PRESENTACIÓN

Rosario Álvarez. Presidenta do Consello da Cultura Galega.

O Consello da Cultura Galega convócavos un ano máis a unha noite de festa, con literatura e música de mans dadas, na véspera do Día das Letras Galegas, o día grande da cultura de Galicia. Con esta van xa once edicións desde que nos botamos ao camiño en 2011 –era o ano de Lois Pereiro–, en San Domingos de Bonaval, ao pé do Panteón de Galicia, con vontade de andar o país todo, acompañando a personalidade homenaxeada, aquí e acolá, por un dos lugares que marcaran a súa biografía.

Xela Arias tráenos a Vigo nas vésperas do Día das Letras Galegas 2021. Esta é a cidade que acolleu a nena feliz de Ortoá, aquela en que medrou en todos os sentidos, se fixo unha referente na cultura galega e gañou en diversas frontes recoñecementos que a fan merecente de que Galicia enteira a homenaxee no seu día grande. Un espazo urbano alargado nos barrios e na vizosa periferia, que lle confiren a esta cidade ese carácter dinámico e industrioso –xa o di o dito popular: “Mentres Vigo traballa...”– e a converteron no referente galego do orgullo proletario e das reivindicacións obreiras. O Vigo da movida, que explotou como movemento cultural irreverente e transformador nos anos en que a inqueda Xela era unha adolescente que camiñaba afouta cara á idade adulta. A cidade de Vigo, deitada fronte ao mar, sempre interpelada pola presenza da auga e o movemento continuo das súas ondas.

Este é un concerto para Xela, amante da música e de borrar barreiras. Tivemos moi en conta o que a ela lle gustaría, que con certeza non se apartará do bo gusto dos mellores públicos actuais. Música, literatura e imaxe. Creación contemporánea para calquera idade ofrecida por artistas novos e innovadores, porque Galicia ten a mellor mocidade que unha sociedade poida desexar e nós, Consello da Cultura Galega, coma Xela, confiamos no seu potencial creador. Unha mocidade que, a pesar de ser castigada polas sucesivas crises, mantivo na pandemia un comportamento cívico exemplar e, no canto de renderse, activou da rede social e multiplicou o seu pulo creativo. Digámolo con voz clara unha vez máis: as mozas e mozos chamados a transformar a cultura galega consonte os tempos son, gozosamente, o noso presente, non só o noso futuro. Por iso estamos a celebrar o ano de Xela Arias con eles, e encargamos o programa do concerto e a súa execución a Laura LaMontagne & PicoAmperio, que co seu equipo de colaboradores son quen de sorprendernos na modernidade e de facernos albiscar un futuro anovador, sen avalar por iso as áncoras ben botadas no contínuum da nosa rica tradición.

Convidámosvos a desfrutar connosco a creación orixinal de Laura LaMontagne & PicoAmperio, unha composición audiovisual a partir de textos de Xela Arias. Que teñades unha feliz noite de festa.

Asistencia e programa

Como podo asistir

Este ano, debido ás limitacións sanitarias provocadas pola pandemia, existen dúas modalidades de asistencia ao Concerto das Letras Galegas organizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración co Concello de Vigo.

Concerto presencial no Auditorio Mar de Vigo:
O acceso ás entradas é libre e gratuíto a través da plataforma de distribución www.teuticket.com Nela requiriranse os datos das persoas interesadas en asistir (nome completo e contacto). As entradas non están numeradas. Existe un servizo de cancelación a través do correo electrónico (info@teuticket.com). Pregamos que, se alguén non vai empregar as entradas xa reservadas, cancele a súa reserva neste correo electrónico para facilitar o acceso ao concerto do maior número de persoas posible. No día do concerto o despacho de billetes abrirase dúas horas antes do inicio do espectáculo. Toda persoa que acceda ao concerto deberá estar debidamente acreditada e dispoñer da súa entrada.

Concerto virtual:
O concerto emitirase en directo en streaming dende o sitio web do Consello da Cultura Galega (consellodacultura.gal) e da súa canle de youtube, así como pola web da CRTVG. O día 17 de maio de 2021, o concerto emitirase na G2 no marco da programación especial do Día das Letras Galegas.

