ADN: As catro letras coas que se escribe a vida

O 25 de Abril de 1953, o biólogo James Watson e o físico Francis Crick publicaron na revista Nature un artigo coa estrutura da dobre hélice do ADN: “Molecular Structure of Nucleic Acids: A Structure for Deoxyribose Nucleic Acid”. Grazas a este descubrimento, un dos máis relevantes do século XX, os dous científicos recibiron en 1962 o Premio Nobel de Medicina e Ciencias Fisiolóxicas. Para o seu traballo, Watson e Crick empregaron unha radiografía elaborada pola biofísica Rosalind Franklin que resultou ser decisiva, a coñecida como Fotografía 51. Ela, que falecera en 1958, non foi premiada nin tampouco mencionada nos discursos de aceptación do Nobel dos seus colegas.

En 2003, ano no que se consegue secuenciar por completo o xenoma humano, acórdase que cada 25 abril se celebrará o Día Internacional do ADN, como recoñecemento ao decisivo descubrimento da estrutura da dobre hélice de James Watson, Francis Crick... e Rosalind Franklin.

Neste novo especial convidámoste a consultar unha ducia de recursos incluídos en Proxector que dan conta da importancia da investigación xenética para o futuro da humanidade.

Como se expresa a información xenética

Vídeo didáctico (9´ 12´´), dirixido a alumnado de educación secundaria, no que a profesora Cristina Viqueira explica, de xeito moi visual e gráfico, como a partir dunha determinada secuencia de ADN se fabrica unha proteina.

Problemas de xenética

Vídeo didáctico de carácter práctico (10´ 40´´), dirixido a alumnado de 4º de ESO, no que o profesor Germán Santos explica como se resolven os problemas de xenética baseados na primeira e segunda leis de Mendel

Pode explicar a xenética a resposta á Covid?

Charla de divulgación científica (29´ 30´´) na que o investigador Ángel Carracedo nos fala de xenética humana e, máis concretamente, dos factores xenéticos que poden condicionar a resposta á Covid, tendo en conta que hai persoas que pasan esta enfermidade de xeito asintomático mentres outras enferman gravemente e mesmo morren.
A charla tivo lugar en novembro de 2020, organizada polo Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela.

Xenes

Vídeo divulgativo (1´ 50´´), pertencente á serie "Dicionario da ciencia", centrado nos xenes, os elementos que determinan a aparición dos caracteres hereditarios nos seres vivos.
Na realización desta peza participaron Emilio Rodríguez (realización), Nelson Ribeiro (cámara), Déborah Vukusic (presentadora), Eduard Rolland (guión) e Paula Lago (deseño gráfico).

Pódense curar as enfermidades xenéticas reescribindo o ADN?

Vídeo de TED (16´ 13´´) no que o bioquímico David R. Liu nos explica en que consisten as enfermidades xenéticas, provocadas por “mutacións puntuais” (cambio dunha única letra) do noso xenoma. En moitas ocasións sabemos con exactitude cal é o cambio de letra que provoca unha determinada enfermidade xenética (como a anemia falciforme ou a proxeria, por exemplo) , polo que corrixir ese cambio permitiría curala. David R. Liu preséntanos nesta charla unha ferramenta desenvolvida no seu laboratorio (chamada “edición de bases”) que permite editar o noso ADN corrixindo determinadas mutacións puntuais. A investigación médica está a avanzar neste terreo e na actualidade xa hai científicos que están probando estes “editores de bases” en animais para corrixir mutacións puntuais que causan enfermidades xenéticas humanas.
Tradución ao galego de Adrián Regueira-López.


Como o CRISPR permite editar ADN

Vídeo de TED (4´ 59´´) no que Andrea M. Henle nos fala do CRISPR, unha ferramenta tecnolóxica de edición xénica que lles permite aos científicos mudar as características fundamentais dun organismo en tempo récord. Este vídeo axudarache a  entender como funciona o CRISPR e cales son as potencialidades desta prometedora ferramenta, non exenta de debates éticos.

Tradución de Roi Yáñez González.

Meiose

Vídeo educativo (6´ 45´´), autoría de McGraw-Hill, que che axudará a entender por que os nenos/as non teñen un parecido exacto cos seus proxenitores, ou por que algúns irmáns son tan diferentes entre si. A explicación está no proceso da meiose, a forma de división celular que xera os gametos.

Tradución ao galego de Fátima Ruibal.

Como construír ADN sintético e envialo a través de Internet

Vídeo de TED (15´ 08´´) no que o biólogo e enxeñeiro Dan Gibson nos explica en que consiste a tecnoloxía das células artificiais e o “teletransporte biolóxico”. Esta charla axudarache a entender como pode construírse ADN sintético e enviar esta información dixital de xeito rápido por Internet para  convertela en material biolóxico, como proteínas e vacinas. Trátase dunha revolución tecnolóxica que permitirá no futuro loitar con maior eficacia ante un brote epidémico ou mesmo imprimir medicamentos personalizados para cada paciente no seu propio fogar.

Tradución de Noel Iglesias.

Como desafiamos á industria das patentes xenéticas... e gañamos

Vídeo de TED (18´ 06´´) no que se explica como funciona a industria das patentes xenéticas e os prexuízos que supuñan as súas prácticas tanto para os pacientes como para a investigación biomédica. Tania Simoncelli cóntanos como lograron demostrar ante a Corte Suprema dos Estados Unidos que un segmento natural de ADN é un produto da natureza e non é susceptible de ser patentado polo feito de que fora illado.

Tradución de Adrián Levices.

Por que a investigación xenética debe ser máis diversa

Vídeo de TED (6' 48''). O xenetista Keolu Fox descóbrenos que o 96% dos estudos sobre o xenoma baséanse en poboación de ascendencia europea, algo perigoso pois, dependendo da nosa composición xenética reaccionamos de maneira diferente aos medicamentos. Fox traballa na democratización da secuenciación xenómica, promovendo a implicación da poboación indíxena na investigación, e cre que "a comunidade científica necesita somerxerse na cultura indíxena, ou morrer no intento".

Tradución ao galego de Ana García González para #TEDSAÚDE USC.

As razóns da diversidade

Vídeo (66') que recolle a intervención de Ángel Carracedo no ciclo de divulgación científica "Achegando a ciencia 2018".

Nela o relator trata cuestións relacionadas coa xenética e a diversidade biolóxica.

Modelos estadísticos para unha xenética cuantitativo-evolutiva

Neste vinculo externo poderas ver
Modelos estadísticos para unha xenética cuantitativo-evolutiva

Vídeo (26' 50'') que recolle a intervención de José M. Castro Álvarez no ciclo de conferencias "Bioestatística para vivir e cómo vivir da estatística". Teñen un enfoque divulgativo para dar a conocer a influencia da bioestatística nas nosas vidas e en especial no ámbito biomédico.