Un planeta sen plástico

O Día Mundial do Medio de 2023 foi escollido pola ONU para poñer o foco na contaminación xerada polos plásticos. Segundo os seus informes, cada ano prodúcense no mundo máis de 400 millóns de toneladas de plástico de un só uso. Entre 19 e 23 millóns rematan en lagos, ríos e mares; 11 millóns van aos océanos e poderían triplicarse de aquí a 2040.

Por outra parte, hai que falar tamén dos microplásticos, unha realidade que cada vez coñecemos mellor e debemos vincular ao noso día a día. Estímase que as persoas inxerimos máis de 50000 partículas de plástico cada ano, e mesmo moitas máis se se teñen en conta as partículas inhaladas.

Estamos a falar dunha agresión ambiental que afecta os ecosistemas e os seres humanos directamente, e que está condicionando a biodiversidade do planeta. Este especial de Proxector reúne investigacións, análises legais e abordaxes das solucións, que van do gran de area cidadán ás medidas globais necesarias para reverter esta dinámica.

Os tres erres: reducir, reutilizar, reciclar

Vídeo (8´ 20´´) de carácter didáctico que fala do impacto medioambiental que supón a actual sociedade de consumo, a obsolescencia programada e o incremento constante da produción de lixo. Ofrécense diferentes consellos para colaborar co medio ambiente, baseados en tres claves: reducir (consumir de xeito responsable), reutilizar (darlle unha segunda vida aos produtos que mercamos) e reciclar (transformar os residuos en novos produtos). Para rematar, achéganse instrucións para separar correctamente nos colectores do lixo.

Facendo o noso propio bioplástico

Vídeo didáctico (8´ 17´´), elaborado por Noemí Díaz Vázquez, no que se ofrecen as indicacións prácticas precisas para facer un experimento do Club de Ciencia. En concreto, descubrirás como podes facer plástico biodegradable a partir dos seguintes ingredientes: maicena, vinagre e auga.
Os contidos están dirixidos a alumnado de 1º curso da ESO.


Os microplásticos, unha praga

Denomínase "microplástico" todo aquel plástico cuxo tamaño é inferior a 5 milímetros. Malia que non poidas velos, están en case calquera praia que visites e neste breve vídeo divulgativo (1´ 05´´) tratan de concienciarnos sobre o problema ambiental que provocan.
A peza forma parte do proxecto "Lendo a ciencia. Festiciencia & Festiletras", unha iniciativa de Ceo Aberto realizada ao abeiro do Fondo Xacobeo 2021-2022.

Unha década recollendo lixo

A bióloga e investigadora Atocha Ramos fálanos nesta charla divulgativa (29´ 12´´) do traballo desenvolvido polo Grupo Naturalista Hábitat no coidado dos ríos e mares durante a última década. Atocha explícanos que debemos entender cando falamos de contaminación mariña e que tipos de limpeza ecolóxica se realizan. Así mesmo expón algúns resultados e conclusións obtidas nas diferentes campañas desenvolvidas, e remata ofrecéndonos unha serie de recomendacións relacionadas coa limpeza de lixo mariño.

Esta charla tivo lugar en novembro de 2022 no marco das xornadas “Preservación dos mares a través das limpezas ecolóxicas”, organizadas por ADEGA en colaboración co Concello da Coruña.

O nacemento do dereito ambiental

Vídeo didáctico (11´ 49´´) no que a profesora Alba Nogueira López, profesora do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado da Universidade de Santiago de Compostela, nos fala do nacemento do dereito ambiental. Trátase dunha nova póla do dereito, que naceu hai uns 50 ou 60 anos, que permite protexer o medio ambiente coma un ben en sí mesmo.
Esta peza forma parte da colección Videos didácticos USC.


Química biolóxica ao rescate

Vídeo divulgativo (2´ 47´´) no que se explica que son os plásticos, cales son as características que os fan tan versátiles para múltiples usos da nosa vida cotiá, que inconvenientes teñen desde o punto de vista medioambiental e cales son os métodos alternativos verdes para lograr que a súa degradación sexa sostible e respectuosa co medio.
Esta peza acadou o terceiro premio no II Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible, un certame promovido pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química da USC co apoio do Servizo de Normalización Lingüística.

Como obter bioplásticos a partir de augas residuais

Neste vinculo externo poderas ver
Como obter bioplásticos a partir de augas residuais

Vídeo (1' 46'') do proxecto "A Universidade responde" en que a profesora Anuska Mosquera Corral, do Departamento de Enxeñaría Química da USC, explica como se poden obter bioplásticos a partir das augas residuais que se xeran na industria ou no consumo doméstico.

A partir destes bioplásticos pódense facer bolsas, botes de xel ou xampú ou poden utilizarse en medicina para suturas ou válvulas cardíacas.

Identificación de plásticos mediante espectometría infravermella

Vídeo didáctico (8´ 24´´) no que Elena Peña Vázquez, profesora do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, nos fala das nefastas consecuencias que ten para o medio ambiente a presenza de residuos plásticos. En concreto, a profesora Peña explícanos como a expectometría infravermella pode axudar na clasificación daqueles plásticos reciclables que carecen de código PIC.
A peza forma parte da colección Vídeos didácticos USC.


Pescadores de plásticos

Vídeo divulgativo (2´ 42´´), elaborado pola Unidade Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, que presenta o proxecto de investigación Repesca_Plas, que ten como obxectivo avaliar a toxicidade dos plásticos que os pescadores recollen do mar e traen a porto, tentando deste xeito ampliar o coñecemento sobre os residuos plásticos e reducir o seu impacto no medio ambiente. 

Un plan radical para rematar cos residuos plásticos

Vídeo de TED (14´38´´) no que Andrew Forrest nos fala de ecoloxía mariña e de todas as mortes que causa o plástico nos ecosistemas mariños. Neste vídeo ofrécenos, desde a perspectiva dun home de negocios, a súa particular proposta para parar esta destrución. Trátase de concienciar á industria global de plásticos de que debe deixar de obter os seus compoñentes de combustibles fósiles e comezar a sacalos do propio plástico, a través de sistemas de reciclaxe, convertendo deste xeito os residuos amoreados nos vertedoiros nun produto de valor, e non nun refugallo que vai parar ao mar.
Tradución ao galego de Cristina Marey Castro.


Un mar de plástico

Vídeo (4´ 29´´) de divulgación científica, difundido na canle GC TV do xornal GCiencia, que fala dos efectos dos microplásticos sobre os ecosistemas mariños. Cada ano bótanse aos océanos do mundo 8 millóns de toneladas de plásticos e os máis pequenos, denominados microplásticos, son absorbidos polos organismos mariños. Un equipo da Universidade de Vigo coordina o proxecto europeo Ephemare, con científicos e institucións de 10 países distintos, que buscan coñecer que consecuencias poden ter para a saúde estes microplásticos.

Que lle pasa realmente ao plástico que tiras

Vídeo TED (4' 07'') no que se relatan os ciclos de vida de tres botellas de plástico distintas, e se amosa o perigo que estes produtos que desbotamos representan para o noso mundo, especialmente para o medio mariño.