Consegue de balde a túa entrada en

teuticket.com

ou no despacho de billetes do
Auditorio Mar de Vigo dúas horas antes do inicio do espectáculo

Programa

ONDAS NO MAR DE VIGO
Ondas do Mar de Vigo

Eu Vexo
Avelaneiras Frolidash
Atalaia
Banharemonos nas Ondas
Porque no Mundo Mengou a Verdade
Senhora do Almortào
Pola Costa Vella

XELA
Elevación
Establecemento
Consecuencias

COMPOSICIÓN E INTERPRETACIÓN

Laura LaMontagne & PicoAmperio

Laura LaMontagne comeza o seu proxecto con PicoAmperio (DJ e produtor) en xullo de 2019 entre Santiago de Compostela e Lugo. Viñan de experiencias moi dispares. Pedro (Teo, 1995) participou do colectivo Hip Hop Ateneu e dos grupos Pura Mestura e Furnier. Laura (Lugo, 1993) experimentou nos recitais de poesía de Compostela, en concertos en solitario e noutros proxectos previos dos que formou parte. Melodías suaves, bucles vocais, percusións marcadas e atmosferas rascadas son elementos esenciais da súa particular expresión artística. Na súa proposta mesturan música medieval galaico-portuguesa, ambiente hip-hop e poesía, poñendo especial atención nas obras de Martín Codax, Airas Nunes, Rosalía de Castro e Luz Fandiño. Unha listaxe á que agora se suma a poeta Xela Arias, a quen está dedicado este Día das Letras Galegas.

O espectáculo, concibido como un todo de palabra, son e luz, ten a Laura LaMontagne na dirección artística e a PicoAmperio na dirección técnica, e conta, ademais, con Raúl Silva na iluminación, Luis Casanova no son, María Cuntín no vestiario e Moisés Freire en maquillaxe e peiteado.

Finalmente, o autor da videocreación é Borja Bernárdez (Vigo, 1982), un artista visual que investiga a relación entre os humanos e a tecnoloxía que os rodea nos seus traballos, a maioría a través de fotografías dixitais e vídeo. Colaborou durante sete anos co grupo de rock progresivo Cró!, deseñando e lanzando a parte visual nas súas actuacións. https://borjabernardez.com/

AUTOPOÉTICA

Por Laura LaMontagne

Faloume Mai Ínsua de Xela Arias, presentouma. Antes desta parada tola, deste stop sen precedentes chamado 2020, desta cara escura das cousas agora visible, convidoume Mai a traballar sobre un texto de Xela.

O proceso preséntase ante min coma unha busca case olfactiva: vai á biblioteca, saca libro, le, subliña, cantaruxa notas de voz, notas do keep, sesión ableton, inventa algún son, samplers, loops e knobs. Algo! Funciona? Máis delay! Proba, pensa, erra, anota, chora. Foi incalculable todo o que aprendín montando aquela pequena sesión coa que tirei ese día.

Era verán de 2019, no parque do Castro, en Vigo, cando A Sega nos xuntou para celebrar o Día das Galegas nas Letras. Alí estaba eu rodeada de pura redención cara aos textos da poeta. O sol era tremendo, as cancións eran remedios, e os inventos que inventamos puto perfectos.

Houbo improvisación, houbo músicas, poetas, canallas, cantigas, romances, pandeireteiras. Houbo ensalada, petiscos, sobremesa e café. Houbo reencontro con amizades e houbo familia. Así foi o meu primeiro abrazo a ese exquisito traballo e ao ronsel que vén deixando.

Dous anos quixo o tempo que agardase ata atoparme de novo coa poeta dos pronomes, coa poeta de "sen-comas-case". Xela é, para min, unha poeta que vexo nos debuxos de Mariña (@queixumes). Ela resume todo e cóntacho todo a través dos detalles. Case nunca o todo, case sempre o fragmento. Pura indución.

O círculo péchase (ou vólvese abrir) este 16 de maio de novo en Vigo, talvez tiña que ser así.

Para nós a contorna desta cidade é parte do proxecto no que estamos a medrar, xa que as “Ondas do mar de Vigo”, de Martín Códax, son dos primeiros versos cos que nos lanzamos nesta travesía da experimentación.

A tradición galego-portuguesa das cantigas, de Airas Nunes ou Afonso X, é un campo musical que adaptamos á sensibilidade do presente nunha proposta que mestura voz, samplers, bases, scratch e loops en directo.

Ao abordar a obra completa de Xela Arias desta vez, atópome con máis responsabilidade. Con responsabilidade, nunha etapa de total desintegración do suxeito (pola miña parte) na que a súa poesía chega cargada de significados que se tornan persoais. Todas esas fórmulas desestabilizadoras que utiliza estanme chamando e tiran por min a mundos tan diferentes (pode que non tanto) como os de SoKo ou Ic3peak.

En canto á forma, fíxome madurar. Esa manía de ″confundir″ (todo iso das comas, encabalgamentos, pronomes, xénero gramatical desconcertante) creo que, no fondo, é a manía nosa de non entender: querémolo todo claro e ben ordenado, cando nada é claro e nada está ordenado. E resulta que o que está ordenado e é claro oculta verdades sinistras, historias de ″sangue e de leitos″. Creo que isto quería expresar con esa idea de: "Xunguir fíos nebulosas foi dicir / denuncia-lo equilibrio das estancias".

Tarefa difícil porque ponte ti a xunguir nebulosas… pero, claro, todo chega e as historias ocultas, algunhas, acaban denunciando o equilibrio… Como o fan todas as mulleres que nalgún momento alzan a voz baixo as súas propias condicións.

As súas frases resoan na miña cabeza. Frases soltas. Son como ecos e ocos. Por iso isto é un collage . Non quería eu quedar sen nada.

Xela escribiu o que para min son verdades absolutas, que como un mantra se adhiren ao pensamento. É que claro… "un mundo co que vou sempre en guerra e para sempre". Como non pensar: “isto é para min?”

Como non alucinar con "non me conteño e abato os cormoráns contra as rochas [...] Pois se non me conteño era sobredose de inferno de contidos″? É unha mágoa ter que compoñer, ter que escoller e clasificar, e non facer simplemente unha jam session con todo a canón. Sería moito máis veraz.

Secretamente, este foi o proceso que Pedro e mais eu seguimos: acendemos o sintetizador cunha nota pedal e, co libro na man, mergullámonos nos textos e na súa musicalidade. Despois dese proceso refrescante, chega o momento da escolla.

Comezamos cuns versos que sitúan a voz poética nun lugar presente dende o que axexa o desastre de realidade, dende o que explica a súa visión case impotente do que é o mundo: "o planeta dando voltas sobre si e arredor / e vinnos a todos nós e a equipaxe derrotada". Sitúase, a pesar desa posición impotente, nun lugar dende o que ve esa realidade e a xulga case absurda: "e sei falar os obxectos as cousas mudas / e son feliz de contar coas mans e o tempo / todo antes que todo remate por que eu tamén / quixen destruír". O que provoca como consecuencia unha perda de fe na propia identidade: "soñando que eras outra... / outra lonxe aparte / das caras / dos ollos brazos que aquí / me van rozando [...]".

Unha vez presentada a voz poética, concluímos que, inda que esa perspectiva de visionaria da conciencia é dende onde fala, a realidade tanxible é novamente absurda e decide evadirse "exiliada cara outra parte".

Pretendendo non seguir un curso cronolóxico na nosa intervención, na composición que pechará o bloque de Xela Arias no Concerto das Letras, o poema “Acompáñame” (de Tigres coma Cabalos) mestúrase cun poema de Denuncia do equilibrio que comeza coas liñas "-Un término absoluto- / un non existir que é ser pleno", do que precisamente escollín o que segue por esa reiterada pregunta do onde?: "¿onde senón, morte, acada-lo estadio lúcido da disolución? / ¿onde vingarme así de min / que tantas feridas xa adoptei?″, á que o poema “En que lugar” (poesía dispersa) dá resposta: "onde / neve nosa fundida caia″. Esa neve fundida quizais sexa a consecuencia directa de partir "este meu eu en longo berro".

Lugar

Pazo de Congresos Auditorio Mar de Vigo

16 de maio de 2021, 20:00 horas
Pazo de Congresos Auditorio Mar de Vigo
Av. da Beiramar, 59, 36202 Vigo, Pontevedra