PRESENTACIÓN

Unha aposta pola música galega contemporánea

Rosario Álvarez. Presidenta do Consello da Cultura Galega.

A celebración do Día das Letras Galegas naceu en 1963 asociada coa tradición literaria, na que salientan nomes de figuras homenaxeadas que deron pulo ás nosas letras. Dende hai dez anos, o Consello da Cultura Galega vén contribuíndo a esta celebración co Concerto das Letras Galegas, unha festa de véspera na que toma protagonismo a música galega. Convencidos do valor esencial que a música ten na preservación da identidade cultural de Galicia, naquel xa afastado ano 2011, os membros do Plenario do Consello da Cultura Galega acordaron programar un concerto institucional con vocación de permanencia no tempo para contribuír a reforzar a dimensión festiva e conmemorativa do Día das Letras Galegas. Ramón Villares, daquela presidente da institución, e Maximino Zumalave, coordinador na altura da Sección de Música e Artes Escénicas e director musical de moitas das súas edicións, foron os artífices dun proxecto que cumpre agora unha década de frutífera vida.

Os repertorios desta década permitiron xuntar a tradición musical galega, tanto popular coma clásica, e ofrecéronnos obras de nova creación dedicadas aos autores e autoras homenaxeados no Día das Letras Galegas, feitas de encarga por compositores contemporáneos. Imos creando así un corpus propio no que a música galega dialoga coa contemporaneidade e acada dimensión internacional. É unha extraordinaria viaxe diatópica e diacrónica que contribúe a materializar o desexo da Xeración Nós, lembrada decote polo centenario neste 2020: converter Galicia en célula de universalidade. As músicas folk de Milladoiro ou SondeSeu; o virtuosismo da Real Filharmonía de Galicia, as voces de coros de toda Galicia ou de solistas magníficos como Carmen Durán, Anaís G. Fernández Cerneira ou Gabriel Alonso; as composicións de Roxelio Groba, Chané, Antón García Abril, Pascual Veiga, Rubén Vizcaíno, Octavio Vázquez, Miguel Matamoros ou Xavier de Paz, entre outros, e as olladas sobre a tradición galega de compositores foráneos do talle de Enrique Granados ou Joly Braga Santos permitíronnos abrirnos ao mundo. Dende aquel primeiro concerto de maio do 2011 na Igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela viaxamos a Pontevedra, Lugo, A Coruña e Ourense con homenaxes a Lois Pereiro, Valentín Paz-Andrade, Xosé María Díaz Castro, Roberto Vidal Bolaño, Filgueira Valverde, Manuel María, Carlos Casares, María Victoria Moreno e Antón Fraguas.

Este 2020, cando facemos dez anos de periplo, programouse dende a innovación musical do Taller Atlántico Contemporáneo, que tamén cumpre unha década de existencia. No programa ofrécennos un diálogo entre a música e a literatura galegas con pezas de Fernando Buide del Real, de Xan Viaño -cun aceno á cultura da comarca ferrolá - e de César Morán sobre un poema de Rosalía de Castro. Pecha o programa, como adoito, en estrea absoluta, unha nova peza, encargada a Nani García sobre un poema de Ricardo Carballo Calero, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020.

Neste ano 2020 o concerto debía chegar a Ferrol, a cidade en que veu ao mundo un día 30 de outubro de 1910, e facelo ao Teatro Jofre, tan vencellado á súa biografía real e sentimental. A crise sanitaria, agravada na comarca ferrolá nos derradeiros días de outubro, non o fixo posible. Sen alterarmos o programa, o Concerto das Letras Galegas 2020 grávase e emítese en directo desde o Auditorio de Galicia. Porque non debemos desistir de manter activa a cultura en tempos de pandemia, como Ricardo Carballo Calero e os seus compañeiros de xeración non desistiron de manter o facho aceso en circunstancias ben máis dramáticas.

Programa
Como podo asistir

Emisión en directo dende www.consellodacultura.gal e dende as redes sociais da institución.

Programa

Fernando Buide del Real
Inger mi calices
Luis Soto: solista

Xan Viaño
Músicas nocturnas

César Morán / arranx. Alfonso Morán
Ódiote (Texto de Rosalía de Castro)
Esperanza Mara: voz

Nani García
Danza (Encarga do Consello da Cultura Galega. Estrea absoluta, texto de Ricardo Carballo Calero)
Esperanza Mara: voz

Janet Novás: Dirección coreográfica, creación e interpretación

Intérpretes

Orquestra

Taller Atlántico Contemporáneo

O TAC iniciou a súa andadura en marzo de 2010 na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela coa obra de Mauricio Kagel Eine Brise, para 111 ciclistas. Quixo reivindicar dende un principio a multidisciplinariedade do grupo. En xuño do mesmo ano colocou un piano de cola no faro de Fisterra para interpretar integramente a obra de Erik Satie Vexations, 18 horas de piano ininterrompidas. Contou coa colaboración de 27 pianistas.

Paralelamente a este tipo de repertorio, abordou no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela, primeiramente, un ciclo de seis concertos de música para ensemble de compositores galegos e ao ano seguinte, 2011, un ciclo de tres concertos con repertorio internacional.

En xullo de 2011 actuou no Festival Via Stellae co grupo Siniestro Total nun concerto conxunto (LAND OF OPPORTUNITY), no que tocaron música da formación viguesa arranxada por Javier López de Guereña para o TAC.

Ao longo de 2011 e 2012 organizou na Cidade da Cultura o ciclo “Os SERÁNS do TAC”, que incluían música contemporánea, humor (Carlos Blanco, Quico Cadaval, Julián Hernández) e gastronomía (Pepe Solla, Abastos 2.0, O Eirado da Leña, Culler de Pau e Yayo Daporta).

Recibiu o Premio da Crítica de Galicia na edición de 2013 polo proxecto “Os Seráns do TAC”. Tamén nese mesmo ano, obtivo o Premio da Música na categoría de Música clásica e contemporánea nos primeiros Premios Galegos da Música.

Dende entón actuou no Auditorio Nacional de Madrid (“Ciclo Fronteras”), no Festival Internacional de Granada, no Festival de Música Relixiosa de Cuenca e nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela.

Para a produtora Arousa Norte gravou o vídeo Sinfonía para os sentidos, con música de Alfonso Morán (https://www.youtube.com/watch?v=TtQCZjky_14). Puxo a música da ópera cómica O Segredo de Susanna, organizada pola Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela. O pasado verán actuou no Festival Internacional de Santander (no Centro Botín) e na Quincena Musical de San Sebastián (no Centro Kursaal).

No Festival Internacional de Música y Danza de Granada 2021 presentará o ciclo George Crumb - García Lorca. Trátase de tres concertos en días consecutivos que inclúen toda a música do compositor americano na que utiliza textos do poeta granadino. O TAC será o primeiro ensemble, a nivel internacional, que interprete esta integral.

En 2020 o Taller Atlántico está a festexar o seu X aniversario con tres concertos organizados polo Auditorio de Galicia. O primeiro foi no parque de Vista Alegre, un dos primeiros concertos que se fixeron na cidade despois do confinamento por mor da COVID-19; o segundo foi o concerto inaugural das Xornadas de Música Contemporánea e hoxe presentamos o terceiro. Vén de recibir o Premio Martín Códax da Música Galega na categoria de Clásica e Contemporánea

O TAC é un grupo estable de formación aberta. O seu director artístico e musical é Diego García Rodríguez.
Forman parte Luis Soto, frauta*, Saúl Canosa, clarinete, Alfredo Varela, trompa, Bleuenn Le Friec, harpa, José Vicente Faus, percusión, Alejandro Sanz, percusión, Ioana Ciobotaru, viola e Álvaro Quintanilla, violoncello

Bailarina

Janet Novás

Janet Novás (O Porriño, 1982) é bailarina e creadora galega. Reside en Madrid desde o ano 2001. Formouse en danza contemporánea entre Madrid, Bruxelas e Berlín. No ano 2008 comezou a crear e a desenvolver os seus propios proxectos. A súa obra constrúese desde a observación, a experiencia e o diálogo co seu corpo como principal ferramenta, apostando por unha linguaxe propia, moldeando o contido emocional e a sinxeleza estética que caracterizan os seus traballos.

As súas creacións máis salientables, “Cara pintada”, “Who will save me today”,“Si pudiera hablar de esto no haría esto” e “Mercedes máis eu”, presentáronse en prestixiosos festivais nacionais e internacionais como Rencontres Chorégraphiques, Festival de Marseille, Festival Nouvelles-Pole Sud, Cement Festival, FIDCU (Montevideo), MOV_S, TNT Dansa, Festival de Otoño a Primavera, Escenas do Cambio e o Festival Bad, entre outros. Na súa carreira recibiu varios premios, entre os que podemos destacar o 2º premio do XXI Certamen Coreográfico de Madrid, unha bolsa para o danceWEBeurope 2008 (Viena), o Premio de Asistencia Artística ao Festival B Mótion de Bassano del Grappa (onde xorde o proxecto Vuelo 6408, en colaboración con Sharon Fridman, Natxo Montero e Pisando Ovos) e o Premio InJuve 2011 coa súa creación “Cara pintada”.

Este mesmo ano é seleccionada para participar no programa de obradoiros e residencias ChoreoRoam Europe, organizado por The Place, Festival Opera Estate, Dansateliers, Danceweek Festival e o Certamen Coreográfico de Madrid. Como coreógrafa tamén dirixiu a parte de movemento da Gala dos Premios Max 2014 e dos Premios Mestre Mateo (Galicia). Como intérprete traballou para as compañías Lisi Estarás (Les ballets C de la B), Voadora, Daniel Abreu, Pablo Esbert, PlayDramaturgia, Matarile Teatro, Provisional Danza, Pisando Ovos, Arrieritos, Megaló Teatro, Ertza, José Reches e Pedro Berdayes. Tamén colaborou na terceira edición do proyecto Bailar ¿es lo que queréis?, comisariado por Elena Córdoba, Ana Buitrago e Jaime Conde Salazar, e en El canto de los caballos, de Lipi Hernández. Actualmente, ademais de seguir desenvolvendo o seu traballo, colabora con diferentes artistas como Mercedes Peón, as deseñadoras Zap&Buj e Pablo Esbert. Janet Novás alterna o seu labor como bailarina e creadora co de profesora pois imparte clases e obradoiros en diferentes centros de España, Europa, América Latina e Asia.

DIRECTOR

Diego García Rodríguez

Diego García Rodríguez naceu en Escarabote (A Coruña). Realizou os seus estudos musicais no Conservatorio de Santiago de Compostela e no Conservatorio de Lausanne nas especialidades de piano e música de cámara.

Iniciouse na dirección de orquestra e recibiu o seu mestrado artístico de dirección de orquestra na Hochschule der Künste Zürich da man do profesor Johannes Schlaefli. Ampliou os seus estudos con Diego Masson e foi seleccionado para participar no primeiro programa de directores mozos do prestixioso ensemble London Sinfonietta.

Dirixiu Hansel und Gretel e Don Carlo no Teatro Real de Madrid, Macbeth na Opera Nacionala i Balet de Skopje, Carmen na Baltycka Opera de Gdansk, Rigoletto, Macbeth e Il Barbiere di Siviglia en Vigo, Madama Butterfly e Le nozze di Figaro no Dartington Summer Festival, Il Barbiere di Siviglia e Rigoletto en Donostia, Die Dreigroschenoper para o Centro Dramático Galego, así como as estreas mundiais de It makes no difference... de Simone Spagnolo no Tête à Tête festival de Londres, Die Träumenden Knaben de Torsten Rasch en The Two Moors Festival en Devon e O Loro de Carlos V de Nani García na Coruña.

Foi director convidado da Real Filharmonía de Galicia, Orquestra Sinfónica de Galicia, Orquesta Sinfónica de Castilla y León, Orquesta Sinfónica del Principado de Asturias, Orquesta de Extremadura, Orquesta Filarmónica de Málaga, Bohuslav Martinu Philharmonic Zlín, Orchestre des Pays de Savoie, Akademicka Orkiestra Bydgoszcz, Orquesta nova da OSG (proyecto Sonfuturo), Dartington Festival Orchestra, OrchestrBerg de Praga e do ensemble instrumental suizo Kypris.

Foi director asistente dos mestres Nicola Luisotti, Paul Daniel, Josep Pons e Nicolas Chalvin no Teatro Real de Madrid, Gran Teatre del Liceu de Barcelona, Festival Castell de Peralada, Ópera de Lausanne, Théâtre de Caen e Angers-Nantes Opera. Diego é membro fundador e director artístico do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), ensemble galego co que desenvolve unha intensa actividade a prol da difusión da música contemporánea e da súa relación con outras disciplinas artísticas. Co Taller Atlántico Contemporáneo preséntase no Auditorio Nacional de Madrid, Semana de Música Religiosa de Cuenca, Festival Internacional de Música y Danza de Granada, Festival Internacional de Santander e na Quincena Musical de San Sebastián.

