Oceanografía e biodiversidade mariña

Un 72% da superficie do planeta está cuberta por auga salgada e, con todo, o océano continúa a ser un gran descoñecido para o ser humano. Tanto polo seu importante papel como regulador do clima, como pola enorme biodiversidade que acubilla, cómpre tomarmos conciencia que da súa saúde depende directamente a nosa supervivencia como especie.

En Galicia, onde a cultura marítima está fondamente vinculada á nosa identidade como pobo, nacía hai xa máis dun século Ángeles Alvariño, quen dedicou a súa vida profesional á investigación mariña e converteuse na primeira muller en participar, en calidade de científica, nun barco británico de investigación oceanográfica. Neste mes de novembro no que celebramos o XIII Día da Ciencia en Galego, en Proxector sumámonos á homenaxe que IGACIENCIA lle fai a esta galega universal cunha ducia de recursos que permiten achegarse á vida, aos desafíos e aos misterios que permanecen mergullados neste inmenso tesouro salgado.

Fonte da imaxe de portada: Proyecto Agua.

O mar do noso

Máis do 95% do océano, ese gran descoñecido para o ser humano, permanece inexplorado. Neste vídeo divulgativo (5´ 07´´), difundido pola Fundación CETMAR - Centro Tecnolóxico do Mar, diferentes científicos e profesionais vinculados á cultura marítima tratan de concienciarnos da importancia de coñecer o océano e o seu funcionamento, pois só a partir deste coñecemento poderemos traballar de xeito eficiente na súa protección e preservación.

Sabes todo o que temos no mar?

Vídeo divulgativo (7´ 37´´) que amosa, a partir de imaxes reais, a rica diversidade biolóxica e lingüística que agocha o noso fondo mariño. Coñecerás os diferentes fondos que hai ao longo das nosas costas e as especies mariñas que os habitan, así coma os seus nomes en galego.

Esta iniciativa foi realizada por Jaime Beiro Formoso, co asesoramento da divulgadora científica Bibiana García, ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022.

A saúde dos nosos océanos

Vídeo didáctico (7´ 21´´). É indubidable que o incremento do tráfico marítimo internacional favoreceu o desenvolvemento económico a nivel global. Non obstante, este incremento no fluxo de mercadorías polos mares do mundo tamén está a supoñer un incremento no risco de que se produzan verteduras accidentais de substancias nocivas e perigosas para o medio ambiente.

Por outra banda, a nosa sociedade tamén percibe cada vez máis axeitado conservar determinados ecosistemas mariños polas vantaxes que iso leva consigo. Non obstante, a nosa sociedade segue dividida no conflito derivado desa dualidade de preferencias: desenvolvemento económico versus conservación ambiental.

Bosques mariños, unha paisaxe en regresión

Vídeo divulgativo (25´ 42´´) no que Cristina Piñeiro Corbeira, membro do grupo de investigación BioCost da Universidade da Coruña, nos alerta sobre a desaparición dos bosques mariños de Galicia. Na súa exposición fálanos da diversidade de especies de macroalgas que forman os bosques mariños e, centrándose concretamente nos bosques formados por especies laminariais, explica cales foron os cambios observados nos últimos tempos, cales serían as potenciais causas da regresión observada e que perspectivas de futuro temos.

A charla tivo lugar o 27 de novembro de 2021 en Pontevedra, no transcurso das V Xornadas de Patrimonio Natural e Biodiversidade, organizadas pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

Expedición Gran Burato

Reportaxe (11´ 57´´) elaborada en 2011 polo programa Reporteiros da TVG, en colaboración co Grupo Genoma da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, na que se amosan imaxes dos fondos mariños a unha profundidade de case 2.000 metros, gravadas por un robot submarino a bordo do buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa. A reportaxe fíxose no marco da Expedición Gran Burato, realizada a uns 150 km da ría de Muros co obxectivo de atopar gas ou outro tipo de hidrocarburo que se puidese explotar comercialmente. Descubrirás como se desenvolve unha investigación deste tipo e cales son as súas múltiples aplicacións.

A acidificación dos océanos

Vídeo didáctico (10´ 28´´) no que Xacobo de Toro e Aida Alvela Louro nos falan da acidificación dos océanos, un problema medioambiental que consiste no descenso do PH da auga mariña causado pola absorción do dióxido de carbono. Así mesmo, aprenderás a realizar dous sinxelos experimentos cos que poderás comprobar na túa propia casa o que está acontecer realmente no medio mariño.
Este vídeo foi elaborado para o Salón do Libro de Pontevedra do ano 2021.

Que é a bioluminiscencia mariña?

Vídeo divulgativo (2´ 35´´), elaborado pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo, no que Fran Ramil, investigador do grupo de Bioloxía Ambiental do Centro de Investigación Mariña (CIM) da UVigo, nos explica que é a bioluminiscencia mariña e cal é a súa relación co fenómeno coñecido como "mar de ardora".

Pradarías de Posidonia oceanica: un tesouro submarino

Vídeo didáctico (6´ 19´´) do Grupo Divulgare da Universidade de Vigo . Posidonia oceanica é unha planta acuática, endémica do Mar Mediterráneo, moi peculiar. Ten características similares ás plantas terrestres, como raíces, talo rizomatoso e follas en cinta ata dun metro de longo. Florece baixo as augas e produce froitos que flotan, pero o realmente interesante é que forma pradarías submarinas que acollen unha gran biodiversidade e teñen grande importancia ecolóxica, por iso se consideran un bo bioindicador da calidade das augas mariñas costeiras.

Aínda que no Parque Nacional do Arquipélago de Cabrera as súas poboacións están protexidas, noutros puntos do Meditarráneo esta especie encóntrase en regresión. Este vídeo mostra a beleza destas pradarías, algúns dos problemas que as ameazan e o labor dos científicos e os xestores que protexen un dos tesouros máis valiosos dos nosos mares.

Augas que van e veñen

Sabías que hai tempo se podía pasar camiñando de Vigo a Cangas polo fondo mariño da ría? O nivel do mar foi moldeando ao longo dos séculos o debuxo da costa galega e na actualidade todos os modelos científicos prevén que no futuro este nivel vaise incrementar. Nesta reportaxe (15´ 08´´) emitida pola Televisión de Galicia en xaneiro de 2022 descubrirás, da man de diferentes científicos, que incidencia poder ter este incremento do nivel do mar en Galicia e que medidas cómpre tomar para mitigar as consecuencias do cambio climático nas nosas costas.

Un edén nas Illas Cíes

Vídeo (4´ 52´´) de divulgación científica, difundido na canle GC TV do xornal GCiencia, que nos fala do proxecto Cefaparques. Trátase dun proxecto de investigación liderado polo científico Ángel Guerra, do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, que ten como obxectivo identificar e caracterizar os hábitats esenciais de tres especies comerciais de cefalópodos (os polbos, as luras e os chocos) dentro do Parque Natural das Illas Atlánticas.

A vida invisible agochada baixo o xeo da Antártida

Vídeo de TED (5´ 56´´) no que a exploradora Ariel Waldman nos achega á fascinante biodiversidade que habita baixo o xeo da Antártida: desde as diatomeas (algas fotosintéticas unicelulares) ata os tardígrados (tamén chamados osos de auga) . Trátase de fauna de escala microbiana que non acostuma protagonizar os documentais que se emiten nas televisións, mais Ariel Waldmand defende que se non documentamos toda esta vida oculta baixo o xeo nunca poderemos ter unha imaxe completa da biodiversidade do noso planeta.

Ángeles Alvariño

Representación teatral de carácter didáctico (2´ 16´´) que che axudará a achegarte á vida e á obra de Ángeles Alvariño, científica galega e pioneira da oceanografía, nada en Ferrol en 1916, a quen a Real Academia Galega de Ciencias lle dedicou en 2015 o Día da Ciencia en Galicia. Neste ano 2022 Igaciencia, con motivo da celebración do Día da Ciencia en Galego, tamén homenaxea a esta galega universal, descubridora de vinte e dúas novas especies de zooplancto mariño.

Esta presentación forma parte do proxecto "Mulleres sobranceiras", desenvolvido en 2021 polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e mais o Grupo de Teatro do IES Ribeira do Louro (O Porriño).