Como podo asistir?

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, ten o pracer de te convidar ao Concerto das Letras Galegas no que a orquesta folk SonDeSeu e o grupo O Fiadeiro, dirixidos por Rodrigo Romaní, interpretarán un repertorio baseado na recreación da música popular e no que salienta a Suite Cotobade, creada para a ocasión como homenaxe a Antonio Fraguas, protagonista do Día das Letras Galegas 2019.
Entrada libre e gratuíta. Para asistir ao concerto é necesario retirar previamente os convites no Teatro Principal de Santiago de Compostela (dous convites máximo por persoa a partir do día 9 de maio) ou o propio día do evento no Auditorio de Galicia.
O acceso con entrada será ata dez minutos antes do inicio do concerto. Nese momento, se as entradas están esgotadas e hai butacas baleiras, estas ofreceranse a asistentes que carezan de entrada ata completar a capacidade da sala.

CONCERTO DÍA DAS LETRAS GALEGAS. 2019

REPERTORIO

I
Suite Cotobade

Rodrigo Romaní e Xaquín Xesteira sobre pezas
recolleitas no concello de Cerdedo-Cotobade
por María Vidal, Guillerme Ignacio e Xisco Feijoo
I. Xota de Caroi
II. Muiñeira
III. Ronda de Barro de Arén
IV. Pasodobre de Viascón

II
Ciclotimias
Quico Comesaña
Xota de Cortellas
Rodrigo Romaní sobre unha recolleita de Xisco Feijoo
Maneo de Malpica
Xosé Lois Romero sobre unha peza do arquivo de Cántigas da Terra
Rumbas de Monzo e Vergara
Rodrigo Romaní sobre un tema tradicional
dos Vergara de Ferrolterra e unha recolleita
de Xisco Feijoo
O Rillachavos
Xaquín Xesteira
O Mandil
Quico Comesaña
Melchor en Cumieira
Iván Costa - Rodrigo Romaní sobre unha recolleita da ACF O Fiadeiro

INTÉRPRETES

ORQUESTA

SonDeSeu

SonDeSeu foi creada en 2001 polos mestres que desempeñaban o seu labor no daquela denominado Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, unha escola pública municipal especializada na impartición de diversas disciplinas relacionadas coa musica de tradición oral, contemplada por vez primeira dende unha perspectiva unitaria. A escola denomínase a partir de 2008 Escola Municipal de Música Folk e Tradicional (E-Trad). SonDeSeu continúa ligada a ela como un programa específico de práctica escénica grupal.

O repertorio nútrese da creación dos mestres da E-Trad, Anxo Pintos, Alfonso Franco, Xosé Liz e Xaquín Xesteira, todos eles prestixiosos artistas con longa experiencia no ensino e na interpretación, tanto do repertorio do folk galego coma dos cantos e músicas da tradición máis enxebre, dirixidos por Rodrigo Romaní. Recentemente outros compositores galegos como Quico Comesaña, Xosé Lois Romero ou Pedro Lamas teñen realizado obras especificamente para a formación.

Dende a súa creación a orquestra estendeu a súa actividade concertística a toda Galicia, España, Portugal, Francia, Irlanda, Reino Unido, Finlandia e Italia. En 2008, en representación do concello de Vigo, liderou o proxecto Rede Europea de Orquestras Folk (ENFO); pola súa novidade concitou o interese europeo e foi a orixe de formacións semellantes en Finlandia, Escocia e Italia. Ten publicados cinco traballos discográficos e foi distinguida con diferentes premios e nominacións; ademais protagonizou diversos concertos especiais como Cíes Patrimonio da Humanidade e o Especial Letras Galegas da Televisión de Galicia en 2016 -ambos no auditorio Mar de Vigo-, ou o recente concerto de apertura Shine of Times no Festival Internacional Celtic Conections, no Royal Concert Hall de Glasgow.

MESTRES

Rodrigo Romaní
Dirección e seccións de arpa e contrabaixo

Alfonso Franco
Sección de violín

Anxo Pintos
Sección de zanfonas

Xaquín Xesteira
Seccións de gaita e percusión

Xosé Liz
Seccións de requinta e corda pulsada

Xisco Feijoo
Sección de canto

ARPAS - Inés Lorenzo, Olalla Vidal, Laura Barreiro, Beatriz Martínez, Nicolá Le Creurer, Leti Pais. CONTRABAIXOS - Alba Valverde, Ángela Covelo. CANTO - María José Balado, Carme López, Anaïs Barbier, Marta Collazo, Ánxela Conde, Ana María Domínguez, Alba Faro, Pilar González, Sara Malvido, Rosa Martínez, María Mercedes Pazos, María Teresa Santamaría, Itziar Solar, Raquel Valcarce. BUZUQUIS - Marta Martínez, Samuel Soto, Diego Langarica. GAITAS - Marina Fernández, José Manuel López, Jesús Muíños, Antonio Prieto, Anxo Pérez, Iván Lobato. PERCUSIÓN - Marilú Campos, Javier Figueroa, Eva González, Anxo Pardo, David Vicente. REQUINTAS - Pilar Vieira, Juan Carlos Crespo, Jaime Rebollo, Beatriz Rodríguez. VIOLÍNS - Marina Carpente, María Jorge, Nuria Méndez, María Pérez, Begoña Riobó, Felipe Rodicio, Francisco Táboas, José Ángel Varela, Rosa Míguez, Elena Fernández, Isaura Framil. ZANFONAS - Liliana Carro, Iván Costa, Sandra Fernández, Teresa Gómez, Paz Martínez, María Muras, Francisco Antonio Pereiro, José Luis Simal

AGRUPACIÓN TRADICIONAL

O Fiadeiro
A ACF O Fiadeiro é unha das agrupación máis activas de Galicia nos procesos de compilación, traballo de campo, expresión escénica e pedagoxía da música e baile da tradición oral. A súa presenza no escenario caracterízase tamén polo particular coidado no vestiario, eido ao que esta agrupación dedica moito do seu labor. Colaboradora habitual de SonDeSeu no apartado da danza, o seu traballo acadou recoñecementos en toda a xeografía galega e española e, na súa xa longa historia, conta con proxección internacional en festivais folclóricos de toda Europa

Nesta ocasión O Fiadeiro participa dobremente facendo achegas a este concerto non só no baile senón tamén no canto. Así, a súa sección de Pandeireteiros participa na interpretación da Suite Cotobade xunto co resto das seccións de SonDeSeu.

Grupo de Pandeireteiros do Fiadeiro: Diego Cabaleiro, Daniel Crespo, Edu Campos, Luis Mariño, Manuel Rodríguez, Mario Fernández, Raúl Fontelo.

Grupo de Bailadores e bailadoras: Sergio Martínez, Adrao Casal, Diego Cabaleiro, Roberto Vicente, Carlos Martínez, David Costas, Javi Pose, Hadrián Balado, Sabela Pinal, Noemi Rodríguez, Cris Nogueira, Yanira Amoedo, Tere Balado, Aurora Muíños, Blanca Álvarez, Bea Outeiro, Nati Vázquez, Carla Cecilia Riquelme, Ana Núñez, Jennifer López.

Lugar

Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.
Av. do Burgo das Nacións, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña
16 de maio. 20:30 horas