
Como podo asistir
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, ten o pracer de te convidar ao Concerto das Letras Galegas, que neste 2023 homenaxea a Francisco Fernández del Riego.
A Real Filarmonía de Galicia e o Coro de Cámara Rías Baixas interpretarán obras de Reveriano Soutullo e de Jesús Bal y Gay e a estrea absoluta de Sinfonietta, unha obra orixinal do músico vigués Brais González Pérez composta por encarga do Consello da Cultura Galega sobre textos de Salvador García-Bodaño e Xaime Isla Couto.
Teatro Afundación Vigo
Policarpo Sanz, 13, 36202 Vigo
16 de maio de 2023 | 20:30 h
Entrada libre e gratuita logo de retirar as entradas a apartir do 2 de maio en Ataquilla.com
Programa
Concerto das Letras Galegas 2023.
Francisco FernÁndez del Riego
Orquestra: Real Filharmonía de Galicia
Director: Maximino Zumalave
Voces: Coro de Cámara Rías Baixas
Director: Bruno Díaz
Compositor da obra de estrea: Brais González Pérez
La leyenda del beso. («Escena e Intermedio») (1924)
Música de Reveriano Soutullo Otero (Ponteareas, 1880 - Madrid, 1932) e
Juan Vert Carbonell (Carcaixent, Valencia, 1890 - Madrid, 1931)
Concerto grosso. Escrito en homenaxe a Johann Sebastian Bach (1951)
Música de Jesús Bal y Gay (Lugo, 1905 - Torrelaguna, Madrid, 1993)
I. Adagio-Moderato
II. Adagio
III. Allegro
Sinfonietta*
Música de Brais González Pérez (Vigo, 1987)
I. «Cabeleira de néboas». Moderato molto (texto de Salvador García-Bodaño)
II. «A miña burriña». Andante
III. «Corazón do país». Allegro con spirito (texto de Xaime Isla Couto)
*Obra orixinal para coro e orquestra composta por encarga do Consello da Cultura Galega
sobre textos de Salvador García-Bodaño e Xaime Isla Couto dedicados a Francisco Fernández del Riego
PARTICIPANTES

ORQUESTRA
REAL FILARMONÍA DE GALICIA
A Real Filharmonía de Galicia nace como un ambicioso proxecto cultural en Santiago de Compostela no ano 1996. Baldur Brönnimann é, desde xaneiro de 2023, o seu director titular e artístico, posto no que lle precederon Helmuth Rilling, Antoni Ros Marbà e Paul Daniel. Está formada por cincuenta músicos de 17 nacionalidades diferentes.
Con sede no Auditorio de Galicia e xestionada polo Consorcio de Santiago, mantén unha tempada de abono estable, levando a súa música por toda a comunidade galega. Ao longo da súa traxectoria acompañárona os máis destacados directores, cantantes e instrumentistas do mundo. Realizou xiras e concertos en escenarios de Alemaña, Austria, Francia, Brasil, Arxentina, Cuba e Portugal.
A RFG mostra un especial interese pola creación contemporánea, apoiando a estrea de obras de novos compositores e compositoras galegas. Tamén é habitual a súa colaboración con artistas dos máis diversos estilos musicais.
A súa discografía consta dunha quincena de CDs, dedicados a Maurice Ravel, Manuel de Falla, Frederic Mompou, Antón García Abril, Franz Schubert ou José Arriola.
A Real Filharmonía de Galicia traballa por achegar a música clásica a todos os públicos. Para iso promove concertos gratuítos na rúa, nos barrios e en diferentes puntos da cidade compostelá. No seu afán por chegar aos máis novos, realiza propostas didácticas, familiares e programas especiais.
Comprometida coa educación musical das novas xeracións, a orquestra forma un proxecto conxunto coa Escola de Altos Estudos Musicais, coa que colabora para ofrecer unha formación altamente especializada en práctica orquestral a novos intérpretes.

Director
MAXIMINO ZUMALAVE
Maximino Zumalave (Santiago, 1956) é un director e pianista formado musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. Director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais. Con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Georghiu, W. Holzmair, as irmás Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, C. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Johnson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa. Dirixiu importantes formacións tanto estranxeiras como españolas, como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, Sinfónica de Praga, Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, Nacional de Lille, Sinfónica de Odense, Sinfónica de Porto, The Brabants Orchester (Eindhoven), Orkest van het Oosten (Enschede), English Baroque Soloists, Bach Collegium, Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou Orquesta Ciudad de Granada, entre outras.
