Os medios impresos e electrónicos en rede en galego

26 de outubro de 2010
Os medios impresos e electrónicos en rede en galego
O Arquivo de Comunicación do Consello da Cultura Galega vén desenvolvendo nos últimos anos tarefas de investigación e análise daevolución do panorama mediático no noso país. Así pois, e dende unha perspectiva histórica realizáronse recuperacións e estudos sobre os medios de comunicación pioneiros na historia de Galicia tanto pola súa aparición (El Catón compostelano, 1800; Primeiros diarios galegos (1808-1809); pola repercusión de cabeceiras e figuras xornalísticas (Xornalistas galegos con opinión ou recompilación de artigos de autores como Suárez Picallo, Blanco Amor, Lorenzo Varela, Curros Enríquez) como polo uso do galego (Proxecto Papés d´emprenta condenada). Así mesmo e dende aquel primeiro informe da comunicación que este ano cumpre vinte anos de existencia (Informe da Comunicación en Galicia, 1990), diversos expertos en comunicación das universidades galegas analizan a evolución do hipersector dacomunicación en todos os seus eidos: televisión, gabinetes, radio, prensa, produción audiovisual, cinema, publicidade..., para ofrecernos en cada informe unha fotografía nítida da evolución económica e de contidos dos medios. O último informe da comunicación (2010) apuntaba que os efectos da crise económica nos medios galegos estaban a facerse sentir e que o sector vive unha fase de importantes cambios. Aprezouse que a oferta mediática seguía reforzándose con novas canles pero os avances no emprego do galego non camiñaban ao mesmo ritmo e, incidíase, preséntanse importantes retos pendentes neste ámbito. Sen dúbida, o transcurso dos acontecementos pon de manifesto a necesidade dunha reflexión e debate sobre a situación actual dos medios impresos e electrónicos en rede en galego, tanto do panorama do presente como dos desafíos. Por tal motivo organizouse a celebración dunha xornada de reflexión e diálogo en que diferentes responsables de medios en galego debateron sobre asuntos determinantes e de absoluta actualidade como é a política da Xunta en relación cos medios, o actual panorama informativo en galego ou a análise do marco económico dos medios impresos e electrónicos en Galicia.
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova: