Escolma para ver e escoitar Matemáticas por Mª Elena Vázquez Cendón

Proxector é un paraugas invertido que nos permite mollarnos en diferentes temas de ciencia sendo o galego o seu mando. Mollarémonos nas matemáticas para sentilas ao velas e, sobre todo, escoitalas coa frecuencia seleccionada polo noso mando.

Nesta selección, hai achegas da Facultade de Matemáticas da USC en conexión coa Comisión de Normalización Lingüística da mesma, tanto no concurso Explícoche Matemáticas 2.0, onde alumnas e alumnos do ensino medio nos falan de trigonometría e das matemáticas que foron parteiras da informática, como na xornada Matemáticas: habelas hainas, queremos contarchas, onde a acústica se moldea coa artesanía grazas á simulación; a astronomía pon orde nas galaxias e as matemáticas constrúen a ponte coa realidade. Tamén hai membros da facultade que participaron contando como xestionar datos con R Commander, falando da xeometría do noso corpo en Lugo e presentando á Natureza como a grande optimizadora.

O Ensino Medio está representado polos seus docentes, contando, desde o método de Gauss, exemplos de matemáticas da pandemia e compartindo en Galiciencia datos de historia.

O portugués permítenos escoitar conversas sobre os logaritmos, esa ferramenta tan útil como mal entendida se non sintonizamos a súa frecuencia.

O X, finalmente, ten que ser tamén protagonista se hai mates polo medio. A charla TED, na que se explica en inglés a orixe da incógnita, déixaa despexada nesta escolma cun singular corolario do que o galego é moi protagonista.

Mª Elena Vázquez Cendón
Decana da Facultade de Matemáticas
da Universidade de Santiago de Compostela

As matemáticas nas bucinas de Nacho Porto

Vídeo divulgativo (15´ 04´´) no que Sara Recondo Estévez, enxeñeira en telecomunicacións pola Universidade de Vigo e doutoranda no programa "Métodos matemáticos e simulación numérica" da Universidade da Coruña, nos fala das matemáticas que se agochan dentro das bucinas do ceramista galego Nacho Porto. Partindo dun traballo realizado durante o seu mestrado en matemáticas industriais da UVigo, no que realizou unha modelización matemática e simulación numérica do comportamento acústico desas bucinas, avaliou a súa amplificación sonora e caracterizou os puntos fortes e febles das pezas, Sara explícanos nesta charla unha cuestión moi concreta: como afecta a apertura da "gorxa" da bucina na propagación do son.

A charla tivo lugar en 2021 no marco da xornada divulgativa "Matemáticas: habelas hainas, seguimos contándochas", organizada pola USC e destinada fundamentalmente a estudantes de grao e mestrado.

Por que o X representa o descoñecido

Vídeo de TED (3´ 57´´). Por que é o "x" o símbolo do descoñecido? Nesta breve e divertida charla TED Terry Moore revela a sorprendente resposta.
Tradución ao galego de Raquel Uzal. 

O sexto sentido: as matemáticas

Vídeo (50') que recolle a intervención de Elena Vázquez Abal no ciclo de divulgación científica "Achegando a ciencia 2018".

Nela a relatora fala sobre as matemáticas e sobre algunhas das grandes científicas olvidadas.

Un mundo rodeado de matemáticas. Trigonometría

Vídeo didáctico (2´ 07´´) no que descubrirás algúns dos usos das matemáticas na nosa vida cotiá. En concreto, aprenderás como podes calcular a altura dunha das árbores do teu xardín (neste caso un ciprés) usando como axuda un teodolito (instrumento de precisión usado para medir ángulos horizontais e verticais) e mais os teus coñecementos de trigonometría.
Este traballo, autoría de Francisco Estévez e Paula Mourille (estudantes de 4º da ESO no IES Celenova Celso Emilio Ferreiro) foi un dos premiados na edición de 2019 do concurso "Explícoche matemáticas 2.0".

A primeira programadora

Co ánimo de compensar a ausencia de referentes femininos nos libros de texto, Sara Ramos López e Uxía Varela Castro (alumnas do IES Afonso X O Sabio de Cambre) ofrecen neste vídeo didáctico (1´ 52´´) unha breve presentación da matemática e escritora inglesa Ada Lovelace (1815-1852), que se converteu na primeira programadora da historia.
Esta peza foi galardoada co primeiro premio do concurso "Explícoche matemáticas 2.0", na edición de 2021.

Catálogos e bases de datos astronómicos

Vídeo divulgativo (16´ 47´´) sobre os catálogos e bases de datos astronómicos que hai dispoñibles para a investigación matemática, astronómica ou física. Xabier Pérez Couto cóntanos nesta charla como foi evolucionando a información astronómica ao longo da historia a través dos diferentes catálogos nos que estes datos se foron compilando.

Esta charla tivo lugar en 2021, no marco da xornada divulgativa "Matemáticas: habelas hainas, seguimos contándochas", organizada pola USC e destinada fundamentalmente a estudantes de grao e máster.

Sexamos positivas!

Seguro que nalgún momento da túa carreira académica pensaches: para que serven realmente as matemáticas? Neste vídeo divulgativo (16´ 23´´) Lorena Saavedra, doutora pola USC na área de Análise Matemática e docente no ensino medio, defende que as matemáticas son o fundamento que está detrás de todas as ciencias e, polo tanto, teñen múltiples aplicacións. A modo de exemplo, explícanos a utilidade da aplicación de coñecementos matemáticos na construción dunha ponte.

Esta charla tivo lugar en 2021, no marco da xornada divulgativa "Matemáticas: habelas hainas, seguimos contándochas", organizada pola USC e destinada fundamentalmente a estudantes de grao e mestrado.

Como manexo os meus datos con Rcmdr

Vídeo didáctico (10´ 33´´) no que Rosa Crujeiras Casais, María Ginzo e Mercedes Conde, do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da USC, nos explican como podemos tratar os nosos datos para analizalos estatisticamente empregando R. En concreto, céntrase nunha das súa librarías: R Commander.

Mundos matemáticos

Charla didáctica (50´), cun enfoque lúdico, na que David Ballesteros nos achega algúns datos sobre a historia das matemáticas, para demostrarnos que o avance do coñecemento científico en xeral está ligado ao desenvolvemento de novas ferramentas matemáticas. Tamén descubrirás a relación das matemáticas con determinadas cuestións da nosa vida cotiá, como pode ser a percepción da beleza, os xogos de azar ou o amor.

Esta charla, dirixida a alumnado de secundaria, desenvolveuse no marco da iniciativa Galiciencia 2016.

Resolución de sistemas de ecuacións lineais usando o método de Gauss

Vídeo didáctico (6´ 09´´) no que Anxo Fernández (docente de matemáticas no ensino medio) explica, de xeito práctico, como se resolven os sistemas de ecuacións lineais usando o método de Gauss.

Este recurso está dirixido a alumnado de 2º curso de Bacharelato.

Suavizar a curva. Media móbil

Vídeo didáctico (5´ 15´´), elaborado polo profesor Manuel Vilariño, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, no que entenderás por que na representación do número de falecementos diario é conveniente transformar estes datos, é dicir, implementar un proceso de suavización para que a gráfica represente realmente o comportamento da variable durante un período de tempo, e non a forma na que se compilaron diariamente os datos. Nesta vídeo-lección descubrirás en que consiste a técnica de suavización que chamamos “media móbil”.

O vídeo intégrase na serie “Matemáticas e coronavirus”, dirixida a alumnado de educación secundaria, co obxectivo de explicar desde a perspectiva matemática diferentes datos e conceptos que se fixeron populares nos medios a partir da pandemia ocasionada pola Covid-19.


Por que as pompas de xabón son redondas?

Neste vinculo externo poderas ver
Por que as pompas de xabón son redondas?

Vídeo (1' 52'') do proxecto "A Universidade responde" no que Alberto Rodríguez, investigador do Departamento de Matemáticas da USC, che axudará a entender os argumentos físicos e matemáticos que explican que as pompas de xabón sexan redondas.

A criação dos logaritmos

Audio (16´ 17´´) que repasa, nunha primeira parte, a historia da creación dos logaritmos e a súa importancia como ferramenta indispensable para cálculos. Na segunda parte, recréase como tería sido unha conversa entre o profesor Henry Briggs e John Napier, conversa que aconteceu no 1616.

Este recurso foi incorporado a Proxector por Inés Amboage.