riseiro e rodeado de nenos de diversos países que xogan co seu neto.

Recepción no Pazo de Meirás aos nenos da Operación Plus Ultra. (21/09/1964 NOT N 1133 C)
Fondo: NO-DO / Filmoteca Española / RTVE.

Esta escena de Franco como o avó bondadoso que pontifica as xeracións futuras contra os “materialismos y egoísmos universales” vese interrompida pola presenza de dúas testemuñas que o observan todo desde o fondo, cuestionando o que ven con acenos de rabia e desolación. Nunca o Mestre Mateo tería imaxinado que as pavorosas efixies de Ezequiel e Xeremías –os dous profetas exiliados por Nabucodonosor tras a toma de Xerusalén– deseñadas para franquear a entrada sur do Pórtico da Gloria, pola que se accedía ao Xuízo Final, acabarían na porta do xardín do pazo ocupado por un xeneral que someteu a un país polas armas, abocou a parte dos seus compatriotas ao desterro e gobernou durante corenta anos, durante os cales acumulou un cuantioso patrimonio material.

Poucos artistas contemporáneos poderían ter concibido unha instalación antifranquista máis radical que esta “intervención” transhistórica do Mestre Mateo en Meirás, inserindo os seus profetas do exilio no epicentro simbólico e xenealóxico do réxime. Fronte ás súas acusadoras miradas haberían de desfilar nos años vindeiros os acólitos que conformaban o extenso tecido clientelar que sostiña a ditadura.

O seu traslado a Meirás produciuse en circunstancias escuras nas que posiblemente unha «cesión temporal sen papeis» se transformou nunha posesión «de facto» do Xefe do Estado, cuxo «título de propiedade» se fixo público no catálogo da Exposición Internacional de Arte Románica de 1961. Por motivos explicados en episodios anteriores, as esculturas non regresaron a Compostela nese ano para ser exhibidas fisicamente, senón en foto.

O neno Carlos Acuña Castroviejo, bisneto de Ricardo Blanco-cicerón, no xardín da casa familiar na rúa da Senra 3 de Santiago.
Fondo: Colección Blanco-Cicerón.

Esta actitude contrasta radicalmente coa doutra familia galega, os Blanco-Cicerón, que xenerosamente prestaron as pezas da súa extraordinaria colección de arte medieval para a Exposición, como xa fixeran na Exposición Rexional Galega de 1909.

Nunha carta do 20 de xuño de 1961, Chamoso Lamas solicítalle a Tomás Blanco-Ciceron,fillo do gran coleccionista Ricardo Blanco-Cicerón (1844-1926), a quen se debe o legado da familia, o préstamo das obras que tivo oportunidade de ver no xardín da súa casa de Santiago:

“Les ruego en nombre de lo que supone para el avance en el conocimiento del arte románico y en el de la ciudad de Compostela y podría decir de Europa entera, pues sus delegados me han confiado esta misión, tengan a bien cedernos en calidad de préstamo temporal del 10 de junio al 10 de octubre las piezas”

Tomás Blanco-Cicerón non só prestou as pezas para a exposición senón que, tras a clausura, tomou unha decisión da que aínda nos estamos a beneficiar toda a comunidade galega e que Chamoso Lamas lle relata con ledicia a Ainaud de Lasarte nunha carta do 5 de decembro de 1961:

“Y ahora puedo darle un gran noticia. Cuando fui a visitar a los Srs. de Blanco-Cicerón para tratar la devolución de sus importantísimas piezas y tantear sobre sus proyectos respecto a ellas me respondieron diciéndome “Las tiene Ud. tan bien colocadas… ¿para qué quiere devolverlas? Mientras Ud. esté al frente de estas cosas en Santiago puede tenerlas donde quiera”. Ante esto propuse hacer un depósito temporal de todas las piezas y otras más que me ceden, en el Museo de la Catedral. Es más, quieren pasarme un poder notarial para que yo en su nombre establezca el depósito según me parezca. Excuso decirle cuánta fue mi alegría pues la sala del Maestro Mateo la dejo exactamente igual que estuvo en la Exposición, pues el profeta del Arqueológico de Madrid lo sustituyo por el que aun conservan en su jardín los Srs. Blanco Cicerón. El conjunto de obras de arte compostelano que posee esta familia es formidable y me lo ofrecen para exhibirlo cuando lo juzgue conveniente. Para Santiago es quizá este uno de los resultados más provechosos que ha reportado la Exposición del Románico”.

Capitel románico no xardín da casa de Blanco-Cicerón na rúa da Senra 3 de Santiago.
Fondo: Colección Blanco-Cicerón.

O cinco de febreiro de 1963 asínase ante o notario don Gonzalo García Boente y Espinosa a escritura de depósito desta extraordinaria colección que hoxe conforma unha parte importante dos fondos do Museo da Catedral de Santiago. A xenerosidade desta cesión, e o valor material que terían esas pezas de saíren ao mercado, pódese calibrar polo comentario que lle fai Chamoso Lamas ao interventor do Estado, Enrique Salgado Torres, nunha carta do catro de agosto de 1964 na que o informa dos avances nas obras de restauración realizadas na Catedral de Santiago con fondos públicos: “Hoy una escultura del maestro Mateo se cotizaría como un cuadro de Velázquez”.

O asinante da escritura de depósito por parte do arcebispado foi o deán Salustiano Portela Pazos, quen en agosto de 1965 encabezará unha delegación do cabido da Catedral de Santiago a Meirás. En fotos de prensa vémolo riseiro obsequiando a Franco cunha reprodución en prata do Pórtico da Gloria. Franco inspecciona os preciosos detalles dese Pórtico inocuo, miniaturizado e transformado nunha xoia para o seu deleite, mentres que no xardín permanecían os profetas do exilio, que non saíran do seu cativerio en Meirás nin para ser exhibidos na Exposición de Arte Románica de 1961.



Visita do Cabildo da Catedral de Santiago ó Pazo de Meirás. Agosto 1965

Documentos
Depósito Blanco Cicerón Museo Catedral

Depósito Blanco Cicerón Museo Catedral

[Documento mecanografado]
Fondo Blanco-Cicerón. Museo do Pobo Galego.
Ver documento
Carta de Manuel Chamoso Lamas a Tomás Blanco-Cicerón

Carta de Manuel Chamoso Lamas a Tomás Blanco-Cicerón

[Carta mecanografada]
Arquivo de Galicia
Ampliar información

Carta de Manuel Chamoso Lamas a Joan Ainaud de Lasarte

[Carta mecanografada]

Ver ligazón
Carta de Manuel Chamoso Lamas a Enrique Salgado Torres

Carta de Manuel Chamoso Lamas a Enrique Salgado Torres

[Carta mecanografada]
Arquivo de Galicia
Ampliar información
Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +