OLLADAS SOBRE NÓS

M. Dolores Barral Rivadulla explora a revista Nós

Arqueoloxía galega. Santa María de Cambre

Nós : Boletín Mensual da Cultura Galega, (31), pp. 15-30.
Arqueoloxía galega. Santa María de Cambre (1926).



Este artigo pareceume un dos máis completos para presentar dende o coñecemento actual da arte galega e en particular da medieval.

Non cabe dúbida do papel que Ángel del Castillo desempeña no panorama do inventario, recuperación, defensa, clasificación e conservación do patrimonio artístico galego; dende os edificios, tanto eclesiásticos como civís, ata a arte de obxectos prehistóricos ou antigos.
Na súa traxectoria profesional, este artigo non só contén un achegamento ao inmoble, senón que é un traballo exhaustivo e metódico que, como aparece ao final do texto, gañara o premio do presidente da Real Academia Galega, Francisco Ponte Blanco, dous anos antes.

Ángel del Castillo elaborou este estudo aos trinta e oito anos e cunha importante experiencia profesional ás súas costas. O feito de que nestes momentos estea a estudar a especialidade de Historia na Facultade de Letras da Universidade de Santiago sinala que este extenso ensaio non foi un máis dos seus artigos senón un de carácter académico.
Se se aplican a este estudo de case 100 anos os criterios actuais, superaría a avaliación entre pares. En primeiro lugar, pola metodoloxía empregada: definición de obxectivos, unha revisión bibliográfica e arquivística exhaustiva e crítica, xunto cun exquisito corpus de notas. A isto engádese un traballo de campo profundo que documenta graficamente o edificio con debuxos, planimetrías e fotografías, todas elas realizadas polo autor.

En segundo lugar, os contidos aínda son aplicables hoxe, as interpretacións adecuadas e a lectura do edificio correcta. Nel non só se valora formalmente o templo, senón que se vai máis alá, buscando vínculos estéticos e arquitectónicos con outros edificios.

A todo este mérito dende o punto de vista científico, hai que engadir o feito de estar escrito en galego, debido á dificultade de aplicar termos específicos da historia da arte, que ao longo do artigo están resoltos coidadosamente.

Dolores Barral Rivadulla
Un texto de Dolores Barral Rivadulla
Profesora titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +