Bacterias e antibióticos.
Do laboratorio á clínica

O XIV Día da Ciencia en Galego homenaxea en 2023 ao médico galego Domingo García-Sabell e ao científico británico Alexander Fleming.

Do primeiro temos máis recente a súa actividade cultural, que o levou a relacionarse con Manoel Antonio, Fole ou o mesmo Castelao, e tamén a ser presidente da Real Academia Galega. Mais non é unha traxectoria que poida separarse da que realizou desde os campos da patoloxía psicosomática e dixestiva con compañeiros como Rof Carballo. Entre os seus ideais, sempre estivo o de humanizar a medicina, poñer no centro tanto ao paciente como á persoa. De aí a reivindicación de empregar a lingua propia do doente, o galego no seu caso, para estreitar o vínculo da medicina coa sociedade.

Desde outra óptica, Alexander Fleming iniciou a universalización dos coidados sanitarios co seu achado accidental da penicilina en 1928. Abriu a chamada “Era dos antibióticos”, unha mudanza drástica para a medicina moderna de vital importancia para tratar moitas infeccións bacterianas diferentes e salvar moitas vidas.

“Saúde para todos”
É esta máxima á que nos sumamos para realizar a selección de audiovisuais que podes ver a continuación. Expertos e expertas fálanche das bacterias boas e das malas, de como mudan, reaparecen ou retan o sistema inmunolóxico de persoas e animais. Tamén da relevancia da ciencia na nosa vida cotiá: desde que os laboratorios a sintetizaron nos anos 40, enfermidades sexuais, feridas na pel e enfermidades respiratorias como a pneumonía puideron curarse coa penicilina.

Pechando a nosa escolma, atoparás tamén datos, reflexións e a demostración do valiosa que segue sendo a investigación científica para afrontar o principal desafío ao que actualmente nos someten as bacterias: a resistencia aos antibióticos.

O accidente que cambiou o mundo

Vídeo de TED (4´ 50´´) no que Allison Ramsey e Mary Staicu nos contan
como Alexander Fleming descubriu en 1928 a penicilina, un fito científico que deu lugar ao posterior desenvolvemento de antibióticos que mudaron completamente o tratamento das infeccións bacterianas, revolucionando deste xeito a historia da medicina.

Tradución ao galego de Sheila Recarey para o TedSaúde 2023.

Da penicilina á Covid-19: grandes científicas na sombra

Charla divulgativa (13´ 11´´) na que Azucena Mora, profesora na Facultade de Veterinaria da USC, nos fala do papel das mulleres na historia da ciencia (concretamente no eido da microbioloxía) facendo un percorrido que comeza en 1928 co descubrimento da penicilina ata a actualidade, marcada polo impacto da pandemia da Covid-19.

Esta charla forma parte das sesións do DivulgaTerra 2020.

Bacterias

Sabías que no corpo humano hai dez veces máis bacterias ca células? Neste vídeo didáctico (33´´) Carlota Ageitos, alumna de 1º da ESO no IES Milladoiro, explícanos en medio minuto o importante papel que xogan as bacterias no bo funcionamento do noso organismo.

Esta peza forma parte do proxecto educativo “Medio minuto de ciencia en galego”, promovido polo ENDL do IES Milladoiro (Ames).

Como falan as bacterias

Vídeo de TED (18' 59''). Bonnie Bassler descubriu que as bacterias "falan" entre elas, usando unha linguaxe química  que lles permite coordinar a súa defensa e os seus ataques. O achado tivo incribles implicacións para a medicina, industria— e sobre o coñecemento de nós mesmos.

Tradución ao galego de Andrea Muras para TedSaúde 2016.

O sistema inmunitario explicado. A infección bacteriana

Vídeo de divulgación científica (6´ 48´´) que che axudará a entender, a través dunha entretida animación, como responde o teu sistema inmunitario ante unha infección bacteriana. Descubrirás que papel xoga neste complexo proceso de defensa cada compoñente do sistema, como poden ser os macrófagos, os neutrófilos, as células dendríticas, os linfocitos T, os linfocitos B, os anticorpos ou as células de memoria.

Illando a diversidade

Vídeo didáctico (9' 15'')  no que Ana Otero, Sabela Balboa e Carlos Rodríguez Osorio, docentes da Universidade de Santiago de Compostela, nos amosan a técnica de laboratorio para conseguir un cultivo puro de bacterias.

A peza forma parte da colección Vídeos didácticos USC.

A tuberculose, unha doenza do pasado?

Vídeo divulgativo (4´ 04´´), pertencente á serie #DesmontadoMitos de GCiencia, no que descubrirás que a tuberculose non é unha doenza do pasado, senón que pode afectar na actualidade a calquera persoa, sobre todo a aquelas que teñen un sistema inmunolóxico debilitado. Raquel Barbosa, profesora asociada de Medicina Preventiva da USC, axudarache a entender como afecta ao noso organismo esta doenza producida polo bacilo de Koch.

Moitas enfermidades comúns comezan na boca

Vídeo divulgativo (2´ 17´´) no que o odontólogo Simón Pardiñas nos fala da importancia da saúde bucodental para o noso benestar xeral, xa que varias enfermidades comúns (como por exemplo a artrite, a diabete ou os accidentes cerebrovasculares) poden ter a súa orixe na boca. Nesta peza descubrirás como inflúe a enfermidade periodental na saúde xeral e cal é a mellor solución para previr as enfermidades da boca.

Colibacilose porcina: diagnóstico microbiolóxico, resistencia a antibióticos e vacinación

Vídeo de divulgación científica (10´ 41´´). Gonzalo López Lorenzo fala no DivulgaTerra 2016 sobre a diarrea dos leitóns e a importancia que a bacteria Escherichia coli ten nesta enfermidade. Partindo do seu traballo de fin de grao, identifícanse os xenes patóxenos, factores de virulencia máis frecuentes e resistencia aos antimicrobianos que presentan as distintas cepas de Escherichia coli.

A redución do uso de antibióticos: un reto para a gandería

Vídeo de divulgación científica (11´ 23´´). Inmaculada Orjales fala no DivulgaTerra 2016 de como as explotacións gandeiras deben intentar reducir o emprego de antibióticos e das vantaxes que iso ten para elas.

Como podemos resolver a crise de resistencia aos antibióticos?

Gran parte da medicina moderna fundaméntase no uso de antibióticos (substancias químicas que evitan a proliferación de bacterias), pero debido a esta exposición tan continuada algunhas bacterias volvéronse resistentes a todos os antibióticos dos que dispoñemos na actualidade. O problema é de tal magnitude que a resistencia aos antibióticos é un dos principais desafíos aos que debe enfrontarse actualmente a ciencia médica. Neste vídeo de TED (6´ 22´´) Gerry Wright explícanos como chegamos a esta situación e cales son as claves que poderían axudar a resolver o problema.

Tradución ao galego de Andrea Ínsua Ramos para TedSaúde 2022.

Como un virus xa esquecido nos pode axudar a pór fin á crise dos antibióticos

Vídeo de TED (10´ 42´´) no que Alexander Belcredi nos explica que, a pesar da mala reputación que teñen os virus, algúns deles poderían ser beneficiosos para a saúde. Refírese concretamente aos fagos, uns virus naturais que destrúen as bacterias de xeito moi preciso e logran curar doenzas infecciosas. Desde o punto de vista médico, trátase dun descubrimento moi esperanzador para a loita contras as bacterias resistentes aos antibióticos.

Tradución ao galego de Alberte Regueira para TedSaúde 2019.