En febreiro de 1995 foi elixido académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario. En xuño de 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao.

Voces
CORO DE CÁMARA RIAS BAIXAS
O Coro de Cámara Rías Baixas é unha formación non profesional que persegue a excelencia musical. Dende a súa presentación no ano 2014 leva realizados arredor dun centenar de concertos. Trátase dunha agrupación xa consolidada no sur de Galicia. O coro interpreta obras fundamentais do repertorio coral acompañado polas principais orquestras da comunidade. Ademais, tamén organiza regularmente concertos de produción propia, nos que difunde obras de compositores galegos, e permite a proxección de novos solistas.
BRUNO DÍAZ
A dirección artística do coro está a cargo de Bruno Díaz. Realizou os seus estudos superiores de Música no Conservatorio de Música de Vigo, na especialidade de Instrumentos de Música Tradicional Galega. Fixo un mestrado en Teatro e Artes Escénicas na Universidade de Vigo e ten o título de Trompeta e Gaita polo Conservatorio Xan Viaño. Completou a súa formación coa asistencia a prestixiosos cursos de perfeccionamento de interpretación, investigación e dirección coral.

Compositor da obra de estrea
Brais González Pérez
Brais González (Vigo, 1987) estudou na Universität Mozarteum de Salzburgo con Rolf Plagge e completou a súa formación nos conservatorios de Vigo e Oviedo. Foi premiado, entre outros, no Concurso Internacional Ciudad de San Sebastián, no Concurso Internacional Cidade de Ferrol, no Concurs Ricard Viñes de Lleida ou no IV Concours International Nikolaï Rubinstein de París.
Actuou como solista e músico de cámara nunha vintena de países europeos, e como compositor, as súas obras foron interpretadas en importantes escenarios do continente, como o Conde Duque (Madrid), o KUMU (Estonia), o Baltais Fligelis (Letonia) ou o Flux (Hungría). En agosto de 2022 estreou a súa primeira ópera, Loba Branca, no Festival delle Nazione de Città di Castello (Italia), baseada nunha lenda tradicional da serra do Courel.
NOtas ao programa
JAVIER JURADO
Catedrático de Historia da Música
Conservatorio Superior de Música de Vigo
Do mesmo xeito que resulta sinxelo trazar a ruta diaria do paseo de Fernández del Riego, desde o seu enderezo en Doutor Cadaval até a Alameda (antiga sede da editorial Galaxia) e a praza da Princesa (onde se atopa a Fundación Penzol), tamén o é establecer un percorrido pola música que o acompañou ao longo da súa existencia. Música que o reducido tempo de que dispoñemos neste concerto-homenaxe á súa figura non pode recoller de forma nin sequera aproximada, pero si a través dunha mostra representativa de autores galegos: o universal Soutullo (como don Paco, tamén vigués de adopción durante o período previo á súa partida a Madrid), a quen seguirá o polifacético Bal y Gay (que comparte co homenaxeado a facilidade para enfrontarse ás letras, no seu caso como xornalista musical) e o prometedor compositor vigués Brais González, que pechará o concerto cunha obra encargada para esta ocasión, coa que teremos a oportunidade de rememorar a figura de don Paco entoando a xota: «A miña burriña cando vai ó muíño, vai toda enfariñada, cheíña de frío…».
«Escena e Intermedio» de La leyenda del beso. Reveriano Soutullo e Juan Vert
Reveriano Soutullo Otero (Ponteareas, 1880 - Madrid, 1932) naceu nun ambiente favorable á música ao ser o seu pai director da banda de Redondela. Os seus inicios musicais levárono até a banda do Rexemento Murcia n.º 37 de Vigo e, posteriormente, a Madrid, a onde se trasladou en 1900 para estudar composición. Unha vez rematados os seus estudos, destacou na creación de sainetes para o Teatro Novedades e de obras para diferentes formacións, entre as que sobresae Vigo: Suite sinfónica sobre cantos populares gallegos, estreada no Teatro Real en 1911, no marco dunha función benéfica co fin de recadar fondos para a construción da imaxe consagrada á Virxe da Rocha en Baiona. Non foi a única das súas obras dedicada á cidade olívica, como amosan a peza bandística En las Islas Cíes e as corais con acompañamento de banda Himno a Vigo, Himno al Santísimo Cristo de la Victoria e Loor a Vigo. A estrea da zarzuela de costumes galegos Amores de aldea (1915) resultou ser determinante na súa traxectoria como compositor deste xénero lírico, que compaxinou co repertorio para piano, banda e orquestra.
Do mesmo xeito que Soutullo, Juan Vert Carbonell (Carcaixent, Valencia, 1890 - Madrid, 1931) comezou a súa formación musical da man do seu pai. Estudou no Conservatorio de Valencia con Luis Emilio Vega Manzano, quen, ao ser nomeado director da Banda de Alabarderos, se trasladou a Madrid, acompañado polo seu pupilo. Vert rematou os seus estudos de composición no conservatorio da capital e, despois de ter éxito coas súas obras iniciais, aceptou a proposta de Soutullo para compoñer xuntos.
A zarzuela La leyenda del beso, con música de Soutullo e Vert sobre libreto de Enrique Reoyo, José Silva Aramburu e Antonio Paso (fillo), foi estreada no Teatro Apolo de Madrid o 18 de xaneiro de 1924. Aínda que Soutullo colaborara previamente con outros importantes autores, como Pablo Luna (coa xa citada Amores de aldea, xusta substituta da Maruxa de Vives no Teatro de la Zarzuela), a colaboración con Vert (que se inicia en 1919 con El capricho de una reina) é, sen dúbida, a que máis éxitos lle brindou. Entre as obras compostas polo famoso tándem, destaca a triloxía La leyenda del beso (1924), La del Soto del Parral (1927) e El último romántico (1928). A pesar de todas as elucubracións do público sobre cal dos dous ideara cada número, segundo Soutullo «había una compenetración tan grande que los números suyos parecían hechos por mí y viceversa. Habíamos llegado a unificar por completo nuestros estilos personales».
La leyenda del beso, xunto con Doña Francisquita de Vives, conforma o que se denominou «restauración de la zarzuela grande». Cada un dos seus actos está integrado por seis números musicais, impregnados tanto dunha tradición lírica herdeira da zarzuela do século xix como dunha rica orquestración, non exenta das innovacións do verismo —no que se refire á conxugación de voces e orquestra— e das contribucións de Wagner.
A pesar de que La leyenda del beso é unha obra moi recoñecida, o seu «Intermedio» non deixa de ser un dos seus números máis representativos, que alcanzou unha ampla difusión en programas de orquestras, bandas e outras agrupacións. O número débese exclusivamente á pluma do mestre galego, que partiu do intermedio do sainete La chica del sereno, de 1922 (fragmento que pasou desapercibido naquela obra debido á escasa calidade da orquestra que a estreou), para resolver o arranxo nunhas poucas horas. Para a súa inclusión na zarzuela, iníciase cunha referencia ao tema do n.º 3, co que o xitano Iván comeza o seu dúo con Amapola («Amor mi raza sabe conquistar», tamén presente no n.º 6), que actúa como un dos fíos condutores da obra (quizabes pola influencia do leitmotiv wagneriano). O segundo tema é, sen dúbida, un dos máis coñecidos e valorados polo público na historia da zarzuela. O éxito da peza foi tal que na súa estrea se interpretou como bis cinco veces, segundo declaracións de Diego San José, cuñado do compositor (o dato, se cadra exaxerado, é recollido pola prensa, aínda que sen detallar o número de reinterpretacións producidas).
Concerto grosso. Escrito en homenaxe a Johann Sebastian Bach. Jesús Bal y Gay
Musicólogo e compositor, Jesús Bal y Gay (Lugo, 1905 – Torrelaguna, Madrid, 1993) comezou os seus estudos de piano na súa cidade natal. No período de 1924 a 1933, hospedouse na Residencia de Estudiantes de Madrid. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos e manifestou variados intereses no campo da composición e da musicoloxía. Interesado polo folclore de Galicia, participou no proxecto Terra de Melide, así como na recollida, xunto con Eduardo Martínez Torner, que deu pé ao Cancionero gallego. No seu escrito Hacia el ballet gallego (1924) aliñouse cos ballets rusos, que triunfaban en Europa, ao tempo que criticaba a deriva de repertorio dos coros galegos que, nesa época e auspiciados polas Irmandades da Fala, proliferaban na nosa terra. Despois de exercer como lector de español na Universidade de Cambridge (1835-1938), exiliouse a México, onde desenvolveu o cargo de director da Sección de Musicoloxía do Instituto Nacional de Bellas Artes. Regresou a España en 1965, con pouca proxección (probablemente, o Réxime non viu con bos ollos a volta dun autor que se manifestara na loita contra as ditaduras), trocada nun gran recoñecemento unha vez alcanzada a democracia.
Aínda que non pertence ao denominado Grupo dos Oito, a súa proximidade a estes compositores e, en consecuencia, aos movementos culturais que definiron a Xeración do 27 é innegable (a súa muller, Rosa García Ascot, foi membro do grupo e alumna de Manuel de Falla). Bal y Gay amósasenos como unha figura única que salienta, ademais de por ocasionais contribucións á composición ou á investigación, no ámbito do xornalismo musical.
O seu Concerto grosso (1951), «compuesto en homenaje a J. S. Bach», para frauta, óboe, clarinete, fagot e orquestra, enmárcase na estética do neoclasicismo de Stravinskii, sobre o principio de «retorno a Bach» que se plasma na liña melódica fluída, a expansión continua e a estrutura orgánica da forma, características propias do Barroco. O matrimonio Bal-García Ascot mantivo unha excelente amizade con Stravinskii, nacida na primeira xira mexicana do compositor (1940) e desenvolvida nas súas visitas posteriores. Probablemente, Bal coñecera a música de Stravinskii con anterioridade, xa que consta a execución dalgunhas das súas obras en concertos organizados pola Residencia de Estudiantes en 1931, 1933 (quizais coa participación de Stravinskii ao piano) e 1935 (con Soulima Stravinskii, fillo do compositor, e con Poulenc, Rosa García Ascot e Leopoldo Querol na transcrición do Concerto para catro claves de Bach).
Sinfonietta. Brais González
O pianista e compositor Brais González (Vigo, 1987) une á súa extensa formación (Universität Mozarteum de Salzburgo e conservatorios superiores de Vigo e Oviedo, alén de clases maxistrais cos máis destacados intérpretes mundiais) o interese por diversos eidos musicais, nos que sobresae de xeito prometedor. Os seus diversificados intereses levárono da música académica (como solista, pianista acompañante e integrante de diversas formacións camerísticas) ao ámbito das músicas urbanas (folk, indie, música para imaxe…) e tamén ao da creación musical, todos eles perceptibles na súa incipiente discografía.
Como compositor, as súas obras xa foron interpretadas por orquestras galegas e portuguesas, dirixidas por mestres como Javier Viceiro, Christopher Bochmann, Iminas Kučinskas e Isabel Rubio. Desde 2013 dirixe e coordina Caspervek Ensemble, grupo dedicado á execución en directo da música de cine mudo co que xa actuou en máis dunha decena de países europeos.
Sinfonietta, para coro e orquestra, sobre textos de Salvador García-Bodaño e Xaime Isla Couto dedicados a Francisco Fernández del Riego, foi composta por encomenda do Consello da Cultura Galega (CCG) para a ocasión. Tras facilitarlle ambos os dous poemas ao compositor, o pianista Alejo Amoedo, vogal da Comisión Executiva do CCG e coordinador do Arquivo Sonoro de Galicia, suxeriulle ao autor o emprego dunha xota tradicional moi querida por don Paco; deste xeito, a obra sinfónico-coral, concibida orixinalmente en dous movementos, converteuse nunha pequena sinfonía en tres movementos.
O primeiro movemento, «Cabeleira de néboas», sobre texto de García-Bodaño, presenta unha estrutura baseada na forma da sonata. Para atenuar o carácter pouco lírico do texto, o compositor seleccionou e reordenou os versos orixinais, e transformou a oda a Fernández del Riego nun canto a Galicia, que se estende desde o particular até o universal.
O segundo movemento, «A miña burriña», exclusivamente instrumental, recrea a melodía popular homónima (recollida, entre outros, no Cancionero gallego de Bal y Gay). Perfectamente recoñecible na súa exposición inicial, experimenta unha transformación métrica por subtracción de valores que, sen perder o contorno melódico, evidencia o interese do compositor polo emprego do ritmo. A ambientación galega dá paso á evocación doutras sonoridades peninsulares, froito dos anos que viviu en Málaga e o seu interese pola figura de Turina.
O terceiro movemento, «Corazón do país», musica o poema homónimo de Isla Couto, de carácter máis lírico que o correspondente ao primeiro movemento. Concibido como un rondó, pecha a estrutura ternaria da obra.
A visión ecléctica do compositor, xunto ás súas múltiples e ricas influencias, dá pé a un estilo completamente persoal e único. Considerando o estilo como ferramenta máis que como encadramento, Brais González define o emprego da tonalidade na obra como «diatonismo estendido», no que non existe un centro tonal claro, mais si un marco diatónico que subverte as funcións tonais, sen negar a utilización puntual da politonalidade. Todo un reto que o sitúa a carón dos máis grandes.