Soprano

Esperanza Mara

Esperanza Mara nace en Noia en 1989. Iníciase na música tradicional da man de dúas das compoñentes de Leilía, Felisa Segade, con quen aprende pandeireta e canto tradicional, e Monserrat Rivera, que lle ensina baile galego. Á idade de oito anos comeza os estudos de música clásica da man do seu primeiro profesor, o director da Coral Polifónica de Noia, Manuel González García. Dende esta idade formou parte desta Coral e permaneceu nela dez años, ás veces con interrupcións.

Aos quince anos de idade ingresa no Orfeón Terra A Nosa e toma clases do seu director, Miro Moreira, persoa importante na súa formación vocal.

Pertenceu á Compañía Lírica de Galicia, ao Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, onde recibiu clases de Carolina Pérez e Manuela Soto, e ao Coro da Orquestra Sinfónica de Estremadura, onde obtivo clases con Jordi Ricard e Miguel Bernal.

Finalizou o Grao Profesional de Canto baixo a tutela de Tatiana Sajarova, no Conservatorio Profesional de Música de Vigo, e é licenciada en Interpretación na variante de Canto polo Conservatorio Superior de Vigo baixo a tutela de Teresa Novoa. Asistiu a cursos e masterclass impartidos por Teresa Berganza, Kevin Smith, Alejo Amoedo, Raquel Andueza, Narcisa Toldrá, Markus Wölfel, Ana Luisa Chova, Borja Quiza, Eduardo López Banzo, Carlos Mena, Marco Beasley, María Bayo, Alberto Zedda, Roberta Mamelli etc. e de idiomas aplicadas ao canto na Escola de Música da Universidade de Cataluña (ESMUC), fonética no Conservatorio Profesional de Música de Vigo (CPMV) e un longo etcétera.

Como soprano quedou finalista nos concursos de Canto do Círculo Bach en Madrid e do Festival de Música Antiga de Xixón. Acadou a Mención Honrosa dos Premios David Rusell. Gravou as Vísperas de Rebelo coa Capella Joanina e Flores de Música e o disco Sefardica con Emilio Villalba e Sara Marina. Estreou obras do compositor Carlos Seráns para clarinete, piano e voz e realizou o acto oficial da Xunta das Letras Galegas coas citadas composicións inspiradas nos poemas de Manuel María. Tamén estreou máis obras deste compositor en Lugo e no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Actuou nas mellores salas de concertos da nosa comunidade e dos países veciños: Auditorio de Galicia, Teatro García Barbón, Teatro Principal de Pontevedra, Sala Eutherpe, Casa da Música de Porto, CCB de Lisboa, Fundación Gulbenkien en Lisboa, Ópera de Lyon e en diversos festivais de prestixio internacional, como o de Bremen, Gemunden, San Roque (Lisboa) etc. Forma o “Dúo Mara” coa pianista Paula Gago, con quen realizou concertos por toda a xeografía nacional e países veciños.

Tamén é instrumentista na especialidade de violonchelo. Comezou o estudo deste instrumento no Conservatorio Paz Carbajal de Noia da man de Vêra Kolar, para continuar con Dalibor Sebestik e Xusa Hervás. Participou en encontros orquestrais e deu concertos en distintas formacións como trío, cuarteto ou solista na Galería Sargadelos en Santiago, así como en diferentes auditorios de Galicia etc.

Asistiu a cursos de perfeccionamento con diferentes profesores: Henrie Adams, David Rodríguez, Thomas Piel, Iacoba Fanlo, Itxiar Atuxa, Tomas Balazs... Formou parte da Banda da Federación Galega de Bandas.

Na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo de Porto-Portugal (ESMAE) cursou o grao superior na especialidade de Violonchelo Barroco, sendo o seu profesor Marco Ceccato. Gozou dunha bolsa Erasmus no curso 2013/2014 e estudou coa violonchelista Claire Giardelli, profesora no Conservatorio Nacional Superior de Música e Danza de Lyon (Francia).

Como violonchelista gañou, xunto con varias compañeiras da ESMAE, o 1º premio do Concurso de Música Antiga de Oeiras. Gañou tamén o premio ao talento musical na Barock Akademie de Austria. Formou parte da orquestra Concerto Ibérico desde a súa creación en 2012, coa que realizou concertos por toda a xeografía portuguesa.

Finalizou o Mestrado en Música Antiga na variante de canto na ESMAE e obtivo a Bolsa de Estudos Artísticos da Deputación da Coruña para a realización deste. En breve finalizará o Mestrado en Investigación Musical na Universidade Internacional de Valencia.

NOtas ao programa

Inger mi calices

Fernando Buide del Real

A obra debe o seu título a un poema do escritor romano Catulo. Tomada do seu poema XXVII, o texto é un canto ao viño e unha exaltación desbordada do gozo vital. Inger mi calices está concibida como unha sorte de peza concertante para frauta solista e pequeno grupo instrumental. Escrita nun único movemento, os instrumentos enlazan e comentan as diferentes intervencións da frauta, que teñen un carácter moi fluído e improvisado. O grupo instrumental artéllase arredor dun chelo e unha viola, un clarinete e un piano e un vibráfono. A calidade resoante do piano e vibráfono serve para conectar os diferentes instrumentos que conforman a agrupación. Contrapoñéndose ao rexistro agudo propio da frauta, o resto de instrumentos exploran as rexións graves do conxunto. Inger mi calices describe de comezo a fin unha atmosfera onírica e tranquila, que, non obstante, se ve sacudida por pasaxes de maior axitación e turbulencia. Concíbese como unha peza cíclica, xa que os elementos que se expoñen ao comezo se van transformando e reciclando, para volver a mostrarse na súa forma orixinal cara ao final da composición. A obra está dedicada ao frautista Luis Soto, que foi o solista da estrea.

Nicasio Gradaílle
Diego García Rodríguez

Músicas nocturnas

Xan Viaño

Músicas nocturnas (1985) é unha composición en dous movementos. O primeiro deles, “Presentación: oberturas”, combina pasaxes solistas con bloques de conxunto.

No segundo, "Y, entre los estruendos del silencio, nos iba devorando la noche...", realiza un exercicio de meditación sonora, por medio de sons de longuísima duración e en constante cambio tímbrico que é interrompido por un movemento cíclico de marcado carácter rítmico, para finalmente volver ao ambiente meditativo.

Nicasio Gradaílle
Diego García Rodríguez

Ódiote

César Morán

É unha canción composta por César Morán sobre un texto de Rosalía de Castro, editada en 1998 no disco Río de son e vento, un proxecto para o que o autor musicou textos de quince dos poetas antologados no seu libro homónimo Río de son e vento. Unha antoloxía da poesía galega. Os arranxos musicais foron de Alfonso Morán, quen reorquestrou a partitura en 2020 co obxecto de a adaptar á paleta instrumental das Folk Songs de Luciano Berio para a súa interpretación polo Taller Atlántico Contemporáneo.

O texto rosaliano é a terceira parte do poema “En Cornes”, pertencente a “Da Terra”, libro IV de Follas novas (1880). A música da peza expresa en modo menor o sentimento conflitivo e paradoxal que a poeta transmite, abalando entre o amor e o odio como extremos que se relacionan até se identificaren nunha experiencia vital inmersa na natureza máis próxima. A dor que provoca o recordo da terra e os elementos naturais máis inmediatos adquiren no poema un valor subxectivo e universal.

"Danza"

Nani García

Interpretar un poema non é unha tarefa sinxela. Se o poeta é hermético, reflexivo e intimamente preciso, máis aínda. E se o autor resulta ser Ricardo Carballo Calero, a complicación tórnase case que insalvable. Logo de percorrer un longo camiño de consultas e lecturas de escolmas e poemarios do nosa figura homenaxeada, tiven a fortuna de ir dar con “Danza”, incluído na publicación de 1950 Anjo de terra, poema que por outra banda podería pasar inadvertido pola súa brevidade e concisión. Cinco estrofas e un relato helicoidal con dous protagonistas entrelazados; un gabeando sobre o outro como versos de hedra inqueda sobre o pétreo titor. Non sei dicir. Entendín, dende o primeiro momento, que ese debería ser o poema, a mecha que prender, o fío do que tirar. Tamén crin ver nel o que o poeta afirmaba sobre a beleza e a verdade; esas dúas formas de darlle pulo á súa escrita como artista e intelectual. Pero sobre todo albisquei un fío de luz que deu tino á miña inspiración. O primeiro foi convir que “Danza” tiña que ser unha danza, porque iso é o que fai a bolboreta. Bailar “en rolda de anjo” sobre a impávida escultura. Polo tanto, todo ía tendo máis sentido: a peza tiña que ser coreografada. Ou polo menos susceptible diso mesmo. Interpretar un poema, tamén é algo moi persoal. E vou con iso: roldaba o mes de marzo de 2020 cando deu comezo a miña andaina: ler, escribir, apuntar, desbotar, interpretar e transcribir en música algo que me andaba na cabeza. Aí estaba o noso confinamento por mor da pandemia; a natureza danzaba arredor de nós, a cultura feita cabalo de mármore a través dos séculos insensible ao rastro cultivado. A partir de aí, recoñezo que me sentín reconfortado como aquel que enxerga un certo sinal do alén. O tema interesábame fondamente. A revelación deulle sentido e aggiornamento á tarefa que tiña por diante. E teño que recoñecer e asegurar que, fóra do meu labor no eido da creación, son un ente extremadamente racional. Pero habelas hainas. Por iso debe ser que eu tamén gusto moito de Salgari. Teño que engadir, por último, algún que outro anecdotario a estas notas: primeiro quero darlles as grazas a todos os que pensaron en min para levalo ao cabo e que mesmo me botaron unha man: o Consello da Cultura Galega, o Taller Atlántico Contemporáneo, Dolores Vilavedra, Diego García Rodríguez, Luís Soto, Pilar Pallarés e Chisco Fernández Naval. Tamén lle quero agradecer a Ricardo Carballo Calero a súa inspiradora presenza na figura dos seus achegados e anotar que esta obra é o resultado dun encargo, feita a medida en case todas as súas dimensións; o orgánico preciso para un programa fantástico e previamente deseñado polos seus responsables, e a forma de achegamento a través da súa poesía á figura do autor merecidamente homenaxeado. Encargo que tiven a ben aceptar e do cal estou enormemente orgulloso. Simplemente espero que vos guste.

Nani García Silva

OS COMPOSITORES

Fernando Buide del Real

A música de Fernando Buide foi programada por formacións como a Orquestra Sinfónica de Pittsburgh, Filharmónica de Minnesota, Filharmónica de Yale ou algunhas das principais orquestras sinfónicas españolas. Recibiu encargas da Orquestra Nacional de España, a Jonde, a Sinfónica de Galicia ou a Real Filharmonía de Galicia. Recentemente foi colaborador artístico da Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias.

En Galicia traballou con formacións como o TAC, ensemble s21, Zoar ensemble, o ensemble Música Práctica, o Grupo Instrumental SXX ou a banda municipal de Santiago de Compostela.

Doutor pola Universidade de Yale, Buide estudou tamén na Universidade Carnegie Mellon de Pittsburgh e nos conservatorios de Oviedo e Santiago de Compostela, onde se formou como compositor, organista e pianista. Entre os seus mestres destacaron Leonardo Balada, Martin Bresnick ou Aaron Kernis. Foi compositor en residencia da Real Academia de España en Roma. Entre outros galardóns foi vencedor da VII edición do premios AEOS-BBVA, o premio Michael Friedmann de investigación da Universidade de Yale, a bolsa Leonardo da Fundación BBVA ou a bolsa da Fundación Barrié de la Maza.

O pasado ano estreou a súa primeira ópera, A amnesia de Clío, sobre un libreto do dramaturgo ourensán Fernando Epelde. Interpretada pola Real Filharmonía de Galicia, con dirección musical de Paul Daniel, a dirección escénica correu a cargo de Marta Pazos e a compañía Voadora.

Entre os seus próximos proxectos figuran concertos coa Orquestra de RTVE, dirixida por Pablo González, e unha estrea coa Sinfónica de Suzhou en China como gañador do concurso internacional de composición ¡Sing!

Xan Viaño

Xan Viaño (1960-1991) naceu en Ferrol e formouse nos conservatorios da Coruña e Santiago de Compostela.

Destacan na súa formación como compositor a asistencia ao II curso de Música Electrónica do Conservatorio de Cuenca con Horacio Vaggione, ao curso de Composición de Vilafranca do Bierzo, I Campus Internacional de Composición impartido por Cristóbal Halffter, Tomás Marco e Carmelo Bernaola e ao curso de música electroacústica impartido por Daniel Teruggi en Viana do Castelo (Portugal). Foron fundamentais no seu proceso compositivo o encontro en Granada con Franco Donatoni e Josep Soler, así como a súa relación con outros destacados compositores como Luis de Pablo, Tomás Marco, Jorge Peixinho, Álvaro Salazar e os directores de orquestra José Luis Temes e Maximino Zumalave. No verán de 1998 participou no curso de composición impartido por Franz Hummel no Internationales Jugendfetspieltreffen en Bayreuth (Alemaña).

