Como podo asistir
A entrada ao concerto é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.
As entradas poderán retirarse no despacho de billetes do Teatro Lauro Olmo o propio día do concerto a partir das 19:00 horas.
Poden reservarse as entradas no teléfono 988 320 053
Programa
Zarabanda. (Madrid, 1927)
Frauta, clarinete e fagot*
Adolfo Salazar (1890-1958)
Seis pezas pra canto e piano* (Madrid, 1930)
Jesús Bal y Gay (1905-1993)
Sobre textos de Amado Carballo
I. Égloga
II. Spleen
III. Noite
IV. O que morreu no mar
V. Epifanía
VI. Afogado
Muiñeira das vellas* (Barcelona, 1938)
Rodolfo Halffter (1900-1987)
Divertimento para cuarteto de madeiras (México, 1945)
Jesús Bal y Gay
I. Allegro Moderato
II. Poco Adagio
III. Andantino
IV. Allegro Vivo
Aureana do Sil* op. 42 (Barcelona, 1951)
Frederic Mompou (1893-1987)
Texto de Ramón Cabanillas
Suite Don Quijote* (México, 1957)
Jesús Bal y Gay
I. Introducción
II. Cide hamete
III. Seguidillas
IV. Asoma la luna
V. Amanecer
Cantiga da vendima* (Madrid, 1958)
Gerardo Gombau (1906-1971)
Texto de Florencio Delgado Gurriarán
Epinicio para frauta soa op. 42 (México, 1979)
Rodolfo Halffter
Diásporas, para voz e quinteto (Ribadeo/Madrid, 2022)
Carme Rodríguez (1996)
Obra orixinal composta
por encarga do Consello da Cultura Galega
sobre textos de Florencio Delgado Gurriarán.
*Adaptación de Álex Salgueiro.
Artistas
Intérpretes
ZOAR
Zoar é un conxunto de cámara creado en 2009 que medrou á procura dun estilo propio definido pola orixinalidade dos seus proxectos, un firme compromiso coa nova creación, a colaboración con outros artistas e a realización de proxectos pedagóxicos de calidade, con vontade de achegar a súa actividade a todos os públicos. Entre as colaboracións con outros artistas, cómpre destacar proxectos con Monicreques de Kukas, co escritor Manuel Rivas ou co beatboxer Carlos Vidal (Lytos) no proxecto Windbox.
O interese polo repertorio descoñecido, a recuperación do patrimonio musical esquecido e o compromiso coa nova creación levaron ao conxunto a explorar máis aló do repertorio tradicional da música para conxuntos de ventos e a incorporar obras de compositores esquecidos, estreas de obras xa escritas pero nunca interpretadas ou gravadas, como Alevi dedeler raki masasinda, do compositor e pianista turco Fazil Say, ou The Elephant and the Clown e La Fleur de Cayenne, do recoñecido clarinetista Paquito d’Rivera. Ademais estrearon pezas de compositores como Gabriel Bussi, Juan Durán, José Luis Turina, Patrick van Deurzen, así como encargas propias a Xabier Mariño, Óscar Álvarez, Federico Mosquera, Fernando Buide ou Óscar Navarro.
Actuaron nos principais escenarios galegos (Teatro Colón, Teatro Rosalía, Centro Ágora ou Palacio da Ópera na Coruña, Teatro Jofre de Ferrol, Círculo das Artes de Lugo, Liceo de Ourense, CGAC e Cidade da Cultura en Santiago de Compostela) e participaron en acontecementos culturais de importancia como a entrega dos Premios da Cultura Galega, en sucesivas edicións das Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela, no LVI Festival da Ópera da Coruña, no ciclo Enclave de Cámara de Ourense, no Ciclo de Outono do Museo de Belas Artes da Coruña, no Ciclo de Concertos Benéficos da Real Academia Galega de Belas Artes e nas tempadas das sociedades filharmónicas de Lugo, A Coruña e Vigo. Fóra de Galicia fixeron recitais no País Vasco, Cataluña e Portugal.
No ano 2016 presentaron o seu primeiro CD, No vento, con música de Juan Durán, publicado por Ouvirmos, e en 2017, unha dobre publicación de CD e partituras, coa integral da obra para quinteto de vento do compositor brigantino Carlos López García-Picos.
Compositora e orquestradora
CARME RODRÍGUEZ
Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996) é compositora, orquestradora, arranxista e multiinstrumentista. Comeza en 2014 o Grao en Composición de Músicas Contemporáneas na Escola TAI de Artes e Espectáculos de Madrid e gradúase con matrículas de honra en 2018. No ano 2019 ofrece unha masterclass sobre bandas sonoras no Máster de Composición Musical Cinematográfica na Universidad Alfonso X el Sabio.
É compositora habitual de bandas sonoras para curtametraxes e outros proxectos audiovisuais dende 2013, entre eles: A rabia (Alberto Díaz, 2021), Quitameriendas (2021, Sergio Stendhal) ou Una historia azul (Mónica Lilac, 2020). Como orquestradora e arranxista, pódesnse destacar os traballos para RTVE e os proxectos nos equipos doutros compositores.
Como compositora, en 2021 realiza un encargo para o Proxecto2020(21) da Orquestra Sinfónica de Galicia, que se estrea, baixo a dirección de Nacho de Paz, no Festival RESIS da Coruña. As súas obras e orquestracións foron interpretadas, ademais, pola Orquesta Sinfónica de Castilla y León, conxuntos como Mbira-Duo e Grupo Instrumental Siglo XX ou intérpretes solistas como Isabel Dobarro e Francisco Gil. Acumula varios premios e recoñecementos, entre os que destacan: «63 variations on the body» (2015), «Abanico de Vías» do Teatro de la Estación (2016), «X Concurso Galego de Composición para Banda de Música» (2017), Convocatoria «Construíndo Sons» (2019), II Concurso Internacional de Composición «María de Pablos» (2019), Concurso CreaClásica (2019) ou III Concurso Internacional de Composición «María de Pablos» (2020).
A experiencia na composición de música moderna, contemporánea e para medios audiovisuais axuda a crear unha gran versatilidade no traballo de Carme Rodríguez, que achega texturas harmónicas detallistas, sen perder de vista a emoción como eixe vertebrador dunha música ecléctica, entre o pasado e o presente.
www.carmerodriguez.com
Dirección artística
ANA INÉS JABARES-PITA
Directora e deseñadora galega, desenvolve o seu traballo a nivel internacional, na ópera, danza, teatro, cine e exposicións. Ten unha extensa formación musical e un grande interese polas novas tecnoloxías como parte do proceso de deseño. Gañadora de varios premios, entre eles o Premio Linbury de Deseño Escénico en 2013 polo deseño de The Driver’s Seat para o National Theatre of Scotland, que incluía escenografía, vestiario e vídeo. Actualmente está a deseñar a ópera The Wreckers de Ethel Smyth para Glyndebourne no Reino Unido. Nos últimos meses estivo traballando como escenógrafa para a ópera Breaking The Waves de Missy Mazzoli, dirixida por Melly Still para o teatro St. Gallen (Suíza), e no mes de outubro debutou no West End de Londres coa obra Pride and Prejudice* (*sort of), gañadora dun Olivier Award, no famoso teatro Criterion en Picadilly Circus. Traballa coas compañías máis prestixiosas do Reino Unido, incluíndo a English National Opera, Royal Court Theatre, Young Vic, Royal Shakespeare Company, Headlong, Birmingham Repertory Teatro, Royal Lyceum, Gate Theatre e National Theatre of Scotland, e con museos como Dulwich Picture Gallery e V&A. Os seus deseños víronse internacionalmente en Italia, Dinamarca, Alemaña, Canadá, España, Australia e Estados Unidos.
OCTAVIO MAS IBÁÑEZ
Deseño de iluminación
Artista plástico con ampla experiencia como iluminador, escenógrafo e director técnico en diferentes disciplinas das artes escénicas: ópera, concertos, teatro, danza ou performance. Estudou na Escola de Artes e Oficios de Vigo e trasladouse en 1989 a Santiago, onde compaxinou os seus estudos de Fotografía na Escola Mestre Mateo co seu traballo en iluminación na TVG. No ente público exerceu durante 7 anos e posteriormente participou en rodaxes de cine e publicidade, con produtoras como Peymar SL, CTV, Faro S.A., RTVE etc., ao tempo que comezou o seu traballo como iluminador e escenógrafo de artes escénicas para diferentes compañías de teatro, danza e grupos musicais. Formouse en dramaturxia nos cursos do Centro Dramático Galego, así como en diferentes encontros, congresos e conferencias, e dun xeito máis directo, na súa ampla colaboración, de máis de 30 anos, con diferentes dramaturgos a nivel nacional e internacional. Os seu estilo caracterízase por unha evolución cara á creación máis contemporánea, así como pola dirección técnica na implantación e manexo das súas instalacións.
