Nesta conferencia, pronunciada por don Ramón Otero Pedrayo na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Bos Aires, o 26 de xullo de 1959, o intelectual ourensán reflexiona sobre as relacións entre Galicia e a cultura europea.
Nós: De onte a hoxe
Non é posible comprender Galicia e a súa cultura sen a xeración Nós e o rico legado que deixou. O Consello da Cultura Galega recolle neste especial contidos producidos pola institución que dan conta da vida, obra e impacto dun grupo de intelectuais que entenderon Galicia como un proxecto integral. O centenario, neste 2020, da fundación da revista Nós, voceiro dese grupo de intelectuais, é un bo motivo para repasar a súa herdanza.Ao longo de 2020 incorporaremos ao especial novos materiais biográficos, documentais e de reflexión ao redor da revista Nós e a xeración que a ideou.
Álbum Nós
O Álbum Nós é unha colección dixital de biografías de persoas vencelladas dunha ou outra forma á revista Nós. Con esta iniciativa de carácter divulgativo, o Consello da Cultura Galega súmase neste ano 2020 ás conmemoracións polo centenario desta histórica cabeceira, un proxecto clave para a dignificación e modernización da cultura galega.-
Intelectual completo e poliédrico, Otero Pedrayo converteuse no Patriarca das nosas letrasRamón Otero Pedrayo, o polígrafo da Xeración Nós, naceu o 5 de marzo de 1888 na ourensá rúa da Paz. Foi o único fillo de Eladia Pedrayo Ansoar e Enrique Otero Sotelo, un médico culto e liberal que, sendo deputado, defendera a Curros Enríquez cando o bispo Cesáreo censurou Aires da miña terra.
Edúcase o futuro escritor no seo dunha familia culta e abastada, entre Ourense e a aldea de Trasalba. Con dez anos ingresa no instituto e segue con entusiasmo as explicacións de Marcelo Macías, de Moreno López e de Padilla. Os bos resultados académicos que obtén explican que, en 1901, sexa elixido xunto a Cuevillas, compañeiro de estudos, amigo nos xogos, veciño e máis tarde irmán de angueiras políticas e culturais, para merendar con Emilia Pardo Bazán, de visita na cidade.
O 28 de maio de 1904 falece o seu pai e Otero convértese, subitamente, no home da familia. Apenas dous meses despois do enterro recolle, vestido de loito, o premio extraordinario que lle conceden no instituto.
En 1906, chega a Madrid para cursar estudos universitarios. Matricúlase en Filosofía e Letras e Dereito. Son anos pracenteiros, despreocupados. Lecturas, faladoiros e paseos ocupan o tempo dun mozo que se asemella moito ao Adrián Solovio que protagonizará Arredor de si.
Regresa a Ourense en 1911 coas dúas licenciaturas e disposto a preparar unhas oposicións que o convertan en profesor de ensino medio. Na cidade reúnese con Risco, Cuevillas e Primitivo R. Sanjurjo e non tarda en sumarse aos proxectos argallados polos amigos da infancia. En 1917 ve a luz La CenturiaNós, onde publica os primeiros artigos; «La confesión del hombre culto», no segundo número, e «Cartas espontáneas», no seguinte. Tres anos despois, no primeiro número de Nós, atopamos un artigo non asinado, titulado «Teixeira de Pascoaes e Nós» que, segundo os índices da colección redactados por Ben-Cho-Shey, debemos atribuír a Pedrayo. O primeiro artigo asinado, «Irlanda políteca no século XIX» aparece o 5 de decembro de 1921, a este sucederano moitos outros, fundamentalmente ensaios; entre eles o tantas veces comentado, «Ulyses, trad. de James Joyce», no número 32.
En 1921, coa oposición aprobada desde 1919 e tras varios destinos, acada praza en Ourense. En 1925 ingresa con Síntese Xeográfica de Galicia (1926) no Seminario de Estudos Galegos, no que un ano antes gañara un premio de narrativa con Pantelas, home libre (Lar, 1925). Comeza así a longa e produtiva andaina literaria de quen había ser chamado Patriarca das Letras Galegas. En 1928 a editorial Nós edita Os camiños da vida, a primeira gran novela do escritor e unha das obras fundamentais da literatura galega contemporánea.
Un ano despois ingresa na Academia Galega cun discurso titulado Romantismo, saudade e sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Pondal (1931). Contéstalle o seu grande amigo da infancia, Vicente Risco. Coa publicación de Arredor de si consolídase a fama de home culto. A súa figura cobra peso na sociedade galega a través das intervencións públicas e dos innumerables artigos que asina nas páxinas de El Pueblo Gallego, Céltiga, A Nosa Terra e en xeral en canta publicación llo pedía.
Neste clima de enfebrecida actividade, a inminente chegada da República fai que algúns galegos, Otero entre eles, vexan a posibilidade de acadar a autonomía de Galicia. Iníciase un período de entusiasmo e traballo intenso. En 1930 percorre Ourense dando mitins de carácter nacionalista e anticaciquil. En abril do ano seguinte funda o Partido Nazonalista Repubricán d’Ourense para concorrer ás eleccións ás Cortes constituíntes. Entre 1931 e 1933 exerce como deputado en Madrid.
A actividade política intensifícase, e en decembro do 31 participa na fundación do Partido Galeguista, de cuxo primeiro Consello Executivo forma parte. Ante a inminente consideración da República como estado laico, Otero, católico, tenta que o nacionalismo conserve o maior grao posible de confesionalidade nas institucións. O 25 de outubro de 1931 o seu nome aparece asinando un documento, moi difundido na prensa do momento, que leva por título Afirmación católica dun grupo de nacionalistas. Pese a disentir das propostas do PG no tocante ao laicismo do estado, acatou as decisións da maioría e non abandonou o partido, participou lealmente na campaña do plebiscito do Estatuto e compartiu a alegría do triunfo acadado o 28 de xuño de 1936.
Tras o levantamento militar foi separado da cátedra e refuxiouse na casa de Trasalba. O retiro dura algo máis de once anos. Continúa escribindo en prensa pero faino normalmente baixo pseudónimo. A partir de 1946 comeza timidamente a asinar textos co seu verdadeiro nome. Un ano despois principia a redacción dos artigos de Parladoiro, unha sección periódica no xornal compostelán La Noche que supón a recuperación lenta e regular do escritor en lingua galega.
En 1947 viaxa a Bos Aires, convidado polo Centro Galego. A viaxe permítelle reencontrarse con vellos amigos exiliados, Castelao entre eles, e organizar a edición da monumental Historia de Galiza que patrocinará Manuel Puente.
Unha mostra máis do compromiso do escritor témola en 1949, cando nunha homenaxe ao poeta Lamas Carvajal, organizada en Ourense, ten a ousadía de utilizar o galego nun acto público. Están presentes diversas representantes de institucións afectas ao Réxime, que interpretan a actitude como unha afronta e unha aldraxe.
A piques de cumprir os sesenta e dous preséntase ás oposicións que o converten en profesor da Universidade de Compostela. Tras obter o voto unánime do tribunal, en outubro dese ano imparte a primeira clase das moitas que dará nos oito cursos que exerza como catedrático. Son tempos de ilusión e de contacto cos mozos.
O 25 de xullo de 1950 participa na fundación da editorial Galaxia, que presidirá ata a súa morte. García-Sabell, Fernández del Riego e Piñeiro convértense en amigos e compañeiros na construción dun novo proxecto que o ilusiona. En contacto permanente co círculo de intelectuais que alentan Galaxia, publica nas súas máquinas Por os vieiros da saudade (1952), e un traballo seu, «Na lembranza de Hölderlin», forma parte de Presencia de Galicia, o primeiro número dos cadernos da colección Grial. Pedrayo representa nestes anos a resistencia do galeguismo histórico.
En 1958 o grupo Brais Pinto inaugura a súa colección de versos co libriño Bocarribeira. Poemas pra ler e queimar, único poemario editado en vida polo autor. Coa xubilación e o regreso á Ourense péchase unha etapa de vehemente actividade. Son anos de conferencias por toda Galicia, de ducias de artigos e prólogos, de traballo activo na renovación da Academia Galega, e de proxectos propios. Entre estes cómpre destacar O desengano do Prioiro (1952) e a colección de contos Entre a vendima e a castañeira (1957). En 1959 remata O señorito da Reboraina, a primeira novela en galego tras a Guerra Civil e a última que entregaría ás máquinas en vida. As homenaxes sucédense a partir dos anos sesenta. En 1975 recibe dos seus antigos alumnos o volume Teatro de máscaras, dezaseis pezas dramáticas breves asinadas en 1934, nas viaxes en tren que facía con Castelao para asistir ás Cortes.
Uns meses despois, o 10 de abril de 1976, falecía na súa casa da rúa da Paz.Obra
Narrativa En galego- Pantelas, home libre (1925)
- O purgatorio de Don Ramiro (1926)
- Escrito na néboa (1927)
- Os camiños da vida (1928)
- Arredor de si (1930)
- Contos do camiño e da rúa (1932)
- A romeiría de Xelmírez (1934)
- Fra Vernero (1934)
- Devalar (1935)
- O mesón dos ermos (1936)
- Entre a vendima e a castañeira (1957)
- O señorito da Reboraina (1960)
- O Maroutallo (1974)
- Contos de Santos e Nadal (1988) En castelán
- Las palmas del convento (1941)
- La vocación de Adrián Silva (1950)
- La fiesta del conde Berstein (1988) Ensaio En galego
- Síntese xeográfica de Galicia (1926)
- Guía de Galicia (1926)
- Síntesis xeográfica de Galicia (1926)
- Estampas de Ourense a mediados do século XVIII (1927)
- Pelerinaxes (1929)
- Romantismo, saudade, sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Pondal (1931)
- Lembranza de Goethe (1932)
- Morte e Resurrección (1932)
- Breve historia de Galicia (1939)
- Por os vieiros da saudade (1952)
- Paisaxe e cultura (1955)
- O espello na serán. Entre o Pedroso e o Viso (1966)
- Síntesis histórica do século XVIII en Galicia (1969)
- Os ríos galegos (1977)
- Ensaio histórico sobre a cultura galega (1982)
- Temas ourensáns (1996)
- Sereno e grave gozo. Ensaios sobre a paisaxe (1999)
- Fragmentos de Ulises. 1926 (2003) En castelán
- Paisajes y problemas geográficos de Galicia (1928)
- Treinta y tres lecciones de Geografía general (1929)
- Lecciones elementales de Historia Universal (1931)
- Ensayo histórico sobre la cultura gallega (1933)
- Lecciones de Geografía e Historia (1936)
- Guía de Santiago de Compostela (1943)
- Motivos sobre el paisaje de Galicia (1948)
- Las ciudades gallegas (1951)
- Santiago de Compostela (1953)
- Geografía de España. Presencia y potencia del suelo y el pueblo español (1956)
- Orense (1966)
- Ciudades y paisajes de Galicia en la obra de Julio Prieto Nespereira (1977)
- Galicia. Una cultura de occidente (1994)
- Una historia del arte universal (2004) Poesía
- Bocarribeira. Poemas pra ler e queimar (1958)
Teatro- A lagarada (1929)
- O desengano do Prioiro (1952)
- Traxicomedia da noite dos Santos (1960)
- Noite compostelá (1973)
- Teatro de máscaras (1975)
- O fidalgo e a noite (1979)
Bibliografía
- Alonso Montero, Xesús (2000): Oteriana. Vigo: Publicacións da Fundación Otero Pedrayo.
- Arias Chachero, Patricia, Vázquez Monxardín, Afonso (2014): Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía (1888-1976). Vigo: Galaxia.
- Baliñas, Carlos (1980): «Descubrindo a Otero Pedrayo». Santiago de Compostela: Revista Coordenadas.
- Casares, Carlos (1988): Otero Pedrayo. Vigo: Galaxia
- Villares, Ramón (2007): Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista. Vigo: Galaxia.
-
Avogado e filántropo compostelán, foi un dos grandes benefactores do Seminario de Estudos Galegos Joaquín Arias Sanjurjo naceu en Santiago de Compostela, no seo dunha familia fidalga, o día 1 de abril de 1860 e morreu na mesma cidade o 1 de setembro de 1946. Foron os seus pais Antonio Arias Armesto e Efigenia Sanjurjo Pardiñas. O matrimonio tivo cando menos outros dous fillos; un deles, Jacobo, chegaría a converterse en xefe do corpo de enxeñeiros do exército. Joaquín Arias Sanjurjo estudou Dereito na súa cidade natal. Amante dos libros e incansable lector, interesouse desde novo polo noso patrimonio cultural. En 1887, nos seus frecuentes e longos paseos pola contorna de Santiago, deu noticia da descuberta de dous castros, o de Roxo e o de Gomaras, o que o levou a poñerse en contacto co secretario da Sección de Estudios Protohistóricos da Real Academia da Historia da Comisión de Monumentos da Coruña. Ese mesmo ano, converteuse no director da Gaceta de Galicia. En decembro de 1890 foi, con Manuel Murguía, un dos fundadores da Asociación Regionalista Gallega da que tamén formarían parte Barcia Caballero, Alfredo Brañas, Vázquez Mella e Salvador Cabeza de León. Nos anos mozos en Compostela, segundo Ricardo Carballo Calero, pretendeu a man de Alejandra Murguía de Castro, filla maior de Rosalía de Castro, que lle foi denegada, segundo se comentaba, porque o pai pensaba que a moza debía ficar solteira e coidar dos seus proxenitores cando fosen maiores. Instalado durante anos na fortaleza medieval propiedade da súa familia en Ferreira de Pantón, a quilómetro e medio do mosteiro cisterciense próximo a Monforte de Lemos, Arias Sanjurjo exerceu como avogado e involucrouse nas loitas agraristas. Como presidente da Sociedad de Agricultores de Monforte participou na organización da segunda Asemblea Agrícola, celebrada nesta vila entre o 14 e o 15 de agosto de 1910. Algunhas das propostas favorables aos labregos que se propuxeron na ocasión, como a conversión dos montes comunais en propiedade individual para facelos máis produtivos e medidas a favor de arrendatarios e parceiros, suscitaron a hostilidade dos voceiros procedentes da vella fidalguía, entre eles Arias Sanjurjo, que viu naquelas propostas ataques directos contra os propietarios das terras. Un ano antes, en 1909, foi elixido deputado provincial e desde este posto defendeu con empeño nas catro deputacións, a Mancomunidade galega como forma de rematar co centralismo e o caciquismo. Ademais, entre 1907 e 1912 apoiou publicamente o anticaciquismo e o asociacionismo agrario que defendían os membros de Solidaridad Gallega. En 1913 redactou un manifesto dirixido aos seus electores e ao pobo galego en xeral, onde daba conta da súa actividade como deputado. En 1918 redacta e asina Manifiesto a las sociedades de labradores de Galicia y a los regionalistas de raza y abolengo gallego que no se hallen alquilados a la plutocracia barcelonesa o alistados en las clientelas de las oligarquías seudopolíticas de Madrid, expresando a súa opinión e frontal oposición á alianza galeguista coa Lliga Regionalista catalá de Frances Cambó. Bo coñecedor da contorna monfortina e da historia, da arte e da arquitectura galega, redactou documentados artigos para publicacións como o Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense, os Arquivos do Seminario de Estudos Galegos ou El Eco de Santiago. Na primeira publicación mencionada cómpre destacar os textos, «Una excursión a la Rivera Sagrada» e «De re geographica. San Martín de Razó» e na segunda, «Sobre a localización do Sant-Grial». O 1 de nadal de 1922 atopamos o seu primeiro traballo na revista Nós. Trátase dun texto erudito titulado «Nota encol da eirexa de Santa María de Marrube», incluído na Seición arqueolóxica da revista. O primeiro de febreiro do ano seguinte atopamos un segundo texto, o artigo «Papeletas cervantinas ao marxe de Galiza» no que tenta demostrar que algúns dos personaxes que aparecen no Quixote son galegos ou proceden de familias galegas. A estes traballos, debemos engadir un máis: un folletón imprentado á marxe da revista que leva por título «As fontes prá hestórea antiga de Galiza». A comezos dos anos 20 abandona Monforte e instálase de novo en Santiago de Compostela. En 1924 comeza a colaborar co Seminario de Estudos Galegos, cedéndolles algúns obxectos prehistóricos, entre eles alfaias de gran valor e algún brazalete, e diversos elementos da arte rural galega. Amigo persoal de Cotarelo Valledor, en maio de 1925 volveu facer un importante donativo ao Seminario. As sucesivas cesións de mobles, obxectos antigos e fundamentalmente libros, convérteno nun dos principais benefactores da institución. Xunto a Portela Valladares que pagou os gastos de instalación, convértese no principal promotor do Museo Etnográfico do Seminario, que se instalou na Sociedade Económica cadrando coa primeira Xunta Xeneral da institución en marzo de 1926. Lois Tobio e Xaquín Lorenzo lémbrano carretando bolsas de libros cada vez que acudía a unha das reunións do Seminario. Na década de 1930, con máis de setenta anos, é unha persoa moi coñecida na vida pública de Santiago de Compostela. En 1932 publica Novena sobre el Estatuto de Galicia no que defende o catolicismo do pobo galego e aborda a cuestión lingüística. Ese mesmo ano convértese no vicepresidente do Centro Radical Republicano da cidade e, un ano despois, en representante do Centro para a comisión de propaganda para o Estatuto Galego. En xaneiro de 1933 atopámolo actuando como delegado do Partido Radical Republicano de Compostela no Comité Central que organizaba e dirixía a campaña autonomista. Ademais, entre 1934 e 1935, foi concelleiro e tenente de alcalde na cidade. A actividade pública non lle impide seguir traballando. Nos anos trinta imprenta Sobre el actual problema ferroviario en Galicia. Papeletas económicas de Galicia (1935) e Segunda papeleta. Modelos vivos de la felizmente acabada “Aventura de los leones” (1934), Avellaneda y el sentido oculto del “Quijote”: parte crítica (1935) ou Del sentido oculto del Quijote. Da la locura de Alonso Quixada, el bueno. De la cárcel en que se engendró el Quijote. Arresto y conducción de Cervantes a la cárcel. Mujer, causa de la tragedia de Cervantes (1936) nos que recolle algunhas impresións sobre o Quixote, tema que o apaixonaba, cando menos, desde os anos 20. Amigo persoal e protector de Ramón del Valle-Inclán, a quen tratou moito nos anos composteláns, visitou con el A Coruña e, en outubro de 1935, Ourense, por onde pasearon en compañía de Julio Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo. A mediados dese ano, Joaquín Arias Sanjurjo foi un dos que secundou economicamente a iniciativa de Victoriano García Martí que pretendía homenaxear ao autor das Comedias bárbaras , regalándolle un pazo. Arias Sanjurjo contribuíu con 200 pesetas, a terceira cantidade máis importante tras as 5000 de Portela Valladares e as 500 de Fernández Mato. OBRAS El castillo de Litoria y otras menudencias orensanas (1923) El reino de Aregia: Custodia, tutela, escudo, protección y defensa del Santo Gria (1928) Novena sobre el Estatuto de Galicia (1932) Décima sobre el problema social de nuestro tiempo (1933) Segunda papeleta. Modelos vivos de la felizmente acabada “Aventura de los leones” (1934) Sobre el actual problema ferroviario en Galicia. Papeletas económicas de Galicia (1935) Avellaneda y el sentido oculto del “Quijote”: parte crítica (1935) Del sentido oculto del Quijote. Da la locura de Alonso Quixada, el bueno. De la cárcel en que se engendró el Quijote. Arresto y conducción de Cervantes a la cárcel. Mujer, causa de la tragedia de Cervantes (1936)
-
Arqueólogo e sacerdote, destacou como pioneiro nos estudos xacobeosNaceu na praza do Toural de Santiago de Compostela o 24 de decembro de 1884, fillo do almacenista Tomás Carro Carro e irmán do médico Santiago Carro García. En 1896 ingresou na Universidade Pontificia Compostelá, recibiu as ordes menores en xuño de 1908, foi nomeado diácono en decembro dese mesmo ano e presbítero en xuño de 1909. En xuño de 1913 nomeárono coadxuntor da parroquia de San Tomé de Ames, e en agosto de 1915 destinárono á colexiata de Santa María de Sar. Despois estivo como presbítero da igrexa de San Froitoso e da de Santa Susana. En 1923 asistiu como padriño de altar á primeira misa de Paulino Pedret Casado. Estudou Dereito Canónico con Leopoldo Eijo Garay.
No ano 1909 recibiu un premio do seminario de Sevilla polo relato «Un paseo en la playa (diálogo entre un seminarista y un lector de la mala prensa»). Colaborou coa Sociedade de Amigos do País, e en 1916 foi nomeado secretario da primeira xunta para a creación dunha sección de estudos de historia e arqueoloxía galega. Afeccionárase a estas materias nos seus tempos de seminarista, da man de Eladio Oviedo Arce. En 1923 deu unha conferencia no Circo de Artesanos sobre a ourivería romana en Galicia e mais sobre o tesouro do castro de Recouso. Despois colaborou con Xosé Filgueira Valverde na creación do museo catedralicio.
Serviu de enlace a historiadores que visitaban Galicia, como os medievalistas estadounidenses Arthur Kingsley Porter e Kenneth John Conant, quen se serviu da fundamental axuda de Carro para a elaboración da súa monografía sobre a Catedral de Santiago The Early Architectural History of the Cathedral of Santiago de Compostela (Harvard University Press, 1926); historiadores da arte como Manuel Gómez-Moreno, cos que mantivo frecuente correspondencia, ou mesmo o reitor da Universidade do Porto, Alfredo de Magalhães. En 1932 axudou a Walter Muir Whitehill na transcrición do Códice Calixtino.
En 1928 ingresou no Seminario de Estudos Galegos, do que dirixiu a sección de Arqueoloxía e Arte. Colaborou na publicación Terra de Melide, de 1936, coa sección «Arqueoloxía relixiosa de Melide», en colaboración con Emilio Camps e Xosé Ramón Fernández-Oxea (Ben-Cho-Shey).
Ao igual que outros membros da xeración Nós formouse noutros países de Europa. Así, con bolsas da Xunta de Ampliación de Estudos fixo estadías en museos de arte e arqueoloxía de Francia e Inglaterra e Alemaña entre 1928 e 1929. Ao seu regreso dunha viaxe por Italia promoveu a creación dunha oficina e padroado de turismo en Santiago de Compostela.
Na revista Nós publicou catro artigos, nos cales xa se deixa ver cal é o seu principal motivo de estudo: a catedral compostelá. Os artigos foron «Unhas estatuas do Pórtico da Groria» (n.º 55, xullo de 1928), «A imaxen pétrea do Apóstol Sant-Iago» (n.º 94, outubro de 1931), «Unha táboa do convento de Belvís» (n.º 101, maio de 1932) e «O botafumeiro da Catedral compostelán» (n.º 109, xaneiro de 1933). Ademais fixo tres recensións, das obras de Pedro Vitorino «Cerámica portuense» (n.º 95, 217), de Justo Pérez de Urbel «La iglesia románica de San Quirce» (n.º 95, 218) e de Eric Maclagan «Medieval alabasters from Naworth Castle» (n.º 108, 232). Nos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos publicou tres artigos: «A data da inscripción da Porta das Praterías» (IV, 1932), «O tímpano da capela de D.ª Leonor» (V, 1930) e mais «O tesouro de Foxados» (VI, con Sebastián González).
Logo do golpe de Estado de 1936 procurou salvar material da editorial Nós e mais do Seminario de Estudos Galegos, como algunhas láminas con miniaturas do Códice Calixtino, que o SEG estaba a transcribir. En xaneiro de 1939 foi nomeado apoderado en Compostela do Servizo de Defensa do Patrimonio Artístico Nacional. Coa creación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento en 1944, pasou a ser xefe de Estudos Composteláns e da Peregrinación nesta institución.
