O equilibrio dos extremos

Arancha Nogueira

O equilibrio dos extremos

espazo en branco


Autoría: Arancha Nogueira
Recitador/a: Arancha Nogueira

rara vez atopo espazo en branco para non dicir o que non coñezo

é importante saber o que non coñezo
como saber que a única certeza chegará coa morte e non haberá testemuña a 
quen contarlla

non me gusta a xente muda porque non reclama nada nin ten febre

eu estou sempre ao bordo, ao bordo, mirando pola fiestra

non me gusta a xente muda a xente muda non mira pola fiestra a xente muda 
senta no sofá déixame aquí déixame aquí
un silencio non é unha boca muda non é un embigo mudo 

eu quero coñecer dende un idioma dende un idioma de ancestros
estudo o idioma a historia do idioma
un idioma como unha pirámide
un idioma como un músculo 

non me gusta a xente muda eu latexo o idioma estreo o idioma 

sempre ao bordo mirando pola fiestra, pola fiestra unha nai un neno que 
chora o ruído do neno que chora o silencio 
xa non é silencio como non dicir o que xa sabes que non sei 

quero transvasar o idioma arrocar o idioma maldita xente muda maldita 

quero desprender o idioma pero como explico
ollos repugnantes
ollos repugnantes e viscosos de pescada
corpo de pescada en pedazos de xeo

como digo o noxo e a tortura

rara vez atopo espazo en branco para non dicir o bordo

o bordo é un animal trifásico e ausente que berra como a veciña de miña nai
exactamente como a veciña de miña nai
cuns tacóns moi grandes e moi limpos

como o idioma como limpar os tacóns co idioma como unha psicofonía
deste bordo vas ter frío vas ter frío colle unha chaqueta vas ter febre 
maldita xente muda sentada no sofá maldita

o idioma non comprende o rótulo de fe nin a forma 
na que non te despediches pola noite 
o idioma e eu descanso o idioma escarallo o idioma canto o idioma teño 
dúas pernas feitas polo idioma para que mas leas
maldita xente muda

miro pola fiestra en branco como se mira dende un pesebre 
non coñezo pesebres non sei o que é un pesebre é importante saber 
o que non coñezo

ninguén quererá estas dúas pernas con sabor a morte cando esvare na certeza

nin sequera os mudos virán ao rescate deste espazo en branco.

s/t


Autoría: Xela Arias
Recitador/a: Arancha Nogueira

Non hai, si que non hai 
idioma abondo. 

Non hai idioma abondo para recoñecérmonos. 

Pero ti e mais eu e nós, 
se nos sabemos sabémonos 
desde os espacios en branco.

 De Boletín Galego de Literatura , 11 (1994)