Lois Alcayde Dans

O equilibrio dos extremos

Unha nova atea


Autoría: Lois Alcayde Dans
Recitador/a: Lois Alcayde Dans

Levo nas mans cargando o peso de ser
                        unha nova atea.

E contei para isto os pasos.
Lembrei solpores onde da túa boca abrollou
un abrente e pescara desta escuma
                        un milagre.

Tivemos mans antes de esnaquizar vaixelas,
mans para desmitificar ritos pagáns nas rochas e na simbiose
do lique, ese misterio, abraiarnos para sermos nós 
                        neste tempo e é
-É que teño isto, téñoo
-E é que eu procuro abrirche a terra de cada
vez
para atopar algo que me relembre que co 
puño agarraches as flores molladas e colliches a man
desta viaxe. E é que estou así,

                        que teño o corazón de auga derretida desbordando, 

que quero beber o mar, que é
que quero inmolarme nunha meseta devastada e
romper cristais, que é que quero
ser o punto de entrada da invasión, que é
que quero 
estar en min para facerme contigo e
derrotarme en brazos e pedras de sal.

Mira nas mans toda esta auga
                    apañada,
a miña herdanza.

s/t


Autoría: Xela Arias
Recitador/a: Lois Alcayde Dans

Trouxen augamel para agasallarte e sentei na escada
                                        á agarda.
Non chegabas nunca e cansaba
Cosín cun fío os pensamentos todos e abrín a porta
Saín. Fun por tras de min deixando as pegadas no chan

e se tantas voltas viaxo de nervio aprisionado
se xiro terras e metais lenzos abertos
entrelazados
se escandalizo o interior derroto peixes lubinas
caranguexos

é que teño o corazón de auga derretida desbordando
vasos e piscinas
e veñen as augas zoando coma corsarios
dos mares da palabra.

De Denuncia do equilibrio