O equilibrio dos extremos

Tamara Andrés

O equilibrio dos extremos

Huis Clos


Autoría: Tamara Andrés
Recitador/a: Tamara Andrés

      ficaría queda 
     anicada no recanto silencioso das túas palabras
                                          Xela Arias

aliñándonos co desvelo observaremos
do outro lado da ría
unha anciá sostendo unha egua talvez morta
os embates do mar farán dela unha illa
será cega

e os cabelos abocaranlle nun feixe de amores
atados cunha corriza

no centro do alpendre
unha muller procurará o nome propio nos adentros da boca
dilatará ata o estertor a cavidade
sairán gases varios
un morcego

e da cintura penduraralle un feixe de amores
atados cunha corriza

tom tom tom tom tom tom tom
no faiado unha nena corricará tras dunha paxarela
tom tom tom tom tom tom tom
o seu baile invocaranos as mans
ensinaranos a ler nos teitos
tom tom tom tom tom tom tom
na punta do nariz pousaráselle 
o silencio

e sobre o chan caerá un feixe de amores
atados cunha corriza

que eu recollerei

no baleiro deste cuarto que me perfora o corazón
ou
no baleiro deste cuarto vertedoiro de corazóns
onde eu, Xela, tamén ficaría queda, anicada, molusca
se non houbese tantísimos cabalos aí fóra
se soamente non houbese tantísimos cabalos aí fóra

Vente


Autoría: Xela Arias
Recitador/a: Tamara Andrés

Aproximaría quizais o meu corpo á túa espera
e ficaría queda,
anicada no recanto silencioso das túas palabras.
A sombra desa man é miña, que veño.

E eu, que son:
asombraría a miña propia risa
se non digo
que tamén amo o baleiro dos desastres que adiviño.

No areal,
as grupas das chalanas fan os ocos.
Enfronte,
a inmensidade non detén os seus avantes.

De Tigres coma cabalos)