OLLADAS SOBRE NÓS

Susana Reboreda explora o universo da revista Nós

O castro "A cibdade" en San Cibrán de Las

Nós : Boletín Mensual da Cultura Galega, (10), pp. 18-21.
O castro "A cibdade" en San Cibrán de Las. Consideraciós xenerales.. (1922).




Entre os moitos intereses e capacidades de Florentino López Cuevillas atópase a súa vertente como arqueólogo, perfil que quizais destaque por riba dos demais.

A algúns membros da xeración Nós, en xeral, e a Cuevillas, en particular, atribuímoslles os inicios da arqueoloxía en Galicia, actividade que debemos analizar no seu contexto e nunca aplicar a crítica a partir dos avances da ciencia da arqueoloxía na actualidade. Por este motivo quero amosar a miña sincera admiración polo traballo desenvolvido por este pioneiro do seu tempo, tanto no traballo de campo como nas súas análises e reflexións.

O primeiro castro que escavou foi San Cibrán de Las. Dos avances, no ano 1922 fai catro publicacións na revista Nós (abril, xuño, agosto e novembro), nas que dá conta da evolución dos traballos, reflectindo as técnicas e inquedanzas no eido arqueolóxico. O seu principal obxectivo era coñecer os habitantes e os seus costumes a través de dous aspectos: as estruturas, especialmente as murallas e lugares de habitación, das que detalla as medidas e os seus posibles usos; e os obxectos (metal, vidro, cerámica e moeda), que se describen dun xeito detallado. Constantemente fai referencia a distintas investigacións no ámbito galego, español e europeo e aventura analoxías con outros xacementos, como Briteiros en Portugal. Florentino tamén especifica outras realidades, como a imposibilidade de realizar o traballo arqueolóxico pola chuvia de abril, o furtivismo ou o agradecemento das contribucións privadas para os gastos. Non esquece a documentación gráfica, boas fotografías para a época, de estruturas e obxectos. Sen dúbida, consideraba prioritario comunicar puntual e detalladamente os paulatinos avances.

Resultan evidentes, nesta contribución, os moitos cambios que a ciencia da arqueoloxía sufriu en xa case un século.


Susana Reboreda
Un texto de Susana Reboreda
Profesora de Historia Antiga na Universidade de Vigo

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +