Oriana Méndez

O equilibrio dos extremos

(s/t)


Autoría: Oriana Méndez
Recitador/a: Oriana Méndez

Dos cometas, colle o fío de ouro que te zurce 
aos soños do mundo e aos seus cans
que te cose a ti ao son da tebra exterior
tecendo un novo ritual das amigas que sodes
estrela no ceo e estrela sobre a terra:
vida de furia
extensamente 
tan negra

Cólleo como exilio e árdete

Coa forza dunha hedra de luz ou co ímpeto 
das augas sobre as augas capaces de
percorrer vieiros e lendas de Vigo para se fundar
océano

Pódelos ver?
Van contigo os cabalos da noite
os da artemisa nas crinas
os do teu soño na area inacabado
Van
Descenderon o monte 
atravesaron por dentro a serra 
e víronte por dentro nos seus 
confidenciais túneles
Estabas, eras, vencendo as palabras

Agora xa vos temos aquí e tamén por fóra
lonxe do tempo e da súa dor
máis alá desta ría de rosas
E da súa dor

Árdete
Floreceraste sempre
Orquídea
Libre

s/t


Autoría: Xela Arias
Recitador/a: Oriana Méndez

      Vai furia nos cabalos dos cometas
Vencer
É un trago que agoiramos amantes nas imaxes

Espereitante e visto

As ondas mar que veñen
	         Fío e gargallada informe

Vencer
				 ¿terei medo?
Terei soños
e orquídeas da Etiopía no tempo

Artemisas nas ruínas do cancro

Vencer
Vence-la palabra
O feito
Muda-lo senso ritual das estrelas
Vagando vieiros e 
Lendas e 
Follas verdes nos carballos pais e
Mares e terras e
Aires e

Desfiañarse na area

De Faro de Vigo (24/06/1983)