Último capítulo da serie dirixida por Luís Baños Campo sobre as diferentes facetas do intelectual Vicente Risco. Concretamente, neste vídeo (6´ 35´´) ponse o foco na súa faceta política. Da man de Nate Pazo poderás achegarte ao ideario deste intelectual ourensán, membro das Irmandades da Fala, que foi recoñecido polos seus contemporáneos como o principal teórico do nacionalismo galego.
Chegou a colaborar nun primeiro momento coa ditadura de Primo de Rivera, iniciada en 1923, mais logo dimitiu dos seus cargos de concelleiro e deputado provincial, e celebrou a caída da ditadura e a creación da segunda república, creando en 1931, xunto con Otero Pedrayo, o Partido Nazonalista Repubricán de Ourense, que posteriormente se integraría no Partido Galeguista. En 1936, tras a integración do Partido Galeguista na Fronte Popular, Risco abandona o partido por discrepancias coa súa deriva esquerdista, e pasa a integrarse na Dereita Galeguista, mais lonxe xa da primeira liña de acción política dos anos precedentes.
A iniciativa foi desenvolvida pola produtora audiovisual Visualq., ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022.