Vídeo didáctico (6´ 28´´), dirixido a alumnado de 3º da ESO da materia de Ciencias Sociais. Félix Longueira Fafián, licenciado en Historia da Arte e profesor no ensino secundario, explica as características artísticas dos pazos renacentistas e barrocos, as fastosas residencias urbanas da realeza, a nobreza ou a rica burguesía. Concretamente, preséntanos detidamente o pazo Pitti, unha construción renacentista da Florencia do s. XV; o pazo Barberini, edificación barroca construída en Roma no s. XVII e o pazo de Versalles, residencia dos reis de Francia entre 1682 e 1789, tamén de estilo barroco. Como representantes deste tipo de construcións urbanas en Galicia, menciónanse brevemente o pazo de Bendaña (Santiago de Compostela) e o pazo de Oca (A Estrada), ambos os dous de estilo barroco.
Se o prefires, podes ver a versión interactiva desta lección premendo aquí.