O 12 de maio de 1976, o petroleiro Urquiola sobordou na costa da cidade da Coruña. 100 000 toneladas de cru chegaron ata as rías de Betanzos, Ferrol e Ares, adentrándose 3 km pola canle do Eume e provocando un importante desastre ecolóxico. En 1987, foi o Casón o que, cargado con 5 000 bidóns de produtos químicos, embarrancou fronte a Fisterra, causando a morte de 23 tripulantes.
En 1992, o Mar Exeo verteu máis de 6 000 toneladas de petróleo sen refinar, novamente fronte á Coruña, que afectaron uns 300 km de costa. Só dez anos despois, sería o Prestige o que provocase a maior catástrofe ecolóxica sufrida en Galicia ata a actualidade. A mancha de fuel chegou ás costas portuguesa e francesa. O impacto ambiental segue evidenciándose.
Na actualidade, arredor do 70 % do transporte marítimo europeo pasa fronte a Galicia. Un terzo transporta mercadorías perigosas. Este especial, publicado ás portas do Día Mundial do Medio, reúne estudos sobre o sistema costeiro galego, os fondos mariños e algunhas das agresións que lles afectan.
O que non sabes do Prestige
Vídeo divulgativo (11´ 31´´) no que o ambientólogo e oceanógrafo Diego Ferraz Castiñeiras expón algúns datos técnicos e cifras relacionadas co afundimento do Prestige, considerado o peor e o máis custoso accidente medioambiental acontecido en España, e tamén un dos máis caros da historia a nivel mundial.
Un plan radical para rematar cos residuos plásticos
Vídeo de TED (14´38´´) no que Andrew Forrest nos fala de ecoloxía mariña e de todas as mortes que causa o plástico nos ecosistemas mariños. Neste vídeo ofrécenos, desde a perspectiva dun home de negocios, a súa particular proposta para parar esta destrución. Trátase de concienciar á industria global de plásticos de que debe deixar de obter os seus compoñentes de combustibles fósiles e comezar a sacalos do propio plástico, a través de sistemas de reciclaxe, convertendo deste xeito os residuos amoreados nos vertedoiros nun produto de valor, e non nun refugallo que vai parar ao mar.
Tradución ao galego de Cristina Marey Castro.
Paisaxe litoral III. As formas do litoral
Vídeo didáctico (4´ 22´´), dirixido a alumnado de ensino secundario, sobre as diferentes paisaxes costeiras orixinadas ao longo da historia da Terra. En concreto, descubrirás cales son os diferentes tipos de sistemas costeiros, clasificados segundo estean afectados pola ondada, pola marea ou polo vento.
O vídeo foi elaborado polos membros do proxecto XeoClip 2019, integrado por Rocío Romar Roel, Alberto Fortes Novoa, Fernanda Molto Roibal e Xacobo de Toro Cacharrón.
Material didáctico complementario.
Paisaxe litoral IV. Cantís, plataformas e coídos
Vídeo didáctico (6´ 42´´) dirixido a alumnado de ensino secundario, que che axudará a entender como lle afecta a ondada aos sistemas costeiros. A forza da ondada crea diferentes formas litorais, coma por exemplo os cantís, as plataformas litorais e os coídos. Descubre as principais características destas formas e observa as imaxes aéreas obtidas con dron en diferentes zonas da Rede Natura 2000.
O vídeo foi elaborado polos membros do proxecto XeoClip 2019, integrado por Rocío Romar Roel, Alberto Fortes Novoa, Fernanda Molto Roibal e Xacobo de Toro Cacharrón.
Pescadores de plásticos
Vídeo (2´ 42´´), elaborado pola Unidade Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, que presenta o proxecto de investigación Repesca_Plas, que ten como obxectivo avaliar a toxicidade dos plásticos que os pescadores recollen do mar e traen a porto, tentando deste xeito ampliar o coñecemento sobre os residuos plásticos e reducir o seu impacto no medio ambiente.
Un mar de plástico
Vídeo (4´ 29´´) de divulgación científica, difundido na canle GC TV do xornal GCiencia, que fala dos efectos dos microplásticos sobre os ecosistemas mariños. Cada ano bótanse aos océanos do mundo 8 millóns de toneladas de plásticos e os máis pequenos, denominados microplásticos, son absorbidos polos organismos mariños. Un equipo da Universidade de Vigo coordina o proxecto europeo Ephemare, con científicos e institucións de 10 países distintos, que buscan coñecer que consecuencias poden ter para a saúde estes microplásticos.
Que lle pasa realmente ao plástico que tiras
Vídeo (4' 07'') TED-Ed en que se relata os ciclos de vida de tres botellas de plástico distintas, e se nos amosa o perigo que estes produtos que desbotamos representan para o noso mundo, especialmente para o medio mariño.
Utilización de boias de deriva para o seguimento de verteduras mariñas
Mediante este video (3´ 03´´) de animación 3D INTECMAR, en colaboración co laboratorio de Ecoloxía e Evolución de plantas e o Grupo Divulgare da Universidade de Vigo, móstranse as vantaxes da utilización de boias de deriva para realizar o seguemento de manchas de vertidos mariños. Este video foi realizado co interés de divulgar parte do traballo que o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR) está a realizar no proxecto DRIFTER. Nel móstranse as vantaxes de utilizar esta tecnoloxía para realizar o seguemento dos vertidos contaminantes no mar, así como a importancia de colaborar con este tipo de proxectos.
As galletas do Prestige
María Loureiro, profesora Departamento de Fundamentos de Análise Económica da Universidade de Santiago fálanos neste vídeo (17' 34'') da catástrofe do Prestige, e do proceso de valoración económica dos custos sociais derivados do seu afundimento.
Esta valoración, que nunha estimación feita á baixa chegou aos 4.328 millóns de euros, realizouse cun tratamento novidoso que incorporaba intanxibles cos que se intentaba reflectir mellor a verdadeira magnitude do accidente, e o amplo abano de intereses prexudicados, que moitas veces non se computan neste tipo de traballos.
Fauna das áreas infralitorais da Ría de Ares

Vídeo (42' 10'') que describe unha inmersión ó fondo do mar para a observación de algunhas especies mariñas como equinodermos, gasterópodos, hidrozoos ou lamelibranquios, entre outros.
O mar da fin do mundo II (Marcados para sobrevivir)
Documental (53´ 21´´) que amosa a vida dos animais que habitan as augas próximas ás costas galegas, dedicando unha atención especial aos lábridos, raias e centolos, e aos tiburóns peláxicos do océano Atlántico.
O mar da fin do mundo I (O reino dos cefalópodos)
Documental (52´ 15´´) que amosa a vida dos animais que habitan as augas próximas ás costas galegas, dedicando unha atención especial aos cefalópodos (nomeadamente aos seus comportamentos e pautas reprodutivas).