A fascinación polo descoñecido é inherente ao ser humano e a ciencia leva séculos (ao comezo a través da observación astronómica e nos últimos tempos mesmo con viaxes espaciais), tratando de atopar as respostas a todos os enigmas que aínda agocha o Universo. Por outra parte, a crecente demanda por parte do público xeral de actividades didácticas e culturais vinculadas á astronomía demóstranos que a fascinación polo cosmos traspasou hai tempo as fronteiras dos ámbitos científico e académico, ata converterse na actualidade nun atractivo recurso turístico.
De feito, en Galicia, o Parque Nacional das Illas Atlánticas, Trevinca e Muras gozan xa da certificación oficial de "destino turístico Starlight", que acredita os espazos cunha excelente calidade de ceo e son exemplos de protección e conservación.
Neste especial de xullo, cando se cumpren 53 anos do lanzamento da misión Apolo XI para levar a primeira persoa á Lúa e 46 anos de que a sonda estadounidense Viking I conseguise pousar no chan de Marte, convidámoste a coñecer unha ducia de recursos sobre o fascinante mundo que se albisca cando chega a noite e se ilumina o ceo.
Imaxe da portada: Ceos Galegos
Como iniciarse na observación astronómica
Vídeo de divulgación científica (10´ 22´´) da canle AstroXabi, na que Xabier Pérez Couto explica conceptos básicos de astronomía e amosa as súas observacións nocturnas. Neste vídeo en concreto descubrirás que iniciarse na astronomía non é custoso economicamente, xa que non é imprescindible posuír un telescopio astronómico para achegarse de xeito afeccionado a esta disciplina. Para comezar, só precisas os teus ollos, un ceo libre de contaminación luminosa, un planisferio (que che permitirá saber que constelacións están visibles no ceo nunha data e hora concretas) e uns prismáticos. Tamén descubrirás cales son as aplicacións ou software que tes ao teu dispor para coñecer de xeito doado as características das diferentes constelacións, e cales son os manuais recomendados para achegarte aos conceptos básicos da astronomía.
A astronomía como cha contan
Vídeo (39' 44'') que recolle a intervención de Marcos Pérez Maldonado, director técnico da Casa das Ciencias no Naukas Coruña 2017.
Nela reflexiónase sobre o tipo de astronomía que estamos a aprender nunha época en que os novos descubrimentos sobre o cosmos chegan ata nós filtrados polos medios de comunicación (coa súa busca da noticia espectacular) e polas redes sociais.
Cousas e movementos do ceo
Vídeo divulgativo (57´ 08´´) no que Borja Tosar, astrónomo e colaborador do Planetario da Coruña, nos explica que cousas hai no ceo e como se moven eses obxectos. Observando o movemento do sol entenderás por que a partir do equinoccio de primavera medran os días, ou por que nas horas centrais do día é cando os raios solares quentan con maior intensidade a nosa pel. Coñecendo o movemento da lúa tamén descubriras a razón pola que desde a Terra só e posible observar unha das súas dúas caras, ou por que en ocasións é visible durante o día. Así mesmo, Borja Tosar ensinarache a identificar no ceo as constelacións e explicarache cal é o movemento das estrelas durante o transcurso dunha noite.
Esta charla desenvolveuse no marco do programa "Aulas científicas 2021", organizado pola Deputación da Coruña.
Un paseo pola Lúa
Vídeo (5´ 01´´) elaborado pola NASA que che permitirá sobrevoar a Lúa e coñecer as características da superficie lunar grazas ás imaxes da sonda Lunar Reconnaissance Orbiter (LRO).
Tradución ao galego do xornal Gciencia.
Estrela Polar. Nin a máis brillante nin marcará sempre o norte
Vídeo divulgativo (4´), pertencente á serie #DesmontandoMitos de GCiencia, co que aprenderás a identificar a Estrela Polar, unha referencia fundamental para atopar os puntos cardinais. José Ángel Docobo, catedrático de astronomía da USC, explícanos as principais características desta estrela, desmontado algúns mitos asociados a ela: nin é actualmente a máis brillante do ceo nin marcará sempre o norte.
Conversa con Jocelyn Bell
Vídeo divulgativo (32´ 23´´), dirixido ao alumnado galego, que contén unha conversa coa astrofísica Jocelyn Bell (Irlanda do Norte, 1943), a quen lle debemos o descubrimento dos púlsares: estrelas de neutróns en rápida rotación que emiten radiacións moi intensas a intervalos regulares. A conversa, conducida pola tamén astrofísica galega Ana Ulla, foi organizada pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío en 2020, no marco do XXIV Congreso Estatal de Astronomía.
Por que a noite é escura?
Preguntácheste algunha vez por que a luz das estrelas non alumea as nosas noites do mesmo xeito que a luz do sol nos alumea durante o día? Neste vídeo (6´ 07´´) Darío Lago dános as claves e axúdanos a entender por que as noites son escuras.
Esta peza foi elaborada por "O Son das Ideas" e mais o "Instituto Galego de Física de Altas Enerxías" e forma parte dunha serie de vídeos que teñen como finalidade divulgar as orixes do Universo.
Aprende a orientarte coas estrelas en 3 minutos!
Vídeo de divulgación científica (3´ 16´´) no que Xabier Pérez Couto che ensina en pouco máis de tres minutos a orientarte igual que facían os nosos antergos, é dicir, localizando os puntos cardinais a través da observación das estrelas.
A escala: o Sistema Solar

En ningunha das imaxes que coñecemos do Sistema Solar os elementos que o compoñen están representados a escala. Neste documental (7´ 07´´), Wylie Overstreet e Alex Gorosh, coa axuda dun grupo de amigos, conseguen construír no deserto de Black Rock, en Nevada, un modelo a escala do Sistema Solar.
Tradución ao galego de Martin Pawley (Agrupación Ío).
Unha galaxia rara que está a desafiar a nosa comprensión do Universo
Vídeo de TED (4´ 31´´) no que a astrofísica Burçin Mutlu-Pakdil nos explica como o seu equipo descubriu un novo tipo de galaxia, tan peculiar e diferente ás outras (hai máis dun billón de galaxias), que desafía as teorías e suposicións existentes sobre o funcionamento do Universo. Nesta charla descubrirás cales son esas peculiaridades que a fan tan excepcional.
Tradución ao galego de Penny Martínez.
Protón, a atribulada existencia dunha partícula inmortal

Unha conferencia teatralizada (67´ 56´´), unha nova forma de divulgar ciencia desde un escenario.
O científico e divulgador Xurxo Mariño, e o actor Vicente de Souza transmiten neste orixinal formato algúns conceptos, ideas ou situacións en relación coa historia do Universo, a formación do sistema solar e o planeta Terra.
Curiosidade polo «dark»
Vídeo (35' 36'') que recolle a intervención de Estíbaliz Espinosa, escritora, filóloga e membro da Agrupación astronómica Ío, no Naukas Coruña 2017.
Nela, reflexiona sobre a curiosidade que irmanda ciencia e humanidades. A fascinación pola vida, polo Universo, polo espazo que nos rodea. Que contan a literatura ou a arte sobre iso?