César Morán

César Morán músico e filólogo. Como profesor de Lingua e Literatura Galega exerceu a docencia no ensino secundario e universitario até o ano 2019, e publicou obra creativa e estudos de lingua e de crítica literaria. Na Universidade de Santiago de Compostela, coñeceu directamente a palabra do profesor Carballo Calero, a quen este ano se dedicou o Día das Letras Galegas. Alén de colaboracións con artistas diversos, a súa música viu a luz nos discos Río de son e vento (1998) e Haberá primavera (2011), este último centrado monograficamente na poesía de Álvaro Cunqueiro. Participou con Manuel Rivas en múltiples recitais e nos libros-CD O pobo da noite (1996) e A desaparición da neve (2009). Paralelamente aos seus inicios como cantautor, formou cos seus irmáns Pablo e Humberto o grupo de rock Agra (1976-1979), colaborou co grupo de teatro Troula (1978-79) e máis tarde co Centro Dramático Galego (2003 e 2004). Na actualidade continúa a musicar e interpretar poemas de autores contemporáneos e da súa propia autoría, sempre na procura de novas formas na interacción entre música e poesía.

Nani García Silva

Nani García (A Coruña 1955) é compositor, músico e produtor musical. Inicia a súa formación musical no eido do jazz en Suecia entre os anos 1976 e 1980, ao tempo que cursa estudos de lingüística nas universidades de Upsala e Estocolmo. Ao seu retorno a Galicia forma parte dos diversos grupos de jazz da época. Fundador do grupo Clunia a principios dos anos 80, a súa carreira comezou como pianista de jazz, actividade que mantén alternando coa súa faceta de compositor. Solista, produtor musical, adaptador e compositor, conta cunha longa experiencia nos diversos formatos do medio audiovisual (anuncios, teleseries, videoexposicións). Autor de bandas sonoras para longametraxes de animación e ficción, obras de teatro, curtametraxes, programas de TV, conta con máis de 100 publicacións entre obras de jazz, producións audiovisuais e producións para outros artistas. A partir de 2009 e a súa incursión no mundo orquestral a través da partitura de De Profundis, o seu labor como compositor diversifícase para empezar a compoñer obras de concerto, publicar álbums de jazz co seu trío e mesmo continuar traballando no eido audiovisual así como no terreo da produción para outros artistas. Este é unha listaxe das súas obras máis destacadas nos últimos anos:

A Berenguela. Opereta para voz narrada e cuarteto de clarinetes (estreada en 2009) The wind factor. Concerto para clarinete baixo e orquestra de vento (estreada en 2010) Salgueiro que contempla unha ventá que contempla un salgueiro. Reflexións musicais para orquestra (2011)

Engurras, longametraxe de animación 2D (BSO 2011, gañadora de dous Goyas) Audiovisualism. Suite para Jazz Ensemble (compositor, estreada en 2012)

O Xigante, curtametraxe de animación 3D (BSO, 2013)

Torre de Breoghán, compón e orquestra a música do espectáculo Torre de Breoghán de Luar na Lubre, grupo do que é colaborador habitual (2014)

A Palabra Xusta, longametraxe documental (BSO, 2016)

For whom the idiophones toll? Overtura para banda sinfónica (compositor 2016)

The Neverending Wall, curtametraxe de animación (BSO, 2017)

Una Mujer Fantástica, longametraxe de ficción (BSO, música adicional 2017, gañadora do Óscar ao mellor filme en lingua foránea)

O soño de papá, longametraxe documental (BSO, 2018)

Versus, para 24 instrumentos de vento (compositor, estreada en novembro de 2018) Homomaquia, curtametraxe de animación (BSO, 2019)

Baritonismo. Para saxo barítono (gravada e publicada en 2019)

O Loro de Carlos V. Ópera buffa (compositor e libretista, estrea decembro de 2019)

Danza, para ensemble contemporáneo sobre un poema de Ricardo Carballo Calero co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2020

Lugar

santiago de compostela

Venres, 30 de outubro de 2020 ás 19:30 horas
Auditorio de Galicia