O NOBELO DE MARY QUINTERO

O especial O fío de Penélope condúcenos do fío de Ariadna ao nobelo de Penélope. Once mulleres fan cadanseu periplo polos contidos do web do Consello da Cultura Galega a partir das mulleres homenaxeadas en xornadas organizadas dende o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG. Como non podía ser doutro xeito, non tiran guiadiñas dun fío establecido, senón que cuestionan o nobelo de Penélope, tal e como fixo no seu día a poeta Xohana Torres nos seus recoñecidos versos: “A que tanto nobelo e tanta historia? Eu tamén navegar”. Esta é a travesía libre de Encarna Otero da man de Mary Quintero, unha fotógrafa que sacou da negrura a luz que alumea a vida.



Encarna Otero, historiadora e membro da Comisión Técnica Temporal Imaxes e Voces e da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, tira do fío de Mary Quintero, muller homenaxeada no ciclo coa xornada Mary Quintero, a luz que alumea a vida, realizada en 2015. A súa navegación lévanos de Lugo a Vigo e saca das sombras do cuarto escuro unha vida marcada pola busca constante das innovacións tecnolóxicas na súa profesión, o pulo empresarial, a herdanza familiar e a vontade creativa no soporte papel, tanto na fotografía como na pintura.


Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +