Voces centenarias

Voces centenarias

Maruxa Villanueva

Voces centenarias

O relato dun longo compromiso por Galicia

Maruxa Villanueva no Álbum de GaliciaMaruxa Villanueva desenvolve unha destacada carreira de actriz e cantante en Arxentina, onde emigra aos vinte anos. A súa intensa relación coa colectividade galega adquire un forte compromiso tanto nos aspectos sociais coma na defensa e prestixio da cultura galega, especialmente nos eidos do teatro e da música. Logo trasladaría ese compromiso na súa volta a Galicia, onde foi a coidadora da casa de Rosalía de Castro, en Padrón, desde 1971, e exercendo desde alí unha gran labor de difusión da vida e obra de Rosalía de Castro, e que deixou pegada en miles de escolares que visitaron a casa.

Os tres documentos sonoros que se ofrecen dan conta de toda esta convicción e compromiso: como cantante, como intérprete da obra de Rosalía de Castro e, finalmente, nunha longa entrevista, onde reúne os temas que resumen a súa vida (emigración, Varela Buxán, poesía, Castelao…).






Nai chorosa




A voz aquelada de Maruxa Villanueva canta o poema “Nai chorosa”, de Avelino Díaz, recollido en Debezos, primeiro poemario escrito en galego despois da Guerra Civil e publicado en Bos Aires en 1947. Neste disco de Odeón, publicado en 1944, aparece titulado como “Bágoas de nai”. Cabe destacar que a publicación do disco conta co apoio da Casa de Galicia de Bos Aires. A dor da emigración é o tema central do poema.

Duración: 02' 49''
Sinatura: ASG-OO-0041-B
Fondo: Colección Arquivo Sonoro de Galicia. CCG






Tecín soia a miña tea




O 12 de febreiro de 1985, en Vigo, Maruxa Villanueva participa no acto poético dedicado a Rosalía de Castro con motivo do centenario do seu falecemento. Presentada polo profesor Alonso Montero como a “Maestresa da Casa Museo Rosalía de Castro”, a actriz e cantante ofrécenos a sentida lectura dun texto de mocidade de Rosalía de Castro e o recitado do poema “Tecín soia a miña tea”, recollido en Follas novas.

Duración: 05'15''
Sinatura: ACRN00214_01
Fondo: Fondo RNE. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG






Entrevista a Maruxa Villanueva




Maruxa Villanueva, dende a Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón, fai un repaso pola súa longa traxectoria vital. Cunha memoria prodixiosa e coa distancia que permiten os anos, a “Musa da galeguidade” opina de antes (emigración, República…) e de agora (teatro galego, situación da muller…). A entrevista, conducida por C. Pujales o 16 de outubro de 1996, está chea de tenrura e simpatía, libre de calquera remorso.

Duración: 1h 20'06''
Sinatura: CASG-ENT-0010
Fondo: Colección Arquivo Sonoro de Galicia. CCG