MASAKO HATTORI
Deseño de videoarte
Nada en Xapón. Licenciada en Artes Plásticas polo Colexio de Arte de Kyoto e licenciada pola Escola Superior de Arte de Aix-en-Provence (Francia) nas especialidades de Videoarte, Debuxo, Son e Performance. Despois de traballar en Xapón como deseñadora gráfica e profesora adxunta na Universidade de Arte de Kyoto, trasladouse a Francia para ampliar os seus estudos de Belas Artes, onde se especializou na performance. Na actualidade, ademais das súas instalacións, proxeccións en festivais, performances e o seu traballo de deseño gráfico, colabora con compañías de teatro e danza en Portugal, Bélxica, Francia e España, para as que realiza creacións, performances e vídeo-escenográfico. Creou a súa propia compañía de arte escénica multidisciplinar, Kokoharuka, no ano 2017 en Santiago de Compostela.
Soprano
Clara Jelihovschi Panas
Nada en Moldavia, Clara Jelihovschi Panas realizou amplos estudos como solista de canto, directora de coro, profesora de música e pianista acompañante no Conservatorio Estatal de Chisinau. Tras a súa graduación en 1994, continuou a súa formación na Universidade de Música de Bucarest, onde obtivo o Título Superior de Canto e o Máster de Solista. Como profesional, interveu coa Filharmónica «Georges Enescu» de Bucarest, ofrecendo numerosos recitais cun amplo repertorio, acompañada de piano, coro e orquestra. Entre os anos 2000 e 2004 formou parte de Operettenbuhne Wien, orquestra coa que levou a cabo numerosas xiras por Alemaña, Austria, Suíza, Holanda, Dinamarca, Xapón, China, Francia e Italia.
Dende 2007, xa afincada en España, participou en numerosos concertos e recitais en distintos puntos do país. Así mesmo, colaborou como solista en varios concertos coa Orquestra Sinfónica de Galicia, a Banda Municipal da Coruña e a de Santiago de Compostela, ademais de con múltiples coros e agrupacións de prestixio. Interveu baixo a batuta de importantes directores como S. Comissiona, Seiji Ozawa, Miguel Anxo Gómez Martínez, Misha Katz, I. Wehner, José Miguel Pérez Sierra, C. Mandeal etc. Tamén participou en diversas clases maxistrais, entre as que destacan as dirixidas por Renata Scotto e Alberto Zedda, que valoraron as calidades técnicas e interpretativas da artista ao máximo nivel. Así mesmo, foi convidada por Leo Nucci con motivo da Gala Lírica dada polo famoso barítono na Coruña en 2016.
Ademais da súa actividade como cantante, a súa vocación docente levouna a compaxinar os seus concertos coa impartición de clases de canto e música en distintas institucións da Coruña.
NOtas ao programa
DELGADO GURRIARÁN E O EXILIO MEXICANO
Álex Salgueiro García, fagotista da Sinfónica de Galicia e Zoar«Á poesía pódese chegar polo camiño do verso, con tódolos seus artificios, pode garnirse coa metáfora ou ir ispida de enfeites. A poesía vivirá eternamente. Por muito que se materialice o mundo, sempre ficarán tolos con estrelas na frente e cantares no bico. A poesía non compre entendela, sinón sentila».
Florencio Delgado Gurriarán
O programa presentado neste concerto procura asemade o recoñecemento á persoa de Florencio Delgado Gurriarán e ao colectivo galego exiliados en México cunha selección representativa das súas obras. Como xa se foi facendo tradición, no Concerto das Letras o Consello da Cultura Galega achega a encarga dunha nova peza, neste caso á compositora Carme Rodríguez, para voz e quinteto de vento sobre textos do poeta homenaxeado, contribuíndo así a aumentar o reducido repertorio musical baseado na súa poesía. As creacións musicais ligadas á diáspora mexicana seleccionadas son obras dos seus principais referentes: Adolfo Salazar, Rodolfo Halffter e Jesús Bal y Gay. Bos amigos xa dende a súa etapa madrileña, reencontráronse en México, onde seguirían colaborando, en particular na creación da revista Nuestra Música, xunto con outros compositores locais como Carlos Chávez e Blas Galindo.
Adolfo Salazar foi un dos musicólogos máis relevantes e influentes. Mantivo unha estreita relación cos intelectuais da época, tanto con literatos, por exemplo con Lorca, coma con músicos, entre eles Falla ou Gerhard, exercendo de nexo entre xeracións artísticas e proxectando as carreiras dos emerxentes. Compuxo esta Zarabanda coa intención de incluíla nunha publicación que se dedicaría a Góngora, no tricentenario da súa morte no ano 1927, efeméride que impulsaría o xurdimento da coñecida Xeración do 27. Dedicada ao violista francés Paul Louis Neuberth, esta pequena composición está baseada no criptograma GGRA (sol-sol-re-la), evocando esa antiga danza cunha parte central construída sobre motivos casteláns do século XVI.
Seis pezas pra canto e piano encol das verbas de Amado Carballo é a primeira obra do catálogo do lucense Jesús Bal y Gay. O compositor tiña predilección polo poeta pontevedrés, iniciador do hilozoísmo -no que Delgado Gurriarán se inspira para o seu Bebedeira-. Nestas 6 breves cancións aparecen elementos propios da música de vangarda daquel momento: a bitonalidade e o uso expresivo das disonancias, así como algúns ritmos populares, como o de muiñeira no primeiro número. A escritura vocal é austera, de carácter declamatorio, mentres que o protagonismo recae no acompañamento.
O aragonés Rodolfo Halffter amosou cedo interese pola música tradicional galega. Unha boa mostra foi a ambientación sonora do documental Galicia (Saudade) (1936), dirixido por Carlos Velo, que foi proxectado no pavillón republicano da Exposición Internacional de París en 1937. Pouco despois compuxo a Muiñeira das vellas en Barcelona, unha adaptación da melodía dunha antiga danza recollida e transcrita polo musicólogo Eduardo Martínez Torner en Albarellos (Monterrei), que xa entón só lembraban algúns gaiteiros retirados. Esta melodía, renomeada como Danza de Albarellos, tamén foi interpretada polo grupo Milladoiro e empregada no filme La mitad del cielo, pola que o grupo recibiu o premio á mellor banda sonora na I edición dos premios Goya, no ano 1987.
Bal y Gay coñeceu a Stravinsky en México en 1940, durante a súa primeira xira no país azteca. A súa amizade supuxo unha grande influencia na súa música, feito que se reflicte claramente no Divertimento (aínda que o compositor sinalaba que a principal influencia era Falla). É unha obra inspirada nas serenatas e casacións do século XVIII e, coma elas, pretende agradar os oídos e os espíritos sen representar nada nin espertar estados de ánimo concretos.
O ourensán Antonio Fernández-Cid foi conferenciante, locutor de radio e crítico musical. Sen dúbida, unha das voces máis autorizadas sobre a lírica española durante o franquismo. Foi o promotor dun singular proxecto para a profusión do xénero da canción lírica. Fernández-Cid conseguiu que un amplo abano de compositores, tanto figuras consagradas coma novas promesas, participasen nel co único condicionante de empregar como letra un poema escrito en galego. O resultado foron dous ciclos de cancións: un primeiro con doce pezas sobre autores galegos, estreado en 1951, e un segundo con 22 obras exclusivamente con textos de poetas ourensáns, que foi estreado en 1952 con motivo da inauguración do Conservatorio de Ourense. Aureana do Sil é un bo exemplo desta empresa, para a que o catalán Frederic Mompou compuxo esta fermosa melodía sobre as palabras con que Cabanillas inmortalizou ese oficio ancestral das buscadoras de ouro das ribeiras do Sil valdeorresas.
Fillo dun galego emigrado a México a principios do século XX, o poeta e dramaturgo Salvador Novo foi o autor dunha representación teatral do Don Quijote adaptada para público infantil, que foi acompañada por composicións orixinais de Jesús Bal y Gay e dos mexicanos Carlos Chávez e Blas Galindo. Unha exitosa produción do Teatro de Bellas Artes que achegou a universal obra cervantina a milleiros de nenos e nenas en 1947. As pezas do lucense, presentadas aquí a modo de suite, teñen un claro carácter descritivo e danzante, e están escritas en estilo neoclásico e influxo folclorista.
O mundo do viño é, sen dúbida, un dos temas recorrentes na obra de Delgado Gurriarán. A súa visión dionisíaca de Valdeorras, do seu viño e mesmo das castes das vides ateigan a súa poesía. O tempo da colleita é fermosamente debuxado na Cantiga da vendima, outro dos poemas que, musicado por Gerardo Gombau, pertence ás coleccións de Fernández-Cid. Melodías con xiros da música popular escrita cunha harmonía avanzada que adianta o cambio estético que neses momentos iniciaba o salmantino, abríndose ás correntes vangardistas da época.
Rodolfo Halffter impartiu clases de composición nos cursos universitarios de «Música en Compostela» durante tres edicións, a última en 1979. Nese mesmo ano recibiu unha encarga da Academia Mexicana de Artes, Epinicio, que foi dedicada á frautista María Elena Arizpa. Trátase dunha obra para frauta soa de corte rapsódico a modo de himno triunfal. O compositor emprega técnicas avanzadas, como os sons multifónicos; está escrita coa técnica dodecafónica, tendencia que Halffter introduciu en México nas programacións musicais.
