Voces centenarias

Xosé Filgueira Valverde

Voces centenarias

Unha ampla mostra sonora da erudición do intelectual pontevedrés.

Filgueira Valverde no Álbum de GaliciaA figura de Xosé Filgueira Valverde abrangue unha prolífica vida cultural e política. Pero, sen dúbida, a súa inmensa entrega ao Museo de Pontevedra é o seu proxecto vital.

Os fondos sonoros conservados no Arquivo Sonoro de Galicia dan boa conta da figura erudita do intelectual pontevedrés. A súa ampla bagaxe intelectual percorre todos os temas, dende a lírica medieval ata o folclore. A súa dedicación entusiasta e incansable cara a Galicia é indispensable para o noso presente.






Álvaro Cunqueiro, poeta




A Fundación Caixa Galicia de Ferrol organiza, en maio de 1981, unha homenaxe a Álvaro Cunqueiro, falecido en febreiro dese ano. Filgueira Valverde é un dos relatores convidados non só polo seu amplo coñecemento da literatura galega senón tamén pola estreita amizade entre ambos os escritores. O sentimento pola perda e a erudición traspasan toda a conferencia titulada “Álvaro Cunqueiro, poeta”.

Duración: 47'31''
Sinatura: NCFE-0155.
Fondo:Colección Afundación. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG






Acibecharía compostelá




O 28 de abril de 1966, o Círculo das Artes de Lugo organiza o IX Curso Universitario de Primavera e convida a Xosé Filgueira Valverde para que pronuncie a conferencia titulada “Acibecharía compostelá”. Nela diserta, coa súa profunda sabedoría, sobre as calidades do acibeche e os seus distintos empregos. Fai fincapé no significado da concha de viera e o seu vencello co Camiño de Santiago.

Duración: 58'40''
Sinatura: CALU—XUN/20.
Fondo: Colección Círculo das Artes de Lugo. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG






O folclore galego e o seu calendario




A Asociación Folclórica e Cultural Terra Meiga de Ferrol coorganiza con Caixa Galicia de Ferrol, en 1985, o 1º Ciclo de folclore e etnografías galegas. Un dos primeiros convidados é o profesor Filgueira Valverde, profundo coñecedor das festas tradicionais e os ritos do pobo galego. “O folclore galego e o seu calendario” é o titulo da conferencia pronunciada o 11 de xaneiro.

Duración: 1h 01'39''
Sinatura: NCFE_0449
Fondo: Colección Afundación. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG