Colección: Os profetas do Pórtico e a cultura galega. Unha viaxe que non cesa

1978: Incendio no Pazo de Meirás



Portada da revista ¡Hola!.
Fondo: Revista ¡Hola!


Os mesmos axentes da casa do Caudillo que forzaron a inclusión das esculturas no catálogo da Exposición de Arte Románica de 1961 tamén serían os encargados de suprimir calquera mención pública que delas se puidese facer na ampla cobertura mediática que tivo esta mostra. A ela dedicáronse suplementos especiais na prensa, revistas académicas e incluso monográficos do NO-DO. Como se relata na prensa compostelá, os operadores do NO-DO, José Luis Sánchez, Vicente Minaya, Fernando Cobo, e Jerónimo Ruano chegaron a Santiago o 8 de agosto para filmar nas salas do Museo da Catedral, o que mostra, en coincidencia coas cartas de Chamoso, que as fotografías das esculturas de Meirás aínda non estaban colocadas nesa data.

Tan sistemática e sostida co paso do tempo foi a censura exercida sobre a presenza dos profetas do Mestre Mateo en Meirás e a súa nova titularidade privada, que incluso calquera referencia a eles se omite nun NO-DO de 1966 dedicado á vida de Franco no Pazo. Nesa peza descríbese en detalle a decoración escultórica do xardín, desde os escudos ata os relevos das fontes, pero non se di unha palabra sobre as que se supón que foron as dúas grandes xoias desa colección. Malia iso, vese en escenas panorámicas que as estatuas estaban alí.



Incendio do Pazo de Meirás. Fondo:RTVE.

Coma noutras ocasións, o subtexto bíblico acompañará a traxectoria histórica dos Ezequiel e Xeremías meateanos, e o lume e a destrución haberán de seguir ao exilio, o cativerio e o silencio. Material fílmico inédito amosa que, cando se inicia o lume no Pazo de Meirás na noite do dezaoito de febreiro de 1978, as esculturas permanecían nos seus lugares no xardín, flanqueando a entrada do gran salón onde se celebraron os consellos de ministros, mentres o piso superior estaba sendo devorado polas lapas.



As esculturas cubertas con panos de protección.

Co lume xa controlado, cubríronse as esculturas con panos de protección. Sorprendentemente, ningunha das numerosas crónicas publicadas nos días seguintes dando conta detallada das obras de arte en perigo, rescatadas ou perdidas, menciona os profetas do Mestre Mateo, condenados de novo á invisibilidade.

Con motivo do incendio, as esculturas foron trasladadas á Casa de Cornide na Coruña, desligándoas deste xeito do Pazo a onde terían sido enviadas, orixinalmente, coa única xustificación do carácter representativo do monumento como "residencia oficial do Xefe do Estado” para servir como “heraldos” do patrimonio galego ante embaixadores, ministros e reis. Completouse así o proceso de “apropiación” e "privatización" dos profetas. A súa próxima aparición pública será no catálogo da exposición que conmemorou o oitavo centenario da colocación dos linteis do Pórtico da Gloria en 1988, onde se lle dan por primeira vez as cuestionables identificacións de "Abraham e Isaac” coa titularidade "Casa de Cornide” (Propiedade da duquesa de Franco).

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +