OLLADAS SOBRE NÓS

Antón Santamarina explora a revista Nós

O Arquivo filolóxico e etnográfico de Nós

Nós : Boletín Mensual da Cultura Galega, (1), pp. 16-17.
Archivo filolóxico e etnográfico de Galizia. (1920).



En Nós hai una sección fixa que se titula “Arquivo filolóxico e etnográfico de Galiza ”, na que se pretende dar acollida “ás investigaciós etnográficas, filolóxicas e folclóricas e a toda clas d'estudios que se propoñan o millor coñecemento do pobo galego”. Foi programada por Risco e no primeiro número dáse unha orientación dos temas que poden caber nesta sección, que se corresponden co que podería ser un índice dun futuro libro (quizais enciclopedia) de antropoloxía de Galicia. Publicouse a sección na maioría dos números; hai 89 entregas. Iníciase cunha colección de adiviñas de Noriega e seguen despois colaboracións moi variadas, das cales son relativamente poucas as de tema filolóxico: alcumes, nomenclatura das moedas de cobre, nomes da Digitalis purpurea, papeletas para un dicionario (Lobeira), xerga dos cesteiros, comparanzas e pouco máis. Ocupa, en cambio, bastante espazo a literatura popular (adiviñas, refráns, cantigas e romances, contos, lendas, recitativos infantís etc.), o mundo das crenzas (a compaña, as bruxas, a relixiosidade), o ciclo das festas relixiosas ou profanas (a Semana Santa, o Entroido etc.), a medicina popular (lombrigas, espiñela, tirizó). Isto complétase con artigos algo longos (once en total) que se titulan de maneira xenérica “Folklore ou cousas de...” (de Parada de Sil, do Val de Lemos, da Pobra de Trives, das Terras de Mundil, de Velle, de Ribadeo, da Aldea de Caneda, de San Miguel de Paradela, de Sandiás, de Santo André de Somoza, de Cualedro). Cómpre lembrar que en Nós tamén poden aparecer fóra da sección que comentamos artigos que caberían nela, como “Falan os de Ribadeo”, varios cantigueiros, un estudo sobre a illa de Ons etc.

Son moitos os colaboradores, contei ata 54 e se cadra non están todos. Entre eles hai nomes moi coñecidos; á parte de V. Risco, que achega información e moitas veces anota os textos doutros con notas moi eruditas, podemos lembrar a Castelao, Losada , Cotarelo, Cabeza de León, Noriega, A. Noguerol; entre os máis activos están Ben-Cho-Shey, Bouza Brey, X. Lorenzo, Fraguas ou Martínez López. Pero á parte deles hai una morea grande de alumnos da Escola Normal de Ourense que non acadaron sona (ou eu non llela coñezo) e que, animados seguramente por Risco, pois seguen o seu “questionario”, realizaron traballos académicos que mereceron ser inseridos na revista. Algún dos colaboradores, como é o caso de Manuel Fuentes Canal, pagaron a súa adhesión á causa galeguista co fusilamento en agosto do 36; outros, a maioría, sobreviviron como puideron; e só algún, como é o caso de Lis Quibén, vestiu con entusiasmo a camisa azul.

Todo iso e outras cousas que se facían á marxe de Nós, por exemplo diversas empresas ben coñecidas que deran lugar a monografías, especialmente do Seminario de Estudos Galegos, entre elas Terra de Melide ou Parroquia de Velle, foron destruídas ou quedaron abortadas, como foi a monografía de Deza ou o caso do Cancioneiro. Tiveron que pasar 20 anos para que se volvesen recuperar os estudos neste campo. E un fito moi singular neste sentido foi a obra etnográfica do propio Risco sobre a Cultura espiritual inserida na Historia de Galiza, en 1962, que debe moito á sección de Nós que estamos comentando; en realidade, aquela sección era case unha colleita de materiais para o libro de Bos Aires. Outro fito foi, nese mesmo ano, a publicación da Cultura material na mesma obra e lugar, de Xaquín Lorenzo. Os dous libros son obras singulares de referencia na historiografía da antropoloxía galega, que a partir dos anos 70 tivo un desenvolvemento moi notable.

Na outra vertente do “Arquivo”, a correspondente á área “filolóxica”, teñen que pasar non vinte, senón trinta anos (comezos dos setenta), para que traballos como o de “Falan os de Ribadeo” teñan o seu proseguimento.

Sente un a tentación de imaxinar a onde terían chegado os estudos filolóxicos e etnográficos de non se ter interrompido Nós e o que significaba. O que está claro, e non é ningunha historia contrafactual, é que entre a xeración de Nós e a nosa houbo unha xeración case perdida para a cultura galega e para moitas outras cousas; tamén é real que o menos malo que nos puido pasar é que algunhas daquelas persoas seguisen aínda vivas polos anos sesenta para facernos ver Galicia como tarefa.

Antón Santamarina
Un texto de Antón Santamarina
Catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +