Vídeo didáctico (10´ 17´´) no que se explica como construír un roncollo, tamén chamado abesouro. Trátase dun instrumento musical popular, do grupo dos membranófonos, que está composto por unha cana grosa (á que se lle tapa un dos extremos cun plástico que fai de membrana), unha cana máis fina ou pau e un cordel que une ambas canas. Ao facer xirar o instrumento no aire, as vibracións que emite o cordel amplifícanse por mor da membrana e mais da cana grosa (que fai a función de caixa de resonancias), emitindo deste xeito un son rouco, similar ao dos abesouros.
Esta peza pertence á serie de vídeos didácticos, elaborados polo Proxecto Ronsel, sobre a construción de instrumentos tradicionais galegos.