Voces centenarias

Ramón Otero Pedrayo

Voces centenarias

Estas conferencias íntegras permiten mergullarse na erudición torrencial do escritor.

Ramón Otero Pedrayo no Álbum de GaliciaA relevancia de Ramón Otero Pedrayo dentro da cultura galega resulta incuestionable. No Arquivo Sonoro de Galicia consérvanse testemuños do seu inmenso e inabarcable saber. Presentamos unha pequena mostra: tres conferencias pronunciadas en Bos Aires onde cada unha delas abrangue unha temática distinta (xeografía e etnografía, cultura clásica e literatura galega) e nas que podemos escoitar a engaiolante, erudita e sempre inmensa voz do fidalgo de Trasalba. Hai que pechar os ollos e deixarse levar. O camiño paga a pena.






A paisaxe galega, as súas leis e tipos




En 1947, Ramón Otero Pedrayo viaxa por primeira vez a Bos Aires, como convidado de honor nas Xornadas Patrióticas Galegas que organiza a colectividade ao redor do Día de Galicia. Na Federación de Sociedades Galegas pronuncia a conferencia “A paisaxe galega, as súas leis e tipos”, o 26 de xullo. As emotivas e precisas descricións xeográficas acompáñanse de referencias etnográficas, espirituais e históricas e todas elas elevan o sentir identitario dos presentes no acto.

Duración: 46:36
Sinatura: COPA—CON/215.
Fondo: Colección Pampillón. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.







"La cultura clásica"




Na segunda viaxe a Bos Aires, en 1959, Ramón Otero Pedrayo diserta sobre “La cultura clásica”. Coa súa elocuencia e a súa erudición, repasa os perfís xeográficos, cronolóxicos e espirituais da Grecia e Roma clásicas. No comezo da conferencia, ditada o 23 de xullo no Colexio Nacional de Bos Aires, sinala a temeridade do asunto tratado. Porén, coa súa sabedoría e maxisterio, a súa intervención convértese nunha exaltación apaixonada do mundo clásico.

Duración: 1:12:26
Sinatura: COBA-CON/34 .
Fondo: Colección Centro Galego de Bos Aires. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG







Escritores galegos do século XIX




O 27 de xullo de 1959, na Sociedad Argentina de Escritores (SADE) de Bos Aires, Otero Pedrayo desprega todo o seu coñecemento sobre a historia da literatura galega e presenta unha das súas mellores conferencias. Centrada nos séculos XVIII e XIX, a nómina de escritores sobre os que fala abrangue dende os recoñecidos (Rosalía de Castro) a outros máis esquecidos (Ramón de la Sagra). Esta disertación, que se enmarca dentro das Xornadas Patrióticas Galegas, merecería ser escoita obrigatoria para todo estudoso da nosa literatura.

Duración: 1:42:10
Sinatura: COBA- CON/35 .
Fondo: Colección Centro Galego de Bos Aires. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG