Como podo asistir?

O Consello da Cultura Galega ten o pracer de te convidar ao Concerto das Letras Galegas, onde a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá un recital dedicado a María Victoria Moreno. O concerto terá lugar o vindeiro 16 de maio de 2018 ás 21:00 horas no auditorio da sede Afundación de Pontevedra.
Entrada libre e gratuíta, previa inscrición en Ataquilla.com. Para o acceso ao concerto debe amosar o código QR que recibirá por correo electrónico ao realizar a inscrición e que poderá presentar no seu dispositivo móbil, ou ben levar a entrada impresa empregando o servizo Print@Home (Imprimir na casa). As entradas poderán retirarse tamén no despacho de billetes da sede Afundación de Pontevedra con anterioridade ou o propio día do concerto

A HOMENAXEADA MARÍA VICTORIA MORENO

Estremeña de nacemento, galega de vocación e profundamente ligada a Pontevedra, María Victoria Moreno exerceu a docencia durante boa parte da súa vida. Profesora, escritora, conferenciante, ensaísta, divulgadora, libreira e editora, ela escolleu ser mestra por riba de todo e acompañar na súa andaina escolar a xeracións de pontevedreses e pontevedresas que hoxe recoñecen a fonda pegada do seu maxisterio entusiasta. Autora clave nos primeiros pasos da literatura infantil e xuvenil en lingua galega, unha lingua de acollida que axiña adoptou como propia, María Victoria Moreno asina obras relevantes que acompañaron a centos de nenas e nenos nas súas primeiras lecturas, entre as que destacan Anagnórise, iLeonardo e os fontaneiros  ou  Mar adiante.

REPERTORIO

I
ALBORADA GALEGA (Francisco María de la Iglesia)
Pascual Veiga
(Orquestración de Juan Durán)

DOLORA SINFÓNICA
Gregorio Baudot

DUNS FOLIOS QUE FORON BRANCOS (María Victoria Moreno)
Miguel Matamoro
Estrea absoluta

II
HOMENAXE Á POESÍA GALEGA. CANCIÓNS XACOBEAS (Selección)
Antón García Abril

Sobre o sol e a lúa (Ramón María del Valle Inclán)
No niño novo do vento (Álvaro Cunqueiro)
Cantiga de amigo (Sancho I)
Foliada (Ramón Cabanillas)

TRES ESTAMPAS GALEGAS (Leandro Carré Alvarellos) (Selección)
Mauricio Farto (transcrición de Julio Cabo)

Alborada (no día da festa)
Unha palillada en Camariñas
A espadela

INTÉRPRETES

ORQUESTA

Real Filharmonía de Galicia
A Real Filharmonía de Galicia (RFG) nace da man da Xunta de Galicia en 1996 cunha vocación universal, como a propia cidade onde ten a súa sede, Santiago de Compostela. O Consorcio da cidade de Santiago é o organismo encargado da súa xestión.

Esta orquestra sinfónica, que representa en si mesma o concepto de espírito aberto, conciliador e amable que encerra a música, está formada por cincuenta músicos de diferentes nacionalidades que achegaron a súa experiencia, formación, tradición musical, empeño e ilusión. Xunto a eles, mestres como Maximino Zumalave, músico comprometido coa súa cidade, como director asociado; Helmuth Rilling, o primeiro director titular da orquestra que achegou a forza e pulo necesarios para iniciar este proxecto; Antoni Ros Marbà, que consolidou a súa traxectoria durante catorce anos, e agora Pau Daniel, desde xaneiro de 2013, novo director titular, tiveron ou teñen a responsabilidade de conducir esta formación musical.

O seu traballo permitiu que especialistas de recoñecido prestixio acepten colaborar e compartir momentos de gran plenitude musical: Frank Peter Zim-mermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín); Natalia Gutman, Lluís Clatetou Enrico Dindo (violoncello); Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano), e cantantes como Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne. E, por suposto, importantes directores de renome, como Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham, Hansjörg Schellenberger, Josep Pons ou Christop König, actual director invitado, puxeron o seu batuta áfronte da orquestra.

A Real Filharmonía de Galicia mantén unha tempada estable no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela que compatibiliza con xiras e concertos nos escenarios de países como Alemaña, Austria, Francia, Brasil, Arxentinae, especialmente, Portugal, ademais das principais cidades españolas, ondesalienta a súa participación na tempada cultural de Vigo.

Co mestre Helmuth Rilling a orquestra gravou as catro primeiras Sinfoníasde Schubert, con Ros Marbà un disco dedicado a Joaquín Rodrigo e conAmancio Prada un centrado en compositores galegos. Na discografía da RFG destacan os seus traballos dedicados a Manuel de Falla e Frederic Mompou,publicados en 2009, e a Maurice Ravel, en 2012. En 2013 edita o disco Variaciones, no que a orquestra e a soprano María Bayo lle renden homenaxe a Antón García Abril. O seu último CD (2016) recolle tres obras para guitarra("Concierto de Aranjuez" de Joaquín Rodrigo, "Concierto de Benicássim" deLeo Brouwer e "Guitare" de Frank Martin), baixo a dirección de Óliver Díaz e Miguel Trápaga na guitarra.

