Vídeo (12´ 14´´) sobre a era paleozoica ou primaria, etapa da Historia da Terra que comeza hai 540 millóns de anos e remata hai uns 250 millóns de anos. Esta era iníciase pouco despois da desintegración do supercontinente Pannotia e remata coa formación do supercontinente Panxea. Nesta etapa a superficie da terra divídese nun número relativamente pequeno de continentes e nalgúns mares pouco profundos comeza a formación do petróleo e o gas que explotamos na actualidade. No nivel biolóxico aparecen formas de vida máis complexas e os animais desenvolven cuncha ou esqueleto, chegando diversos grupos a colonizar a terra firme.
Material creado por Adela Otero e Xacobo de Toro, profesores de secundaria de bioloxía e xeoloxía, no marco do proxecto XeoClip.