Colaborou en diversas revistas, como Compostellanum, as pontevedresas Logos e Spes ou a madrileña Arqueología y Arte, así como no Galician Programme da BBC. En 1951 publicou a Crónica de Santa María de Iria, como anexo V do Cuaderno de Estudios Gallegos, nunha coidada edición con prólogo, anotacións e glosario.
Ingresou na Real Academia Galega o 27 de xullo de 1941, a proposta de Manuel Casás Fernández, Ángel del Castillo López e Alejandro Barreiro Noya. Ese día tivo lugar no paraninfo da Universidade de Santiago a cerimonia de ingreso de dezanove académicos de número, mais no acto só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en noroeste hispánico, lido por Fermín Bouza-Brey en nome de todos. Xa en xaneiro de 1925 fora nomeado membro correspondente da RAG. Foi tamén membro do Instituto Español de Estudios Medievales e membro correspondente da Real Academia de Historia e mais da Real Academia de Belas Artes de San Fernando desde 1961. En 1965 ingresou na Orde de Afonso X o Sabio, e en 1971 foi nomeado fillo predilecto de Santiago de Compostela.
Faleceu en Santiago de Compostela o 8 de decembro de 1973, e foi soterrado en Boisaca.
BibliografíaBibliografía primaria Monografías: Las catedrales gallegas. Buenos Aires; Ediciones Galicia, 1950. (Inclúe unha colección de láminas). Estudios jacobeos: arca marmórica, cripta, oratorio o confesión, sepulcro y cuerpo del Apóstol. Santiago de Compostela: Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, 1954. A pelengrinaxe ao Xacobe de Galicia. Vigo: Galaxia, 1965.
Artigos en Cuadernos de Estudios Gallegos «Un nuevo relieve románico compostelano» (I, 1944) «Miniaturas de un cantoral de San Martín Pinario y su archivo» (VII, 1947) «El palacio y la torre de D. Berenguel en la cabecera de la Catedral de Santiago» (XI, 1948) «La escritura de concordia entre D. Diego Peláez, obispo de Santiago, y San Fagildo, abad del Monasterio de Antealtares» (XII, 1949) «La imagen sedente del Apóstol en la Catedral de Santiago» (XV, 1950)
Outros artigos «Un anillo signatario ibérico»; «La monumentalidad de Galicia»; «Un café en Santiago en 1812»; «El cuchillo del Apóstol Santiago en la Catedral»; «El Apóstol Santiago patrón de pescadores, marineros y navegantes»; «Las figuras de la Pasión de Cristo en la fachada de las Platerías»; «La construcción de la actual Basílica»; «Las esculturas empotradas de la Puerta Santa»; «El almenado de la Catedral de Santiago de Compostela»; «La Catedral de Santiago es también Basílica»; «De la dignidad del altar mayor de la Catedral de Santiago»; «La Cruz dos Farrapos»; «El cordón del Apóstol»; «El camino de Santiago»; «Efigies de Santiago ecuestre en Compostela».
Bibliografía secundaria Carro Otero, Jośe (1965): «Notas bibliográficas de D. Xesús Carro García», La Noche, (17 de abril), 12. Couceiro Freijomil, Antonio (1951): Diccionario bio-bibliográfico de escritores. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1951; I, 234-235.
Documentos sonoros do ASG
Escoita conferencias, homenaxes e entrevistas a membros da Xeración Nós.
Publicacións do CCG
Unha selección de publicacións do CCG sobre a Xeración Nós.
Roteiros
Coñece Galicia a través das súas letrasRoteiro Castelao en Pontevedra
Este roteiro percorre a cidade máis querida por Castelao, onde desenvolveu boa parte da súa actividade cultural e política.
Roteiro Castelao no Barbanza
Praias, monumentos, castros e espazos vitais definen este roteiro pola banda sur, a arousá, da comarca do Barbanza, onde Castelao pasou os seus primeiros anos.
RoteiroOtero Pedrayo no rural ourensán
O señor de Trasalba foi un grandísimo coñecedor das súas terras natais, entre o Ribeiro, a Serra Martiñá e os ríos Miño e Barbantiño. Este itinerario permítenos coñecer escenarios de enorme valor histórico e etnográfico vinculados a don Ramón.
RoteiroCarballo Calero
Entre a academia e a creación.