Homenaxe a Tarsy Carballas

Coincidindo co Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, instaurado en 2001 pola Unesco, a Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) promove o XII Día da Ciencia en Galego. En 2021, declarado "Ano da economía creativa para o desenvolvemento sostible, a IA e os novos poliedros", réndeselle homenaxe a Tarsy Carballas, científica galega pioneira nos estudos sobre a xénese, clasificación e cartografía dos solos da zona tépeda e húmida de España, o aproveitamento de materiais orgánicos residuais e o impacto dos incendios nos ecosistemas forestais.


Neste espazo mostramos unha selección dos recursos de Proxector vinculados ao ámbito agroforestal. Periodicamente, ofreceremos novos especiais atendendo a efeméredes, eventos ou acontecementos salientables.

Posta en valor de especies forestais de crecemento en Galicia e promoción da madeira na construción

Vídeo (10´ 59´´) de divulgación científica no que María Portela Barral, membro da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC, nos presenta as estratexias que están a desenvolver conxuntamente as universidades e as administracións no ámbito da construción sostible con madeira. O cambio climático constitúe actualmente unha das maiores amezas ás que ten que enfrontarse a humanidade e, neste contexto, a construción con madeira é un valor en alza para a construción no futuro. Nesta charla descubrirás as virtudes medioambientais e de eficiencia enerxética deste material.

A sesión desenvolveuse no marco da iniciativa Divulgaterra 2019.


Contralume

Curta documental (13´ 49´´) sobre os incendios forestais en Galicia, realizada en 2019 por Borja Casal e filmada durante o seu último ano de grao (Comunicación audiovisual) na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña (UDC). Na peza ofrécense os testemuños de implicados na xestión forestal (bombeiro forestal, enxeñeiro agrómono, bióloga, cooperativista de Amarelante e concelleira de Medio Ambiente da Coruña), e achéganse ideas para a prevención e a extención dos incendios.


Incendios e eucaliptos

Vídeo divulgativo (8´ 53´´) , difundido na canle Naturiza, no que Diego Ferraz Castiñeiras explica as curiosidades e os datos máis relevantes sobre os incendios acontecidos en Galicia nos últimos 30 anos. Descubrirás, entre outras cousas, que os incendios naturais forestais teñen beneficios ecolóxicos coma o mantemento da saúde do ecosistema, a regulación da biodiversidade, a rexeneración do bosque e a xerminación de semente. Tamén poderás entender cales son as diferentes tipoloxías de incendios e os principais factores que os provocan.

Sistemas agroforestais, incendios e innovación

Vídeo (35´ 19´´) de divulgación científica no que Rosa Mosquera, profesora no  Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, nos explica en que consiste un sistema agroforestal, cales son as diferentes tipoloxías e como este tipo de sistemas produtivos poden axudar a reducir o risco de incendios forestais.

A sesión desenvolveuse no marco do Divulgaterra 2018.

Como vai afectar o cambio climático aos carballos?

Vídeo (17´ 22´´) de divulgación científica no que Ignacio García, investigador no Departamento de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela, nos explica como podería afectar o cambio climático aos carballos, unha árbore que forma parte tanto do noso patrimonio natural como cultural. Explícanse as diferentes técnicas empregadas para analizar o efecto das condicións ambientais sobre o seu crecemento (dendrocronoloxía, anatomía cuantitativa e xiloxénese) e expóñense algúns dos datos obtidos nos últimos estudos, que permitiron identificar os principais factores que condicionan o correcto desenvolvemento destas árbores.

A sesión desenvolveuse no marco do Divulgaterra 2018.

A ciencia dos incendios forestais

Vídeo (8´ 16´´) de divulgación científica, difundido na canle SciShow, no que Michael Aranda nos explica as reaccións químicas que se producen nos incendios forestais, que cada vez son máis rápidos e grandes, e as consecuencias que teñen para os ecosistemas.

Tradución e subtítulos da Asociación de Tradutores Galegos.

A historia dos incendios forestais en Galicia e Portugal

Vídeo (1h 08’) no que Francisco Díaz-Fierros, catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, presenta unha panorámica dos incendios forestais en Galicia e Portugal para entender se estamos ante unha xeración de lumes insólita. Séguense as fases píricas de Bowman e proponse unha nova realidade: os megaincendios, cada vez máis grandes e difíciles de controlar.

Relatorio dentro do Coloquio galaico-portugués sobre incendios forestais: Unha nova xeración de lumes?, organizado polo Consello da Cultura Galega (18 de xaneiro de 2018).

Material complementario.

Biocombustibles: o aproveitamento da natureza

Reportaxe (3’ 19’’) de Jonatan Toucedo e Iago Souto onde se presentan os resultados dun equipo de traballo da Facultade de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo que investiga o comportamento da biomasa na súa combustión. A biomasa é un produto obtido a través de restos de orixe animal e vexetal que se poden utilizar cunha finalidade enerxética. Un dos biocombustibles ecolóxicos máis comúns son os pélets, biomasa sólida formada por restos de madeira.

Revalorizando produtos da industria agroforestal

Vídeo de divulgación científica (14' 25''). Trátase dun proxecto de investigación financiado pola Axencia Galega de Innovación a través do Programa CONECTAPEME, no que se pretenden valorizar dous produtos (os residuos procedentes da recollida das castañas e do mantemento dos soutos e un coproduto da industria de fabricación de taboleiros). Os obxectivos pasan por obter bacteriocinas (como conservantes naturais), biosurfactantes (como estabilizadores na produción de taboleiros, estudar o emprego en pavimentos (polas súas propiedades antioxidantes) e un fertilizante orgánico.

Charla de Carlos Núñez Temes no DivulgaTerra 2017.

Integrando o monte na produción agrícola: uso do toxo na produción de adubos e compost

Neste vinculo externo poderas ver
Integrando o monte na produción agrícola: uso do toxo na produción de adubos e compost

Vídeo (41' 53'') que recolle a intervención de Ramón Lourido no Curso de Extensión Universitaria: "Avanzando na dinamización local con recursos propios: O Monte", organizado pola Universidade de Vigo. Nel tratouse de facer partícipe á cidadanía de experiencias dinamizadoras no monte que empreguen recursos locais e formar a emprendedores locais mediante a adquisición de competencias básicas para a posta en marcha de iniciativas dinamizadoras a partir do monte en distintos ámbitos económicos.

Optimización para a xestión forestal

Vídeo de divulgación científica (11´ 45´´). Manuel Arias Rodil fala no DivulgaTerra 2016 da súa investigación sobre métodos que permiten xestionar de forma óptima as explotacións forestais a nivel de rodal, tendo en conta tamén as restricións que se poden establecer a nivel de monte, xa que decisións óptimas para a primeira destas unidades poden non selo para a segunda.

Queimar o Monte

Documental (56´ 22´´) no que se fai unha análise da problemática dos incendios forestais en Galiza, a través da visión e das opinións de distintas persoas entrevistadas.

Este recurso foi incorporado a Proxector por Dolores Vázquez Castro.