O equilibrio dos extremos

Gonzalo Hermo González

O equilibrio dos extremos

A rabia


Autoría: Gonzalo Hermo González
Recitador/a: Gonzalo Hermo González

     Nos baixos do mar había un mundo de area e bechos que non coñecerás.
                                                              Xela Arias

As pedras que tiramos aquel verán de 2008
están aínda na auga.
Idéntico o ceo que nos viu guindarllas con carraxe ao mar,
como se algo de nós se arrizase con elas.
Repara na lúa, no seu fulgor controlado (amarelo sulfuroso, sen resío:)
a mesma gasa de luz abeirando a noite,
o mesmo arreguizo no sangue cando de súpeto amence.
Volveremos ao mesmo lugar con idéntica rabia.
O momento é agora.

II. Monólogo adicto


Autoría: Xela Arias
Recitador/a: Gonzalo Hermo González

Non teño desexos.
Todo para nada e pronto.
Por un paquete de cigarros e unha palabra amable
cambio.
O resto da miña vida.
Todo para nada e pronto
o que me resta.
Sei que non teño desexos.
Recréome na propia suor.
Alivia o pudor con que miráde-los
ollos perdidos nas miñas cellas caídas.
Todo
para nada.
O que me resta.
Esa teoría non te salva
da incompetencia.
Por un paquete de cigarros…
a auga do mar cando me afoga
son brazos de rúas que cruzan cidades.
Non ter un desexo.
Vou vestido e canso
de bracear
paso
e déixome baixar.

Nos baixos do mar había un mundo de area e bechos que non coñecerás.

De Tigres coma cabalos