Escolma para ver e escoitar tesouros xeolóxicos por Xacobo de Toro

A zona comprendida desde os cantís de Valdoviño ata a Ría de Ortigueira e as súa zonas interiores, estendidas ao longo de sete concellos, serán novo xeoparque de Galicia no 2023. Ademais da beleza destas paisaxes e cantís, atopamos na súa superficie rochas propias do manto terrestre. Comprender a importancia deste achado requírenos tamén coñecer ben as capas da xeosfera. Por iso observarás nesta escolma magníficas vistas aéreas e tamén un XeoClip que nos axuda a entender mellor o interior terrestre.

Por outra parte, seleccionei vídeos sobre a teoría da placa tectónica e mesmo dunha das súas grandes promotoras, Marie Tharp, unha cartógrafa oceánica e xeóloga que revelou o fondo dos océanos. Puxo de manifesto a existencia das dorsais, punto clave para a comprensión da expansión dos océanos e da deriva continental. O mundo actual vive, por desgraza, un auxe de escepticismo científico e pseudociencias, ou mesmo ideas fixistas propias da corrente terraplanista. Un mundo plano non podería explicar os terremotos, creación de cordilleiras, a deriva continental, o vulcanismo ou a aparición no Ortegal de rochas propias do manto. É importante loitar contra os bulos e as teorías conspiratorias con argumentos científicos. Como tamén o é que alumnas e alumnos sexan capaces de crear os seus contidos audiovisuais e fagan divulgación científica da man dos seus docentes.

Entre os axentes transformadores da paisaxe terrestre, o ser humano, sen lugar a dúbidas, é dos que a maior ritmo está modificando a súa superficie. Galicia non é menos, por iso esta extensa revisión de Francisco Canosa con multitude de exemplos resulta moi indicada para o seu uso nas aulas cando falamos de impacto ambiental sobre tan rico patrimonio natural. Por exemplo, os Penedos de Traba e Pasarela, en Laxe, espertaron a curiosidade de científicos e literatos polas singularidades das súas formacións xeolóxicas graníticas ao carón do mar. O terrible é que agora mesmo están ameazadas por un proxecto de parque eólico. Para podelo protexer temos que coñecer o que temos o poñelo en valor.

O Monte Pindo e a fervenza do Ézaro son uns dos puntos singulares de Galicia, tanto pola súa xeoloxía granítica como por ser fonte de lendas e un grande atractivo turístico. Estas vistas aéreas amósanos con toda a súa beleza. Outro punto de interese xeolóxico galego, virando cara ao xeoparque do Courel, é a dobra deitada de Campodola - Leixazós; por iso o vídeo de XeoClip no que se explica como se forman as dobras por esforzos tectónicos, empregando como símil unhas toallas, é un recurso moi axeitado.

Probablemente, Galicia é a comunidade española con maior potencial para o uso da enerxía xeotérmica. A enerxía xeotérmica como fonte enerxética renovable tería un impacto ambiental na superficie moitísimo menor que as que empregamos en maior medida: a eólica, hidráulica ou solar. Novas propostas tecnolóxicas estana facendo máis factible, permitindo perforar a maior profundidade. Co vídeo TED co que pecho esta escolma, afondamos nas súas posibilidades, miramos cara a outros futuros potenciais.



Xacobo de Toro Cacharrón
Profesor de Bioloxía e Xeoloxía no ensino secundario e divulgador científico

Imaxe: Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal

Cantís de Loiba e O Picón

Vídeo didáctico (3´ 15´´) que amosa imaxes aéreas obtidas cun dron, durante os meses de outubro a decembro de 2019, no tramo costeiro comprendido dentro do proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal. Nese percorrido duns 7 quilómetros podes divisar diferentes formas e estruturas propias das paisaxes litorais de cantís, onde son habituais arcos, farallóns, praias, plataformas litorais, coídos, cons, derrubamentos e movementos de ladeira.
As imaxes foron gravadas para a elaboración das leccións do proxecto XeoClip, da sección de paisaxe e xeomorfoloxía. O proxecto XeoClip 2019 está integrado por Rocío Romar Roel, Alberto Fortes Novoa, Fernanda Molto Roibal e Xacobo de Toro Cacharrón.


Cantís de Ortegal e da Capelada

Vídeo didáctico (2´ 29´´) que amosa imaxes aéreas obtidas cun dron, durante os meses de outubro a decembro de 2019, sobre os cantís de Cabo Ortegal e da Serra da Capelada. Poderás divisar o cantil máis alto de Europa continental (Vixía de Herbeira), aguillóns, farallóns, rochas básicas e ultrabásicas, coídos e movementos de ladeira.
As imaxes foron gravadas para a elaboración das leccións do proxecto XeoClip, da sección de paisaxe e xeomorfoloxía. O proxecto XeoClip 2019 está integrado por Rocío Romar Roel, Alberto Fortes Novoa, Fernanda Molto Roibal e Xacobo de Toro Cacharrón.


Entre arcos e cantís

Vídeo divulgativo (10´ 47´´) no que se presenta o proxecto xeolóxico "Entre arcos e cantís", promovido polos concellos de Cedeira, Burela e Ribadeo, e dirixido polo xeólogo Francisco Canosa. O propio director do proxecto explícanos nesta peza as características xeomorfolóxicas destes tres concellos e reivindica a importancia de divulgar o noso rico patrimonio natural, un coñecemento indispensable para acadar un turismo sostible.

