OLLADAS SOBRE NÓS

Marica Campo explora o universo da revista Nós

Conto

Nós : Boletín Mensual da Cultura Galega, (41), pp. 16-17.
Conto. Arquivo filolóxico e etnográfico de Galiza. (1927).



O conto dos tres irmáns é de seu un tratado de sociolingüística. Escoiteillo na infancia moitas veces ao meu pai, sen saber que era moito máis que un episodio a poñer de relevo a inxenuidade dos mozos protagonistas. Só anos despois, cando dei con el nas páxinas da revista Nós, decateime do verdadeiro significado do relato que el coñecera directamente na voz de Ben-Cho-Shey. Moitos tesouros da literatura popular habían desaparecer entre as silvas do esquecemento se non houber quen os puxese en valor, a lles dar ese seguro de permanencia que é a escrita.

O relator popular resalta as consecuencias que para os tres irmáns ten o abandono da súa lingua nativa. Así mesmo, pretende construír unha muralla simbólica para deter a sangría da emigración, que nas primeiras décadas do século XX lle resultou particularmente prexudicial a Galiza. Só en 1927, cando o conto foi transcrito, emigraron a América máis de 30.000 persoas, en práctica igualdade de homes e mulleres. Todo fai pensar que o final dramático quere ser un aviso para frear tanto o despoboamento do país como a deserción da lingua.
Cando un pobo renuncia á súa lingua e adopta a lingua dominante é que graves circunstancias políticas se producen para inducir tal proceso asimilador. O desprezo da propia é resultado e instrumento asemade de prácticas colonizadoras.

Esta fábula convídanos, xa que logo, a unha fonda reflexión, para concluírmos que a vida do pobo galego, do que os tres irmáns son metonimia, está ligada á lingua que lle é propia.


Marica Campo
Un texto de Marica Campo
Escritora

Foto: De Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB)

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +