Antonio Reigosa explora o universo da revista Nós
As lêndas da Fonte Pormás
Nós : Boletín Mensual da Cultura Galega, (108), pp. 218-221.
Leo e releo con anovada curiosidade o artigo "As lêndas da Fonte Pormás" de Antón Fraguas, Nós, 108 (1932).
Fraguas, entón mozo de 25 anos, xa posuía coñecementos profundos da nosa mitoloxía popular, en particular da relacionada coas augas, como amosa no prefacio introdutorio.
Volvín ao artigo sobre as lendas da Fonte Pormás, como xa fixera cando redactamos (con X. Cuba e X. Miranda) a entrada correspondente do Dicionario dos seres míticos galegos (1999), no outono de 2019, ao ser convidado pola Real Academia Galega a participar no simposio sobre Fraguas, figura homenaxeada no Día das Letras 2019, e a miña intervención, recollida no Boletín da Real Academia Galega nº 380, xirou arredor das súas valiosas achegas á interpretación da nosa mitoloxía popular. E escribín "abondarían estes tres relatos para elaborar un opúsculo sobre os ritos de encantamento e desencantamento, así como das crenzas sobre a existencia de tesouros nalgunhas fontes".
Nunca estiven na Fonte Pormás. Busquei e rebusquei en Internet unha proba da súa realidade pero non a atopei. Comecei a sospeitar que perecera devorada pola ansia dalgunha obra e acudín a Xurxo Broz e Cristina Vázquez, grandes amigos, traballadores do Museo Terra de Melide, para pedirlles (eran días de mobilidade limitada) que procurasen localizala.
Faltoulles tempo para intentalo e conseguilo! A Fonte Pormás resiste aínda que ensumida na maleza e asfixiada baixo un pedregal de recheo!
Pola memoria de Fraguas e do seu informante principal, Manuel Cardelle Conde, recuperemos a Fonte Pormás!