O vídeo foi elaborado por César Domínguez Castro.

Estrutura interna da Terra. Modelos químico e xeofísico

Vídeo (7´ 31´´) de carácter didáctico sobre os dous modelos da estrutura interna da Terra propostos actualmente polos xeólogos: o modelo químico e o xeofísico. O modelo químico divide a Terra en tres capas (codia, manto e núcleo) segundo a súa composición química. Pola súa parte, o modelo xeofísico permite establecer cinco capas do interior terrestre de diferentes densidades e graos de rixidez (litosfera, manto superior, manto inferior, núcleo externo e núcleo interno). Material elaborado por Adela Otero e Xacobo de Toro, profesores de secundaria de bioloxía e xeoloxía, no marco do proxecto XeoClip.

A teoría da tectónica de placas

Vídeo didáctico (4´ 32´´), dirixido a alumnado de 1º de bacharelato, no que o profesor Germán Santos nos presenta a teoría da tectónica de placas. Esta teoría explica como é a litosfera (a parte sólida que constitúe a codia terrestre), cales son as diferentes placas nas que está dividida e como se desprazan estas placas sobre o manto terrestre.

Outros vídeos da mesma serie:
-A deriva continental
-Da deriva continental á tectónica de placas

Teoría da expansión do fondo oceánico. Marie Tharp

Vídeo (7´ 23´´) que explica como se sentaron as bases da teoría da tectónica de placas e como se chegou á conclusión de que o solo oceánico está en continua expansión. Poderás introducirte no coñecemento do fondo oceánico a partir dos datos que achegaron dous xeólogos pioneiros: Marie Tharp, que elaborou o primeiro mapa do fondo oceánico e constatou a existencia das dorsais, e Harry Hess, precursor da teoría da expansión do fondo oceánico. Material elaborado por Adela Otero e Xacobo de Toro, profesores de secundaria de bioloxía e xeoloxía, no marco do proxecto XeoClip.

As rochas

As rochas son masas formadas por un ou varios minerais. Neste video (6´ 39´´) aprenderás cales son as características destes tres tipos de rochas: as magmáticas, as sedimentarias e as metamórficas.

A peza foi creada como paterial de apoio didáctico para a materia de Bioloxía e Xeoloxía de 1º da ESO, e na súa elaboración participou o propio alumnado.

Os Penedos de Pasarela e Traba. A arte dos dedos do tempo

En 1835 o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España declarou os Penedos de Pasarela e Traba "Formas Singulares" no primeiro mapa xeolóxico de Galicia elaborado polo xeólogo Guillermo Schulz. Moitos anos despois, no ano 2009, a Xunta de Galicia declarounos "Paisaxe Protexida".

O Seminario de Estudos Comarcais para a Promoción do Patrimonio Cultural da Costa da Morte (SEMESCOM) amósanos neste documental (23´ 18´´) a beleza e singularidade destas formacións xeolóxicas situadas nos municipios de Vimianzo e Laxe.

A dirección e o guión son de Xosé María Lema e Roberto Mouzo.

A pegada humana e os seus efectos na xeomorfoloxía de Galicia

Vídeo didáctico (1 h, 7´, 20¨), dirixido a alumnado de secundaria, no que Francisco Canosa Martínez (doutor en Xeoloxía e divulgador) nos fala da ciencia da xeoloxía e, máis concretamente, das consecuencias que provoca na xeomorfoloxía de Galicia a acción humana (encoros, explotacións mineiras, instalacións industriais, explotacións agrícolas, expansións urbanas etc.).

A charla foi emitida en directo o 25 de novembro de 2022 con motivo do XIII Día da Ciencia en Galego, conmemoración promovida por Igaciencia.

Vista aérea do Monte Pindo

Vídeo divulgativo (2´ 32´´), emitido en xaneiro de 2022 no programa "Un país en 360" da Televisión de Galicia, no que se amosa, a través de espectaculares vistas aéreas, o patrimonio paisaxístico, natural e lendario do Monte Pindo, un macizo granítico de 627 metros de altura situado no concello coruñés de Carnota.

Dobras. Formación e clasificación

Vídeo (8´ 23´´) que nos amosa como se forma unha dobra (deformación plana e continua que non rompe a estrutura da rocha), así como os elementos que a compoñen e as diferentes tipoloxías que existen, en función da súa antigüidade, do grao de compresión dos flancos, da simetría e do grao de inclinación.

Material elaborado por Adela Otero e Xacobo de Toro, profesores de secundaria de bioloxía e xeoloxía, no marco do proxecto XeoClip.

Os superpotentes volcáns subterráneos de Islandia

Vídeo de TED (5´ 20´´) no que Jean-Baptiste P. Koehl nos explica como en practicamente todos os edificios de Islandia se emprega a enerxía xeotérmica, grazas á potente fonte de calor que supoñen os volcáns subterráneos neste país. Esta peza axudarache a entender como funciona este tipo de enerxía renovable e cales son os dous principais modelos de aproveitamento.

Tradución ao galego de Enrique Orjales.