Día da Lingua Materna

En 1999 a UNESCO declarou o 21 de febreiro como Día Internacional da Lingua Materna, unha celebración anual para festexarmos a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta. Os idiomas son sistemas de comunicación, mais son tamén, sobre todo, ferramentas a través das cales articulamos o pensamento e comprendemos o mundo. Como “idioma propio” de Galicia e creación colectiva do noso pobo, o idioma galego atesoura a sabedoría de todas as xeracións que nos precederon e, sen renunciar ás vantaxes do plurilingüismo, permítenos ser orixinais e únicos nun mundo rico e diverso.

Neste segundo especial ofrecémosche unha ducia de recursos de temática lingüística que agardamos que sexan do teu interese.

A construción da mente consciente a través da lingua

Vídeo divulgativo (14´ 18´´) no que o neurocientífico Xurxo Mariño nos explica en que consiste a linguaxe desde un punto de vista biolóxico, poñendo o foco na relación entre o cerebro, a construción da mente consciente e a lingua.
A charla tivo lugar en 2015 no marco do "LGx15. Ideas para o futuro da lingua", iniciativa que promove anualmente a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua.

A Real Academia Galega

Vídeo divulgativo (10´ 33´´), elaborado por Illa Bufarda, no que se presenta a historia e as actuais liñas de actividade da Real Academia Galega, unha institución fundada en 1906 para defender e promover a cultura e o idioma propios de Galicia.

Como salvar unha lingua da extinción

Vídeo de TED (6´ 46´´) no que Daniel Bögre Udell nos lembra que nos vindeiros 80 anos poderían desaparecer ata 3.000 linguas, coas súas respectivas culturas. Nesta charla cóntanos como arredor do mundo diferentes pobos están conseguindo reverter este proceso de morte lingüística revitalizando os seus idiomas ancestrais e reconstruíndo as súas culturas.
Tradución ao galego de Lucía Campillo Rey.

Que fai a unha lingua... unha lingua?

Vídeo de TED (4´ 56´´) no que Martin Hilpert che axudará a entender os conceptos de "lingua" e "dialecto", así coma os factores (tanto lingüísticos coma políticos) que fan que un determinado dialecto pase a considerarse oficialmente coma un idioma independente.
Tradución ao galego de Raquel Villar Pérez.

A normalización lingüística

Vídeo divulgativo (17´19´´), producido por Acuarela Comunicación en 2014, no que se explican cales son as competencias estatutarias que ten a Xunta de Galicia no ámbito da defensa e promoción da lingua galega. Despois de facer un breve percorrido histórico polos principais logros acadados no período autonómico e presentar os obxectivos xerais do Plan xeral de normalización da lingua galega nos diferentes ámbitos sociais, a peza céntrase nas competencias da Secretaria Xeral de Política Lingüística en materia de normalización lingüística.

Os nomes da terra. O Monte Pindo

Vídeo didáctico (9´ 02´´) no que descubrirás a orixe, o significado e as historias que se agochan detrás dalgúns dos microtopónimos que dan nome a diferentes lugares situados nunha das principais xoias do noso patrimonio natural: O Monte Pindo.

Esta peza, elaborada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega e presentada por Fran Cañotas, pertence á serie Os nomes da terra, deseñada co obxectivo de divulgar o noso rico legado toponímico.

Que pode aportar a implementación de actividades con diferentes linguas nas aulas de educación infantil

Neste vinculo externo poderas ver
Que pode aportar a implementación de actividades con diferentes linguas nas aulas de educación infantil

Vídeo (2' 01'') do proxecto "A Universidade responde" no que Luz Zas Varela, profesora da área de Lingüística Xeral da USC, nos fala das metodoloxías pedagóxicas que se poden empregar nas aulas de educación infantil  para fomentar o plurilingüismo e a formación de cidadáns máis comprometidos coa diversidade lingüística e cultural.

Vinte falando

Documental (15´ 10´´) elaborado pola revista dixital de sociedade Vinte sobre os usos lingüísticos da mocidade galega. Diferentes persoas pertencentes ao “universo Vinte” (deseño, edición, música, audiovisual, xornalismo, deporte...) reflexionan sobre os seus usos lingüísticos persoais, así como sobre a situación do idioma galego nos seus lugares de residencia e nos sectores profesionais nos que traballan.

Como modela a lingua a nosa forma de pensar

Vídeo de TED (14´ 13´´) no que a científica cognitiva Lera Boroditsky cóntanos que cada unha das 7.000 linguas faladas no mundo representa un universo cognitivo diferente e reivindica a importancia desta diversidade lingüística. Empregando diferentes exemplos explícanos que a lingua que falamos condiciona o xeito en que ordenamos o tempo e o espazo, a forma de percibir o mundo visual ou a posibilidade de introducirnos no campo cognitivo das matemáticas (dependendo de se existen “palabras número” que nos permitan contar).
Tradución ao galego de Carme Paz.

Falarlle ao corazón

Vídeo (11' 55'') de Marleen Laschet en TEDxTrondheim, que fala das vantaxes de falarlle á xente na súa lingua propia ("Cando se lle fala a unha persoa nun idioma que entende, a mensaxe chegaralle á cabeza; cando se lle fala no seu propio idioma a mensaxe chégalle ao corazón", por dicilo con palabras de Nelson Mandela). E destaca, cun exemplo propio (unha historia dunha ra salvoulle o día), a utilidade de aprender algúns rudimentos mínimos de moitas linguas.
Tradución ao galego de Patricia Álvarez.

Irmandades da fala. 100 anos

Neste vinculo externo poderas ver
Irmandades da fala. 100 anos

Documental (47´ 43´´) en que diferentes expertos (filólogos, historiadores, xornalistas...) contan como o 18 de maio de 1916, unha reunión convocada na Coruña polo xornalista Antón Vilar Ponte na sede da Real Academia Galega, dá lugar á creación das “Hirmandades de Amigos da Fala”. Estamos a falar dun movemento que foi moito máis ca unha asociación de amigos do idioma; foron un movemento de recuperación cultural, cívica e política do país. Os membros deste grupo querían regaleguizar Galicia e converter a lingua nunha forza transformadora.

Porta para o exterior

Documentário (54´ 17´´). Viagem que nos permite transitar polas experiências de mais de 70 pessoas entrevistadas, que nos mostram como e porque vivem a sua língua diariamente como uma língua que se fala não só na Galiza, mas também noutros lugares do mundo —Brasil, Portugal, Angola, Moçambique, Cabo Verde e Timor Leste— e os desafios que leva consigo.

O documentário pretende conhecer sem intermediários quais as razões dessas pessoas afirmarem que galego e português são variedades do mesmo idioma e quais são as suas propostas de futuro para que os falantes da língua ao norte do Minho se empoderem mais ainda, agora que os dados do IGE (Instituto Galego de Estatística) falam de que apenas 13% das crianças galegas menores de 14 anos tem como língua diária a que tinha sido maioritária em gerações anteriores.