Alicia Fernández

O equilibrio dos extremos

s/t


Autoría: Alicia Fernández
Recitador/a: Alicia Fernández

Do parto, fillos, 
contarei tan só a animalidade.

Este corpo coma un catro:
as uñas nas baldosas,
a columna curva, a sostervos,
igual ca unha cana de pescar,
ben aberta a boca
e os ollos á espreita.

Falareivos dos berros,
as coxas purpúreas,
o cordón umbilical a latexar;
do xeito en que me dividín
para collervos, esvaradíos,
aínda medio peixes.

Non atenderedes á dor
porque só haberá desexo no relato:
noite clara,
leite a pingar
e eu, paríndovos, tan salvaxe,

tan tranquila.

Parín sen dor


Autoría: Xela Arias
Recitador/a: Alicia Fernández

Parín sen dor e con
pracer.
Estou pa
rindo
todo instante que penetro ou me
penetra.
Solpor, máquinas, liortas,
bicos, días, trasnos...
Parir, aprendo linguas.

De Intempériome