DIRECTOR

Maximino Zumalave
Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e director asociadoda Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. Director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela. Con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens,V. Georghiu, W. Holzmair, as irmáns Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha,A. León Ara, Ch. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Jonson, G. Sandor,J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa. Dirixiu importantes formacións tanto estranxeiras como españolas, como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, Sinfónica de Praga, Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, Nacional de Lille, Sinfónica de Odense, Sinfónica de Porto, The Brabants Orchester (Eindhoven), Orkest van het Oosten (Enschede), English Baroque Soloist, Bach Collegium, Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou a Orquesta Ciudad de Granada, entre outras.
Foi invitado a participar en xurados e a presidir importantes certames e premios internacionais.
Maximino Zumalave dirixiu estreas absolutas de obras de Bernaola, Castillo, García Abril, Groba, Marco, Mestres Quadreny, Villa Rojo, coidando especialmente as primeiras audicións de novos compositores galegos como Alonso, Balboa, Buíde, Durán, Macías, Paz, Pereiro, Vázquez ou Viaño. O seu compromiso coa cultura de Galicia transcende alén da música: Torrente Ballester envíalle unha obra “lamentando que no pueda ser una sinfonía” e a poetisa Eva Veiga escribe:

...Maximino,
que coas súas mans do silencio
arrinca
a máis pura poesía,
no espacio fuxidía
no corazón eterna.
É licenciado en Ciencias Biolóxicas, especialidade de Bioloxía Mariña. En febreiro de 1995 foi elixido académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. Dende 2010, é membro do Plenario, coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega e, dende 2014, forma parte da Comisión Executiva desta institución.En xuño de 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao e no ano 2016 foi recoñecido co Premio da Cultura Galega na modalidade de Música.

SOPRANO

Anaís G. Fernández Cerneira
Anaís G. Fernández Cerneira, natural de Santiago, comezou os seus estudos musicais con oito anos na especialidade de guitarra e posteriormente con canto. Durante o grao profesional no conservatorio Profesional de Santiago, participa na estrea europea de “Coloquio” do compositor Camargo Guarnieri, así coma na asociación lírica de novos cantantes “Encantados”. Obtivo o Premio Extraordinario Final de Grao e ingresa no Conservatorio Superior de Música de Vigo coa profesora Teresa Novoa. Foi gañadora na súa modalidade no “II Festival Peregrinos Musicales”, realizando concertos na Catedral de Santiago de Compostela, no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia, acompañada da RFG dirixida polo mestre Maximino Zumalave. Foi invitada ao concurso internacional de Moscova pola asociación “V. Spivakov”. Realizou numerosos cursos de repertorio e perfeccionamento vocal, destacando algúns con figuras coma Rolando Panerai, Patrizzia Gallo, Cristina Pastorello e Santos Ariño. Dende 2015, participou en concertos coa “Orquestra Sinfónica Vigo 430” e o concerto “Vicente Filgueira Valverde”, acompañada polo mestre Maximino  Zumalave. En 2016, rematou os seus estudos superiores de canto con Matrícula de Honra, á par de conseguir mención de Honra nos premios “Mans Futuro”, o que a levou á gravación do seu primeiro disco. Finalizou e defendeu o título do Máster universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación profesional e Ensino de Linguas, da USC. Debutou en ópera no 2017 con “Amigos da ópera de Vigo” e actualmente atópase gravando o seu segundo traballo discográfico á par que da concertos por diversas cidades españolas e  internacionais.

COROS

Sólo Voces, Collegium Compostellanum E Coro de Cámara Rías Baixas
O coro que  nos acompaña para poñer voz ás nosas letras está integrado por voces dos coros Sólo VocesCollegium Compostellanum e do Coro de Cámara Rías Baixas.  Sólo Voces fundouse en Lugo no ano 1992; dende entón leva traballando en diversos ámbitos do repertorio coral, dende a música popular (rock, folk, pop...) á música culta (gregoriano, música sacra e profana de autores consagrados, obras de compositores contemporáneos...), sempre con especial atención aos autores galegos e baixo a dirección de Fernando Jácome. O coro Collegium Compostellanum foi creado en 1988 polo director asociado da Real Filharmonía de Galicia, Maximino Zumalave. Bach, Mozart, Bizet, Haendel, Brahms, Britten, Groba e Viaño están entre os autores de obras para solistas, coro e orquestra que oCollegium ten na súa executória dende hai tres décadas. Pola súa parte, o Coro de Cámara Rías Baixas presentouse en 2014 en Vigo coa finalidade de suplir a carencia de formacións corais que puidesen colaborar con orquestras, bandas e grupos de cámara no sur de Galicia. A súa pretensión inicial tamén consistiu en impulsar novos solistas e servir de ferramenta a compositores noveis e consagrados da zona das Rías Baixas. O coro xa suma máis de corenta actuacións tanto de xestión propia como programadas en diversos ciclos ou festivais nos que interpretaron diversas obras fundamentais do repertorio coral, tanto a cappella como con acompañamento instrumental. Integrantes destes tres coros procedentes de tres provincias galegas xúntanse por primeira vez no Concerto das Letras Galegas que contará coa interpretación musical da Real Filharmonía de Galicia.

Lugar

Auditorio SEDE AFUNDACIÓN de PONTEVEDRA.
RÚa Augusto GonzÁlez Besada,n.2, 36001 Pontevedra
16 de maio. 21:00 horas