As dúas caras do estrés: compaña saudable ou estado daniño

O cerebro consome a cuarta parte da enerxía total do organismo. Para o seu correcto funcionamento, igual ca o corpo humano, precisa tanto de doses de tensión coma de sosego. A cuestión, como en todo, é dar co equilibrio.

Nesta procura, o estrés xoga un papel importante que non é necesariamente negativo. O eutrés xera una explosión de hormonas que se liberan para que poidamos manexar ameazas ou situacións que provocan moita presión, tomar decisións ou mellorar o noso rendemento físico. O especial que che presentamos xira arredor destas cuestións, dos mecanismos que inflúen no estrés, as situacións que o propician e varias técnicas para xestionalo.

A sorprendente ciencia da felicidade

Vídeo de TED (22' 02''). Dan Gilbert, autor de Stumbling on Happiness, cuestiona a idea de que seremos miserables se non conseguimos o que queremos. O noso "sistema psicoinmune" permítenos ser completamente felices mesmo cando as cousas non saen como programamos.

Tradución ao galego de Ana Rozados para #TEDSAÚDE USC.

Velaquí o que fai aos empregados felices no traballo

Vídeo de TED (4´) sobre a felicidade no ámbito laboral. Hai tres mil millóns de traballadores/as no mundo e preto do 40% afirma non ser feliz no seu traballo. Michael C. Bush explícanos nesta charla que supón isto, tanto para os/as empregados/as como para as empresas e organizacións nas que traballan. Así mesmo, expón unha serie de ideas para conseguir traballadores/as motivados e felices.
Tradución ao galego de Penny Martínez.


Consellos para recuperar a túa tranquilidade na rede

Vídeo de TED (11´ 48´´) no que a escritora e modelo Naomi Shimada nos fala sobre a ansiedade que xeran as redes sociais, explorando o impacto emocional dos nosos hábitos dixitais. A conversa está organizada pola curadora de TED Cloe Shasha Brooks e forma parte da serie "Como afrontar sentimentos difíciles".
Tradución ao galego de Claudia Ríos. Foi un dos traballos finalistas no concurso TEDSaúde 2021.

Como afecta o estrés ao teu corpo

Vídeo de TED (4´ 42´´) no que Sharon Horesh Bergquist nos explica que pasa no noso corpo cando sufrimos estrés e que consecuencias pode ter para a nosa saúde cando esta situación se cronifica.
Tradución ao galego de Ainara Geada.

Como afecta o estrés ao cerebro

Vídeo de TED (4’ 15’’) no que Madhumita Murgia expón que o estrés non é necesariamente malo, pois pode axudarnos a ter enerxía ou a concentrarnos nun momento concreto. O problema xorde cando se converte en estrés crónico, pois este pode chegar a mudar o tamaño, a estrutura e o funcionamento do noso cerebro ata o nivel dos xenes.

Tradución de Natalia Outerelo.

Como manter a calma cando sabes que te vas estresar

Vídeo de TED (12´ 21´´) no que o neurocientífico Daniel Levitin explica como se comporta o cerebro baixo estrés: emite cortisol, que eleva o ritmo cardíaco, modula os niveis de adrenalina e nubra a mente. O “pensamento a posteriori anticipado”, tamén chamado “pre mortem”, podería axudarnos a evitar os erros graves que cometemos cando actuamos baixo estrés.

Tradución de Lucía Campillo Rey. 

Como facer do estrés un amigo

Vídeo de TED (14' 29'') sobre o estrés. Fai que o corazón che palpite, a respiración se che acelere e que che súe a fronte. Con todo, aínda que se fixo do estrés un inimigo público da saúde, investigacións recentes suxiren que unicamente é malo para nós se cremos que realmente o é. A psicóloga Kelly McGonigal anímanos a ver o estrés de xeito positivo e preséntanos un mecanismo pouco coñecido para reducir o estrés: achegarse aos demais.

Tradución de Susana Brandariz para #TEDSAÚDE USC.

Os beneficios cerebrais do sono profundo e como conseguir máis

Vídeo de TED (6´ 37´´) no descubrirás que durmir ben (tanto no que respecta á cantidade de horas como á calidade do sono) está directamente relacionado coa saúde do noso cerebro e, en xeral, coa nosa calidade de vida. Nesta charla, Dan Gartenberg explícanos como actúa o noso cerebro nas diferentes fases do sono, centrándose de xeito especial nunha nova tecnoloxía na que está a traballar, capaz de estimular a través de ondas o noso sono profundo (a fase máis rexenerativa).
Tradución ao galego de Laura López.



Que ocorrería se non durmísemos?

Vídeo de TED (4' 34''). Calcúlase que nos Estados Unidos de América o 30 % das persoas adultas e o 66 % dos adolescentes padecen insomnio. Para destacar a importancia destes datos, Claudia Aguirre cóntanos nesta animación os graves danos que o non durmir lle pode provocar ao noso corpo e ao noso cerebro.

Tradución ao galego de Natalia Outerelo para #TEDSAÚDE USC.

Unha razón máis para durmir ben toda a noite

Vídeo de TED (11' 45''). Con só un 2% da masa corporal, o cerebro consome a cuarta parte da enerxía total do organismo. Jeff Iliff convídanos a reflexionar sobre a forma en que este órgano recibe eses nutrientes e -sobre todo- sobre o medio que usa para desfacerse dos residuos que xera. Novas investigacións suxiren que o sono xoga un papel fundamental neses procesos.

Tradución ao galego de Pablo Figueiredo Palacios para #TEDSAÚDE USC.

Móvete ben para que os teus fillos te copien

Vídeo breve (1' 44'') en que o Colexio de Fisioterapeutas de Galicia recomenda levar unha vida activa, tanto polas virtudes para a propia saúde como polo exemplo que iso supón para os propios fillos. Forma parte da colección "Consellos para vivir mellor".

Videoxogos e cerebro

Vídeo de TED (17´ 57´´). Como afectan os videoxogos de acción ao cerebro? Entramos no laboratorio con Daphne Bavelier, neurocientífica cognitiva, para descubrir cousas sorprendentes sobre como os videoxogos, mesmo os de acción e tiros, poden axudarnos a aprender, a centrar a atención e mesmo a facer varias cousas a un tempo.
Tradución ao galego de Socorro Rodríguez.