Diásporas é o título da obra encargada polo Consello da Cultura Galega para o Concerto das Letras 2022. A compositora ribadense Carme Rodríguez «pretende acoller musicalmente un anaco da ‘Galicia infinda’ coa que Florencio Delgado Gurriarán soñaba. Un lugar luminoso e universal no que agroma unha primavera de arte e compromiso, pero que nunca chega a afastarse desa permanente saudade que a define». Do grego
TEXTOS
Seis pezas pra canto e piano
Textos de Amado Carballo
Égloga
Mama o campo oxe
leite de campanas,
para él monxe o crego
quentes bateladas.
Spleen
O día amarelo
aboyaba morto
nas ágoas do ceo.
Noite
A cibdade pesca a ardora
e diante da sua rede
de luces d’ouro tomado
fuxe a lua como un peixe.
O que morreu no mar
Tiña doce netos
aquel mariñeiro,
todos eles caben
debaixo d’un cesto.
Epifanía
No queipo de vimio
o neno labrego
era un roibo Xesús pequeniño.
Afogado
A ágoa tan serea
como o ceo quedou,
mais aboya a luz da lua
o cadavre da sua voz.
Aureana do Sil
Texto de Ramón Cabanillas
As areas de ouro aureana do Sil
son as bagoas acedas que me fas chorar ti
Si queres ouro fino aureana do Sil
abre o meu corazon tés de atopalo ali.
Co que collas no rio aureana do Sil
mercaras cando moito un amor infeliz
Para dar c’un cariño verdadeiro has de vir
enxoitar os meus ollos aureana do Sil.
Cantiga da vendima
Texto de Florencio Delgado Gurriarán
Antre as retortas cepeiras,
frorazón de raparigas
dálle aos acios doce morte
coas manciñas que acariñan.
O vento abanea as vidras
pra darlle o adeus aos acios;
do roxo culeiro sol
escoa o celme dos raios.
Manciñas de nenas louras
entre as follas depinican;
follas das tortas cepeiras
as mornas fazulas bican.
Rachan o ar os alalás:
laios das cepeiras tortas
polos acios a chorar;
sorrisas das nenas louras
seus amores a cantar.
«Co bago doce da boca
déitame celme de amor,
que andan a esmagar os ciúmes
o acio do meu corazón.
¡Ai, nena!,
a túa boca toda é mosto
agre-doce de garnacha;
o teu ollar, viño novo,
bébeda ten miña i-alma.
¡Ai, nena!,
os degoros non desouzas
do teu virxe corazón,
que o tempo,
na vidra da nosa i-alma,
fai desfolla de ilusións».
Mistúranse os alalás
á poeira das congostras;
andan zugando as abellas
o celme da moza fresca
e os beizos das nenas louras.
O poente estrulla o día
encol do lagar das serras
e nos bacelos da noite,
maduran acios de estrelas.
Diásporas
Textos de Galicia infinda (1963), de Florencio Delgado Gurriarán
Xacarandá
A esta terra da infinda primadeira
a nova primadeira vai chegar
e a xacaranda teima en estoupar,
foguete malva, na mañán marceira.
Das súas ponlas pendura, churrusqueira,
axóuxeres azúes, a vibrar
nun ourente tanguido que enche o ár
e espalla o seu engano feiticeira.
Orvallada de frores no chan deita,
a choiva malva-azul o parque enfeita...
E, verde muiñeira polo vran,
peneira o ardente sol, coas súas folliñas
da bris arrandeadas, e as herbiñas
recadan, a bulir, a lús no chan.
Volta
Pola ridente alborada
vai o tren, cara o meu lar,
tanxendo unha pandeirada
coa lediza de voltar.
Namórame o feitizo do tesouro
Nin crásico cipreste: xeometría
circia e lanzal, do reiseñor capela,
mística oxiva, ergueita cintinela
do vello pazo ou da espadana esguía.
Nin os bidos en verde teoría,
veira da estrada, a debecer na arela
de camiñar e camiñar por ela,
romeiros dunha eterna romeiría.
Nin o eucalipto a acoitelar os ventos.
Nin o piñeiro a marmular concentos.
Nin a esmeralda a tremer dos ameneiros...
Namórame o feitizo do tesouro
—fino brocado de candeas de ouro—
enfeite dos petrucios castiñeiros.
Galicia infinda (extracto)
Nosa Galicia é máis que toda a Terra.
Galicia só limita coa Saudade, elástica fronteira
que serve para o tempo e para o espacio
—onde un galego está, atópase ela—,
mais que ninguén atravesala pode
inda que leve nos papés: Poeta